Páxinas

02 maio, 2019

VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios

Xa temos gañadores do VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada:




Na categoría de relato curto resultou gañador BREIXO RIVAS FERNÁNDEZ polo relato presentado baixo o lema “O voo 3623”; o xurado valorou especialmente a orixinalidade da historia, exposta cunha coidada construción narrativa e cun uso preciso das descricións que te somerxen nos escenarios da mesma.


Nesta categoría de relato curto o xurado considerou outorgar dous accésits:

Accésit para ALBA LUGO REY por “A caída luar”, pola brillante mestura de realidade e mito nunha narración suxestiva grazas á súa coidada precisión léxica e sintáctica.


Accésit para AINHOA PEREIRA GARCÍA polo relato titulado “O repartidor de xornais”, pola valentía na expresión dunha historia dura que te fai partícipe da crueldade dunha realidade que, con todo, deixa un final aberto á esperanza.


O xurado considerou deixar deserto os premios de poesía e sketch teatral.

O 23 de maio, ás 11:50, terá lugar o acto de entrega dos premios na biblioteca do instituto.


 A seguir os textos premiados:

Relato:

1º premio:


O voo 3623
Aínda recordo as palabras do piloto, pero négome a recordar as voces de terror do resto dos pasaxeiros. "Estou soñando ou realmente estou a punto de ter un accidente de avión?", pensaba eu. Tras escoitar aquela noticia só recordo a cara de medo dos pasaxeiros e o impacto daquela pesada nave contra o chan dun escuro bosque, nada máis, nin sequera o comezo do descenso.

Dispúxenme a saír da aeronave por unha das portas de emerxencia. Non sei quen nin como a abriu. Probablemente o proceso fora automático, porque a única supervivente era eu; por sorte ou por desgraza, eu, unha moza calquera de vinte e tres anos, unha moza que só quería volver á Galiza tras estar como voluntaria nunha ONG do Ecuador, eu que collín ese avión por chegar tarde ao meu voo orixinal, alí estaba, asustada nun lugar perdido, nun profundo bosque suramericano, probablemente a selva amazónica, pero como o ía  saber?

Botei practicamente dous días chorando, maldicindo  a miña sorte e o meu teléfono móbil por non ter soado cando tiña que soar. Esa alarma tería salvado a miña vida, porque na miña situación actual a morte era algo máis próximo que a vida. Nun destes pensamentos recordei que tiña o meu dispositivo no equipamento de man do avión. Só tiña que volver. Volver á aeronave que tiña a escasos metros e da que non me atrevera a afastar tras o accidente, volver ao que foi o meu inferno, volver a un avión que non debería ter collido. Agora iso era irrelevante, non hai volta ao pasado, a ese pasado tan próximo.

Achegueime á porta de emerxencia, que hai escasos días fora para min a saída dese inferno moderno, fabricado polo home. Mentres ía acercándome notaba un olor raro. Crin que sería o combustible do avión derramado, pero cando me acheguei á porta algo peor me asaltou. O cheiro procedía dos corpos sen vida dos meus compañeiros de viaxe. "Tería sido máis sinxelo estar entre eles", pensei, pero pronto me arrepentín dese pensamento. Tiña unha familia, un futuro por diante, unha carreira,... Continuei mergullándome naquel mar de cadáveres que se atopaban no chan do avión ata que localicei o meu asento. E alí estaba aquela mochila pequena que comprara nun mercado do Ecuador, aquela mochila que podía significar a miña supervivencia e o alivio de moitas familias que polo menos poderán ver por derradeira vez aos seus seres queridos. Dispúxenme a irme co macuto ao lombo pero ao ver o carro da azafata asaltoume unha idea. Precisaba comer e beber estaba débil e, aínda que chamase, a miña localización ía ser complicada e duraría días, ou semanas. Dirixinme ao carro, esta acción obrigábame a soportar o tufo desprendido polos corpos sen vida do resto de viaxantes durante un pouco máis do que cría ao principio, pero eses minutos máis podían ser a diferenza entre que as persoas que veñan na miña busca atopen unha supervivente ou un simple cadáver.

Saín da nave co peto grande da mochila cheo de botellas de auga e zume, barras enerxéticas e conservas, e no peto pequeno o dispositivo móbil. Quen o ía dicir cando a merquei! Era un simple recordo que levar da miña viaxe para a casa, pero agora podía ser a clave da miña vida.

Cheguei ao exterior e fun cara ao recuncho que levaba utilizando como refuxio durante eses dous longos días. Era un simple tronco de árbore que caera sobre dúas pedras deixando un oco no medio, un simple oco que fora e continuaba a ser a miña vivenda. Deixei a mochila cos víveres no que era o meu fogar e saín de alí co meu móbil. Tiña o dez por cento de batería e unha soa liña de cobertura. Non me podía permitir facer esa chamada. Sería gastar a batería arriscándome a que esa liña non fose suficiente para manter unha conversación entendible co receptor da chamada. Polo tanto busquei un punto elevado, pero que fose accesible para unha persoa coma min que non me caracterizo pola miña capacidade escaladora. Tras mirar ben, durante un longo período de tempo ao meu redor concluín que o mellor lugar era o temón de cola do avión.

Dirixinme ao avión e subín pola á esquerda ata o teito. Fun con coidado de non esvarar ata o temón, subín a el e senteime na cima. Dispúxenme a marcar o número de emerxencias do Ecuador, pero recordei que probablemente xa estaría noutro país e que esa chamada sería inútil. Polo que chamei a meu irmán. "El sempre ten o móbil á man; seguro que me colle". Chameino, e tras esperar un pouco escoito a súa voz, esa voz que tanto mandei calar, esa voz que será a miña única salvación. Conteille todo o sucedido, dinlle datos sobre tempo de voo, ligar de saída, de chegada, compañía, o modelo de avión, que estaba escrito no temón de cola. E sobre todo pedinlle un favor, un favor insignificante para moitos, pero moi importante para min: "Non lle digas nada a papá e a mamá ata que todo se solucione". El a duras penas dixo que non o faría, aínda que non estaba de acordo coa miña orde. Despedinme del dicíndolle canto o quería e co temor de que fose a última vez que escoitase a súa voz, ou neste caso a de calquera persoa.


Botei vinte e sete días alimentándome do que conseguira no carro do avión, gardando os zumes e as barras enerxéticas para os días que me atopase máis cansada. Vinte e sete días a intemperie, vinte e sete días temendo o ataque dun depredador feroz, vinte e sete días con medo de non volver a ver a miña familia, vinte e sete días ata que aparecestes vós, unha patrulla enviada polo ministerio de exterior, os meus salvadores.

Xa sei que agora ides informarme do ocorrido co voo, da sorte que tiven e dese tipo de cousas. E posteriormente levarédesme a unha cidade, a un hospital, e cando se confirme que teño boa saúde enviarédesme de volta á Galiza. Pero hai algo que preciso facer antes, algo que é tan importante coma o feito de que me atoparades con vida: chamar a meus pais. Poderiádesme deixar un móbil ou unha batería para cargar o meu?

Antes de nada quero darvos as grazas, grazas por buscarme, grazas  por atoparme, grazas por salvarme deste inferno verde no que se convertera a miña vida neste último mes. E tamén pedirvos que localicedes rápido aos familiares do resto de pasaxeiros. Só levaba hora e media de voo con eles, ademais do tempo de embarque, pero sei que aquí ocorreu unha desgraza na que morreron persoas de bo corazón. Persoas que ao igual que eu tiñan un futuro por diante, unha familia, unha vida. Vida que por desgraza non lograron continuar, familias ás que non volveran a ver e un futuro que non poderán aproveitar polo cal eu, a única supervivente, vólvovos dar as grazas unha e mil veces.

Estas foron as palabras de Andrea, única supervivente do voo 3623 de Quito con destino Santiago de Compostela, cando os membros da policía brasileira a atoparon con vida no medio da selva amazónica.
 Breixo Rivas Fernández

Accesit:
A caída luar
De súpeto, Selene espertou. Coa respiración axeitada e os ollos chorosos, devolveulle a mirada á escuridade que durmía na súa habitación. Ergueuse un pouco e retirou da súa faciana as guedellas de cabelo que insistían en pegarse á súa suorenta fronte. Levaba tendo ese pesadelo dende había xa case un ano, e sempre acontecía como mínimo unha vez ao mes.
Suspirou, abandonou a súa desordenada cama e achegouse á fiestra, non sen tropezar antes cun coxín que había tirado no chan. Abriu as cortinas e mirou ao ceo. Aló arriba, estaba a lúa, que esa noite dáballe as costas á terra e privábaa da súa guía. Selene apoiou os brazos na cornixa da ventá e deixou que as estrelas a entretivesen cos seus ensarillados patróns. Brillaban con cores frías, lembrándolle o pesadelo que se repetía unha e outra vez na súa mente:
Camiñaba por un sendeiro no monte, cos dedos rozando os impoñentes carballos xeados que ascendían sen fin cara o firmamento, e cos seus ollos de cristal camiñando a paisaxe. Era unha noite fría, unha noite escura, unha noite morta. Na terra xeada repousaban follas conxeladas de recordos, que  escorreran entre as delgadas pólas do tempo. Selene pasaba sobre elas, coma unha pantasma antiga que sabía todos os segredos do mundo, a historia dos tempos, que percorreu a memoria de todos os que non saben e non menten. Sentía que o seu corpo medraba cada vez máis, así coma a luz que irradiaba do seu interior. Pero sempre había un momento no que comezaba a apagarse. Deixaba ás súas costas a sombra dunha figura que pouco a pouco deixaba de existir. Nese momento, acabábase o sendeiro. Pero ela seguía avanzando, precipitándose pouco despois cara á néboa. Caía ao baleiro, afastábase cada vez máis dese monte invernal, ese reino de cristal, do seu fogar, que desaparecía ante os seus ollos. E entón tocaba o chan, cun golpe forte pero inaudible. Era ese o momento no que Selene espertaba.
Mentres cavilaba fronte á fiestra, levou unha man ao peito, a ese punto entre as costelas que sempre se sentía fresco e doído cando tiña ese pesadelo. “É curioso,” pensou. “Sempre que teño este soño hai lúa nova”. Quitándolle importancia a ese feito, un bocexo asexou polos seus beizos, polo que pechou as cortinas e regresou ao leito. Asegurándose de que as sabas estaban estiradas, deitouse e sentiu unha estraña sensación de alivio. Pouco a pouco, as súas pálpebras ocultaron dúas esferas prateadas. Selene caeu entón nun profundo sono coa inexplicable certeza de que volvería moi pronto ao seu fogar de cristal.
 Alba Lugo Rey

Accésit:
O repartidor de xornais
Lembro aqueles espantosos acontecementos coma se tivesen sido onte. Aínda podo sentir o sangue esvarando pola miña perna, o son das bombas retumbando unha e outra vez na miña cabeza, e, o peor de todo, a imaxe da xente fuxindo, chorando e berrando desconsoladamente ao meu redor.
Era eu un repartidor de xornais inexperto. O sol comezaba a saír para dar comezo a un novo día. Un día que decidiría o resto da miña vida, aínda que iso eu aínda non o sabía. O exército israelí atacara xa todas as localidades veciñas, así que sería cuestión de pouco tempo que se decidisen a atentar contra a miña. E, efectivamente, aquel día chegara. Ese momento tan temido por todos e cada un de nós. Chegara o bombardeo. A primeira debeu de caer a uns cen metros do lugar onde eu estaba. Formouse inmediatamente un alarmante silencio entre todas as personas que estaban nese momento preto de min, e sen apenas transcorrer dez segundos máis, chegou a segunda, a terceira, a cuarta...
Os berros manifestáronse á vez que a explosión da segunda bomba. O temor que se podía sentir era tan grande como a morea de xente que corría desorientada, sen pensar noutra cousa diferente de salvarse. Eu ía en bicicleta, pedaleei coma nunca o fixera, sen mirar atrás en ningún momento. De súpeto, puiden escoitar, máis preto do que desexaría, o son do lanzamento doutra bomba. A partir dese momento unicamente lembro unha dor terrible na perna, o meu corpo tendido na estrada, e o fío de voz que saía polos meus beizos suplicando axuda, coa esperanza de que alguén me escoitase.
Abrín os ollos e puiden apreciar dous rostros totalmente descoñecidos á miña beira. Sentía latexos no meu xeonllo, como se do meu corazón se tratase. Unha desas persoas relatoume con todo detalle como me rescataran dunha morte lenta e segura, pois vivían xusto diante do lugar onde pensaba morrer. Tras agradecerlles repetidamente a súa valentosa acción, descubríronme a perda da miña perna do xeonllo para abaixo. Lembro pensar nese momento que ata aí chegaran as miñas ansias de vivir, pero analizando ben a situación, decateime de que había miles de persoas que non correran a miña sorte. Foi nese momento cando comecei a reivindicar os dereitos de Palestina, aínda que non foi fácil, pois tiven que ver como chegar a diferentes lugares para pedir axuda, para protestar polos que xa non poden e polos que non poderán.
 E, se che digo a verdade, non pensei que ía lograr chegar tan lonxe coa miña mensaxe, así que só espero que os estados dos demais países me escoiten nalgún momento e non miren para outro lado ante esta inxustiza, ante este xenocidio. Todas as persoas temos o dereito á liberdade, á igualdade, á vida.
Agradezo a esta emisora por permitirme darlle luz a este grave conflito.
                                                                                                                         Ainhoa Pereira García


Ningún comentario:

Publicar un comentario