Velaquí unha novela curta do ano 1974, alegórica e de tema existencial, e dun autor montenegrino que non ten entrada en ningunha Wikipedia, excepto na de lingua polaca. Pois ben: esta rara avis é un valioso descubrimento que acaba de aparecer na interesantísima colección Contemporánea da editorial Rinoceronte.
A recomendación fágoa dende o punto de vista do seu valor literario e dende a súa pertinencia como lectura para certos niveis educativos -penso en 4º da ESO e bacharelato.
Trata dun home que, fortuitamente, coñece que vai morrer nun prazo de poucos meses por mor dunha enfermidade. Perturbado, foxe da súa cidade cara ás terras da súa Montenegro natal, coa idea de enfrontarse á morte nun estado de introspección total. Baixa aleatoriamente do tren nunha estación e, camiñando pola noite, atópase cunha parella de cazadores: é neste encontro co outro, cando el decide o seu destino inmediato; sen mediar palabra con eles, dá media volta e sae correndo. Esa decisión desencadea a persecución do home motivada por procesos mentais cheos de inferencias, prexuízos e presuposicións, na que terminan por participar varias persoas máis.
A novela, a diferenza por exemplo das de Kafka, non alegoriza tanto situacións como estados mentais. Neste sentido, a responsabilidade dos comportamentos dos personaxes está neles, non nunha estrutura social inintelixible; así, o que o relato de Sćepanović cuestiona é o correcto funcionamento do que, dende hai tempo, considérase específico do ser humano fronte aos animais: a capacidade de facer presuposicións sobre o que pensan os outros. O inintelixible nesta novela non é algo alleo a nós, senón a nosa propia peculiaridade como especie.
A relevancia dos elementos introspectivos na historia xustifica a presenza de dúas voces narrativas que se alternan ao longo dela: a de un dos cazadores e a dun narrador omnisciente que, selectivamente, reflicte os pensamentos e movementos do protagonista. É destacábel esta dobre elección do autor: por un lado, evita darlle voz propia ao protagonista, e así simboliza a idea da inaccesibilidade do eu das persoas; por outro, evita un narrador completamente externo que iría contra a o seu intento de presentar aos personaxes illadamente no mundo.
A pericia do autor é tamén responsable de que a historia non se esfrague dende o absurdo inherente a unha trama alegórica, ata o que sería unha anécdota simplemente ridícula. En tanto que a acción é notablemente sinxela, todo é dunha teatralidade moi minimalista perfectamente controlada.
Toda esta habilidade narrativa está, quizais, un punto por enriba do contido existencial do relato: é probable que moitas das reflexións do protagonista soen un tanto coñecidas (o dato de 1974 non é accesorio); con todo, seguen sendo actuais, e a novela preséntaas de forma convincente e conmovedora. E dado que as motivacións últimas dos protagonistas son suficientemente complexas, a historia préstase moito a unha lectura atenta e proveitosa e á discusión, empezando pola metáfora exposta xa no seu título (e rematando co dito nesta mesma recensión).
Queda, pois, ben recomendada esta densa noveliña.
Pois si. Unha mágoa que non te prodigues máis neste tipo de comentarios, carlos.
ResponderEliminar