Hai preto de nós un sitio (unha paisaxe, un monumento, unha vila ou aldea) do que nos falan marabillas. Aínda non o fomos visitar “porque queda tan cerquiña que podemos ir en calquera momento”.
A experiencia con poemas de amor en febreiro contóunola Carme Loriga hai un par de anos. Pareceunos excelente pola súa sinxeleza, e foi por iso que -encerellados en “enredos maiores”- a fomos deixando, deixando... Case nos pasa como con aquel sitio tan veciño que segue esperando por nós.
Por fin nos decidimos, e estamos sorprendidos da acollida.
Seleccionamos vinte e cinco poemas de amor, expuxémolos e realizamos copias en folios de cores (catro por folio) para que cada quen collese o que lle apetecese.
No primeiro día de exposición (seguirá) fixemos 40 copias de cada e “voaron” todas. 40 x 25 = 1000, a conta ben sae.
A onde foron? Non o sabemos. Algúns puideron ir ao lixo ou á páxina dun diario persoal. Outros puideron acompañar un flor enviada á/ao mozo@ ou servir de marca-páxinas para un libro. Quen o sabe?
O único certo é que agora hai mil poemas (e segue) onde antes non os había.
Ningún comentario:
Publicar un comentario