Páxinas

24 novembro, 2012

(Millet, Dalí, Morris) : El ángelus, de Giroud & Homs


Un excelente guión e un prodixioso desenvolvemento gráfico: non cumpriría engadir máis nada ao comentario sobre “El Ángelus” (Norma: 2012), unicamente xustificar os adxectivos empregados.

Clovis, o protagonista, é un visitador médico de 45 anos, engulido polo seu traballo e case un inmigrante inadaptado na súa familia: “¡Si ni siquiera sabes encender el lector de DVD!¡Eres un retrasado! ¡Un pitecántropo! /.../ ¡Mis amigos tienen padres como tú, incluso más viejos, y no hay ninguno que no tenga móvil, que no sepa usar el ordenador y que aún utilice la guía de teléfonos! ¡La guía! ¡Por suerte en el cole nadie lo sabe, o me moriría de vergüenza!” -bérralle o seu fillo adolescente, ao descubrir que Clovis, por impericia, lle bloqueou o computador, mentres trataba de imprimir L'Angélus de Millet.

L'Angélus de Millet. Fonte:  Wikimedia Commons
L'Angélus é a chave que lle permitirá a Clovis abrir os subterráneos por onde transitara e nos que foran quedando soterradas as outras posibles direccións da súa vida. Fascinado polo cadro de Millet, o noso protagonista descobre que Dalí comparte a súa fascinación e mesmo a eleva a auténtica obsesión, así que se decide a investigar. Investigará e descubrirá. Descubrirá as claves da relación Dalí / L'Ángélus e descubrirase a si mesmo debaixo da morea de rutinas que o esmagaban.

Dalí: Réminiscense archéologique de l'Angélus de Millet
Millet, Dalí, Morris (si, o de Lucky Luke)... impulsos irracionais, teimas incontroladas, segredos familiares, rumores fosilizados, rumores novos, xiros e reviravoltas suficientes para crear unha gran trama folletinesca..., a cantidade de recursos e referencias narrativas que Giroud dispón é tan grande como o risco de acabar tecendo unha selva inextricable, na que se puidese perder o lector. Non sucede iso: Giraud estende e dosifica o real, o realista, o sorprendente e o imprevisible de tal xeito e con tal elegancia que o lector queda rapidamente atrapado na rede e déixase guiar ata o (innecesario?) desenlace. Polo camiño, o lector pode atoparse con suxestións para a reflexión sobre a arte e a creatividade, sobre a enfermidade e a vida, sobre as relacións sociais e os conflitos familiares, sobre a renuncia ou a reivindicación...

Dalí: Les atavismes du crépuscule (phénoment obsessif)
Claro que a eficacia do guión é difícil de imaxinar sen o tratamento gráfico de Homs.

Desde grandes planos panorámicos ata ínfimos detalles ou obxectos debuxados pormenorizados ao extremo, desde os estados psicolóxicos ata as continuas rupturas temporais, o lapis e as cores de Homs reflicten, completan e reforzan o guión de Giraud.


No material adicional o debuxante explícanos algúnhas claves do uso e construción da liña e a cor. Paga a pena ler esas explicacións e regresar á obra para agradecelas e constatar a súa eficacia. Igualmente resulta agradecido comprobar como os cambios de luz e de brillo acompañan e reforzan cambios de situacións, de escenas, de espazos ou de tempos.
Dalí:  Angelus arquitectónico de Millet
Como Giraud co guión, Homs desprega un amplísimo repertorio de recursos, sen caer na exhibición gratuíta, nin na estridencia.

Polo demais, fixádevos na capa. Clovis e a profesora de arte do seu fillo contemplan un puzle. Fixádevos ben. Non só faltan pezas por colocar, senón que falta xente, polo menos a mirada dunha terceira persoa, alguén que ten algunha pista para colocar algunha das pezas, se cadra algúns de vós... 

Podes ver (e descargar) as primeiras páxinas en PDF 

Máis referencias en Marela Be! 

Nota: as imaxes das obras de Dalí proceden da Fundación Gala - Salvador Dalí 
 

14 novembro, 2012

Unha recomendación: "A boca chea de terra", de Branimir Sćepanović


Velaquí unha novela curta do ano 1974, alegórica e de tema existencial, e dun autor montenegrino que non ten entrada en ningunha Wikipedia, excepto na de lingua polaca. Pois ben: esta rara avis é un valioso descubrimento que acaba de aparecer na interesantísima colección Contemporánea da editorial Rinoceronte.

A recomendación fágoa dende o punto de vista do seu valor literario e dende a súa pertinencia como lectura para certos niveis educativos -penso en 4º da ESO e bacharelato.

Trata dun home que, fortuitamente, coñece que vai morrer nun prazo de poucos meses por mor dunha enfermidade. Perturbado,  foxe da súa cidade cara ás terras da súa Montenegro natal, coa idea de enfrontarse á morte nun estado de introspección total. Baixa aleatoriamente do tren nunha estación e, camiñando pola noite, atópase cunha parella de cazadores: é neste encontro co outro, cando el decide o seu destino inmediato; sen mediar palabra con eles, dá media volta e sae correndo. Esa decisión desencadea a persecución do home motivada por procesos mentais cheos de inferencias, prexuízos e presuposicións, na que terminan por participar varias persoas máis.

A novela, a diferenza por exemplo das de Kafka, non alegoriza tanto situacións como estados mentais. Neste sentido, a responsabilidade dos comportamentos dos personaxes está neles, non nunha estrutura social inintelixible; así, o que o relato de Sćepanović cuestiona é o correcto funcionamento do que, dende hai tempo, considérase específico do ser humano fronte aos animais:  a capacidade de facer presuposicións sobre o que pensan os outros. O inintelixible nesta novela non é algo alleo a nós, senón a nosa propia peculiaridade como especie.

A relevancia dos elementos introspectivos na historia xustifica a presenza de dúas voces narrativas que se alternan ao longo dela: a de un dos cazadores e a dun narrador omnisciente que, selectivamente, reflicte os pensamentos e movementos do protagonista. É destacábel esta dobre elección do autor: por un lado, evita darlle voz propia ao protagonista, e así simboliza a idea da inaccesibilidade do eu das persoas; por outro, evita un narrador completamente externo que iría contra a o seu intento de presentar aos personaxes illadamente no mundo.

A pericia do autor é tamén responsable de que a historia non se esfrague dende o absurdo inherente a unha trama alegórica, ata o que sería unha anécdota simplemente ridícula. En tanto que a acción é notablemente sinxela, todo é dunha teatralidade moi minimalista perfectamente controlada.

Toda esta habilidade narrativa está, quizais, un punto por enriba do contido existencial do relato: é probable que moitas das reflexións do protagonista soen un tanto coñecidas (o dato de 1974 non é accesorio); con todo, seguen sendo actuais, e a novela preséntaas de forma convincente e conmovedora. E dado que as motivacións últimas dos protagonistas son suficientemente complexas, a historia préstase moito a unha lectura atenta e proveitosa e á discusión, empezando pola metáfora exposta xa no seu título (e rematando co dito nesta mesma recensión).

Queda, pois, ben recomendada esta densa noveliña.

11 novembro, 2012

Novísima flor de romances

Novísima flor de romances de cego é froito da libertaria imaxinación da promoción de 4º de ESO do curso 2011-12.

Trátase dunha ollada desacomplexada sobre algúns dos prexuízos sociais que afectan á sociedade adulta, en combinación coas vellas teimas da adolescencia.
 

06 novembro, 2012

Día da Ciencia en galego, en francés

Geoffroy Monde:

Grazas á nosa irmá soubemos do Festiblog e do  Crayons X, editado por Libération, que ofrece entregas de BD dedicadas a diversos establecementos científicos franceses.

Miramos, gustounos, descargamólas e imprimímolas. Que mellor para celebrar o día da Ciencia en galego!

Para aqueles que non saben francés, Moncho traduciu e Antía rotulou, así que hai que erguer as pestanas e, por debaixo, alí no fondo, onde tantos xa non queren mirar, está...., está..., está... aquel outro idioma, si oh aquel, como é que se chamaba? Aquel que está nas columnas que sosteñen... cal era, oh?

Silver: Métaphysique d'un Tube


(Grazas a Paula Montoto e Daniel Currás por prestar corpos e intelixencia para as fotos)