27 febreiro, 2009

Don Ramón, “a simple vista”

Conforme nos imos introducindo na figura de Don Ramón Aller, imos descubrindo o moito que descoñecemos do pai da astronomía galega. O venres pasado, Victorino Gutiérrez Aller, debullando lembranzas propias e alleas, foinos desvelando algunhas das súas claves familiares e persoais. Foi unha charla que perfilou o retrato de Don Ramón con trazo preciso, sen deixar de adobialo con saborosas anécdotas. Vai ser complicado sintetizala.

A familia.

O encontro de Camila Ulloa e Enrique Aller foi o de dúas persoas que “procedían de mundos moi diferentes” e que formaron unha perfecta “simbiose”, baseada nun “respecto mutuo total”. Ela, fidalga campesiña no sentido máis tradicional; el, xurista, intelectual e mesmo violinista. Para casaren, Camila impúxolle dúas condición ao seu pretendente: Aprobar notarías (fíxoo co nº 1 da promoción) e exercer como notario en Lalín (foino ata a súa morte).
En fin e en palabras de Victorino: a súa era “unha familia fidalga, non ilustre, pero ilustrada; conservadora, pero non reaccionaria; católica e liberal”.
Excepto Ramón, todos os varóns foron “xuristas, miopes e afeccionados ao naipe

A biblioteca.

A casa de Filgueiroa albergaba “unha gran biblioteca”, na que ademais dos grandes da literatura, había mesmo “libros prohibidos” e, por suposto, a Gran enciclopedia hispano-americana.
Unha gran biblioteca que nutriu os apetitos intelectuais de Ramón e o habería converter nun grande humanista.

Don Ramón, a simple vista.

-->

Falou logo Victorino do seu tío dende unha perspectiva humana: a súa vivencia do sacerdocio, a súa cultura, a súa predilección e habelencia ás artes manuais, as súas dotes pedagóxicas, a súa aproximación ao galeguismo na compaña de Noriega Varela, Otero Pedrayo ou Vicente Risco...

Pero, escoitemos mellor a Victorino...


-->

Colofón: o máis fermoso agasallo.

Mal puidemos recoller nestas liñas a conferencia e peor podemos facelo para explicar o impacto final que nos tiña reservado o conferenciante. Quen segue as entradas que imos redactando sobre a exposición que temos sobre Ramón Aller sabe que gozamos do luxo de poder exhibir varios inéditos e manuscritos do sabio. Foi Victorino Gutiérrez quen nolo prestou e que, o venres, ao final da charla, anunciou que ...


Pensabamos que tiñamos algúns libros valiosos, pero agora temos... que temos? Como lle chamamos? Un tesouro? Como o imos administrar? Só somos unha Biblioteca Escolar! Estaremos á altura? A reflexión ten que ser máis longa e así o faremos. Mentres tanto, moitas graciñas, graciñas de corazón, Victorino!


Ningún comentario: