Páxinas

24 novembro, 2012

(Millet, Dalí, Morris) : El ángelus, de Giroud & Homs


Un excelente guión e un prodixioso desenvolvemento gráfico: non cumpriría engadir máis nada ao comentario sobre “El Ángelus” (Norma: 2012), unicamente xustificar os adxectivos empregados.

Clovis, o protagonista, é un visitador médico de 45 anos, engulido polo seu traballo e case un inmigrante inadaptado na súa familia: “¡Si ni siquiera sabes encender el lector de DVD!¡Eres un retrasado! ¡Un pitecántropo! /.../ ¡Mis amigos tienen padres como tú, incluso más viejos, y no hay ninguno que no tenga móvil, que no sepa usar el ordenador y que aún utilice la guía de teléfonos! ¡La guía! ¡Por suerte en el cole nadie lo sabe, o me moriría de vergüenza!” -bérralle o seu fillo adolescente, ao descubrir que Clovis, por impericia, lle bloqueou o computador, mentres trataba de imprimir L'Angélus de Millet.

L'Angélus de Millet. Fonte:  Wikimedia Commons
L'Angélus é a chave que lle permitirá a Clovis abrir os subterráneos por onde transitara e nos que foran quedando soterradas as outras posibles direccións da súa vida. Fascinado polo cadro de Millet, o noso protagonista descobre que Dalí comparte a súa fascinación e mesmo a eleva a auténtica obsesión, así que se decide a investigar. Investigará e descubrirá. Descubrirá as claves da relación Dalí / L'Ángélus e descubrirase a si mesmo debaixo da morea de rutinas que o esmagaban.

Dalí: Réminiscense archéologique de l'Angélus de Millet
Millet, Dalí, Morris (si, o de Lucky Luke)... impulsos irracionais, teimas incontroladas, segredos familiares, rumores fosilizados, rumores novos, xiros e reviravoltas suficientes para crear unha gran trama folletinesca..., a cantidade de recursos e referencias narrativas que Giroud dispón é tan grande como o risco de acabar tecendo unha selva inextricable, na que se puidese perder o lector. Non sucede iso: Giraud estende e dosifica o real, o realista, o sorprendente e o imprevisible de tal xeito e con tal elegancia que o lector queda rapidamente atrapado na rede e déixase guiar ata o (innecesario?) desenlace. Polo camiño, o lector pode atoparse con suxestións para a reflexión sobre a arte e a creatividade, sobre a enfermidade e a vida, sobre as relacións sociais e os conflitos familiares, sobre a renuncia ou a reivindicación...

Dalí: Les atavismes du crépuscule (phénoment obsessif)
Claro que a eficacia do guión é difícil de imaxinar sen o tratamento gráfico de Homs.

Desde grandes planos panorámicos ata ínfimos detalles ou obxectos debuxados pormenorizados ao extremo, desde os estados psicolóxicos ata as continuas rupturas temporais, o lapis e as cores de Homs reflicten, completan e reforzan o guión de Giraud.


No material adicional o debuxante explícanos algúnhas claves do uso e construción da liña e a cor. Paga a pena ler esas explicacións e regresar á obra para agradecelas e constatar a súa eficacia. Igualmente resulta agradecido comprobar como os cambios de luz e de brillo acompañan e reforzan cambios de situacións, de escenas, de espazos ou de tempos.
Dalí:  Angelus arquitectónico de Millet
Como Giraud co guión, Homs desprega un amplísimo repertorio de recursos, sen caer na exhibición gratuíta, nin na estridencia.

Polo demais, fixádevos na capa. Clovis e a profesora de arte do seu fillo contemplan un puzle. Fixádevos ben. Non só faltan pezas por colocar, senón que falta xente, polo menos a mirada dunha terceira persoa, alguén que ten algunha pista para colocar algunha das pezas, se cadra algúns de vós... 

Podes ver (e descargar) as primeiras páxinas en PDF 

Máis referencias en Marela Be! 

Nota: as imaxes das obras de Dalí proceden da Fundación Gala - Salvador Dalí 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario