Páxinas

09 marzo, 2016

4 x 8 (BD) para o 8 de marzo (3)

Mesmo semella que o Luís Davila estaba pensando nesta nosa serie cando espetou no Faro o cadriño de onte. E é que o paisano non dá puntada sen nó!



Ben vaiamos ao noso... estas oito de hoxe son de sete estalos. Non as perdades.



Inescusable. A gran dama do fumetti, Julia Kendall, criminóloga e profesora universitaria, é unha personaxe redonda e de múltiples irisacións. De se precisar un eloxio do xénero de detectives, os argumentos ben se poderían iniciar con Julia.



BD franco-belga e novela de aventuras na súa máxima expresión. Ingleterra, Francia, os EEUU, a finais do século XVIII. Se nada falta en relación cos tópicos ben dosificados do xénero, tamén é de agradecer a recreación do pano histórico en que se inxiren as andanzas de Lya de Beaumont. (Unha dúbida: Cumprirá tanta espeteira para vender unha BD?)



Lena é unha muller de aire xélido e distante que dificilmente deixa asomar os seus infernos interiores. Lena é unha muller activa e decisiva no taboleiro xeopolítico mundial e, a través do seu oficio, imos descubrindo algunhas das claves da actual política internacional. Todo iso dun xeito ameno, grazas a unha trama exquisitamente tecida.



Que pouco representado temos o Manga! Ben, non podemos estar en todo, pouco e pouco. Polo demais, nesta antoloxía non podería faltar esta Sarah, nai coraxe, que, nun mundo post-apocalíptico, sae na épica procura dos seus fillos. Unha obra excelente a todos os niveis, unha personaxe central superlativa.



Para os vellos Marvel-lectores nunca nos quedou claro quen era o protagonista, se Peter Parker, se Spiderman. Aquí hai menos dúbidas Kamala imponse a Ms. Marvel. Que pasa se a adolescencia nos obsequia con  superpoderes e supercomplexos? E se o fai nun mundo de conflitividade cultural constante? As claves están en Kamala Khan, musulmá en Jersey City, de pais inmigrantes moi conservadores e cun irmán tentado polos imáns radicalizados... O camiño está inzado de problemas e malos tragos, pero tamén de alegrías e humor. Non é unha obra superficial,  pero tampouco solemne. Kamala Khan/Ms. Marvel pode ser a heroína do S. XXI.



Mary Noticias sae na España de 1962. Non esperemos unha muller como as outras trinta e unha desta escolma. Non. Mary noticias rompe algúns dos estereotipos e prexuízos cos que o franquismo sometía as mulleres. Ese é punto de interese desta Mary "Noticias": unha visión que hoxe nos parece desfasada e reaccionaria en moitos aspectos, daquela foi unha refoladiña de aire fresco.



As relación pai filla non sempre son fluídas, non o son aínda que o pai sexa un superheroe. E que pasa se o superheroe morre e a filla se ten que facer cargo do oficio familiar. Deliciosa obra, exquisito guión e, aínda por riba, David Rubín. Deixádeme poñer unha cita de Pedro Moura: “O desenho de Rubín encontra-se aqui naquela sua característica de ocupação quase total das vinhetas não apenas com as figuras e os espaços, mas toda a espécie de pormenores que garantem um peso sólido às cenas, e uma personalidade ao universo. Uma textura material, vívida, cheia de fluidos e sujidade, tal como a nossa existência empírica”



Nesta epopea de ciencia ficción marabillosa (marabillosa en todos os sentidos), Léo, gran debuxante, evoca para nós os grandes clásicos do xénero nuns guións perfectamente calculados e cunha ambientación pletórica de imaxinación, precisión e cor. Na ampla nómina de personaxes que atravesan a triloxía, Kim Keller, á que vemos medrar a través de mil mundos e vicisitudes, é a protagonista indiscutible.

No próximo capítulo Isabel de Mamaye e sete máis. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario