Páxinas

03 novembro, 2010

Aller, “teorema escrito da estrelecida vía”.



Hai pouco, recuperaba Méndez Ferrín, no seu “fondo dos espellos”, a memoria das infamias vertidas sobre a Academia, nos inicios dos corenta, e lembraba o texto con que Otero Pedrayo reclamaba a honra para algún dos novos académicos. Así se refería o mestre de Trasalba ao sabio lalinense: 

“Teorema escrito de estrelecida vía”.

Hai pouco, nós dedicabámoslle o Ano Internacional da Astronomía a Don Ramón Aller, agora os compañeiros de Ciencias convídannos a celebrar, o Día da Ciencia en Galego e dedícanlla a James Clerk Maxwell, Afonso X e Ramón Mª Aller (“Un astrónomo que promove a modernización científica galega do seu tempo e funda o primeiro observatorio astronómico galego. A primeira Facultade de Ciencia galega é herdeira do seu labor”.)

Na que vai, A Marela séntense obrigada a facervos dous pequenos agasallos.
O primeiro é o número do noso boletín impreso: Don Ramón, a simple vista (versión Pdf). Nel, recollemos algunhas das actividades con que celebramos o 1999 e resumimos algunhas consideracións sobre o noso astrónomo:


O segundo é a expresión dunha pequena frustración que temos. 

Aí atrás, dabamos conta neste blogue da doazón de Victorino Gutiérrez ao Instituto. Tratábase de diversos manuscritos de Don Ramón, varios inéditos, que pretendiamos dixitalizar. Os nosos limitados medios impiden unha dixitalización total e precisa. Por iso nos conformamos con ofrecervos pouco máis que as portadas dos tres primeiros cadernos-rexistro (inéditos) do Observatorio de Lalín.


Unha cousiña máis: podedes botarlle unha visual a este fermoso comentario, A honradés científica, de Juan L. Blanco Valdés, a propósito da reedición d’Os ensaios en galego.

1 comentario: