Páxinas

15 outubro, 2010

Unha recomendación: "Circe ou o pracer do azul", de Begoña Caamaño


Circe ou o pracer do azul (publicada por Galaxia en 2009) é unha moi arriscada e ben resolta novela de Begoña Caamaño.

Cóntase nela a relación epistolar que manteñen Circe e Penélope, a propósito da verdadeira personalidade de Ulises, quen ao seu regreso de Troia acabou na illa e no leito da deusa. A través das cartas, o que, en principio, puidese parecer unha relación imposible, termina por se converter nunha sentida amizade, na que o entrecruzamento dunhas identidades femininas tan distintas e distantes permite un enriquecemento de ambas.

A historia que argalla Caamaño está explícitamente comprometida co feminismo, e nela, tanto as mulleres que trangriden como os homes coa afouteza de amalas, teñen un coidadoso tratamento, ata o punto de que a narración elude axilmente a discursividade e o doctrinalismo.

É, certamente, brillante a moi detida construción das personaxes que vai facendo a autora, e niso está, precisamente, a razón fundamental do exitoso resultado da novela. Toda sensación (natural) de anacronía que o lector pode ter ao se preguntar pola existencia dun pensamento feminista no primeiro milenio antes da nosa era, disólvese pola habilidade de Caamaño ao confinalo nos límites das mentes das protagonistas. No seu aillamento nos individuos, tal pensamento resulta completamente verosímil e a súa matizada complexidade engrandece as figuras literarias de Circe e Penélope.

A novela ofrece, por  tanto, unha verosímil e, en ocasións, profunda disección da identidade da experiencia amorosa; da relevancia da relación sexual nese contexto; do importuno da distancia física para o mantemento da paixón; da, en fin, imposibilidade da unanimidade na percepción dos demais...

Por último, a habilidade de Caamaño chega ao punto de conseguir dar corpo renovado a uns mitos e de conferir, gracias a iso, unha dimensión intemporal ao problema do machismo e das relacións entre home e muller.

Moi recomendable.

1 comentario:

  1. Mª Buxán20/10/10, 14:24

    Vaia, Carlos, ti si que sabes animar a ler un libro

    ResponderEliminar