Páxinas

30 maio, 2022

Doenzas, en inglés

EXPOSICIÓN SOBRE DOENZAS MENTAIS E FÍSICAS NO IES ALLER ULLOA

Manuel Lombana, subdelegado do grupo, infórmanos sobre o que estiveron a facer estes últimos días nas aulas de Lingua Estranxeira Inglés:

Os alumnos e as alumnas de 1º de FPB do Instituto Ramón María Aller Ulloa, neste curso 2021/2022, na materia de Inglés, coordinados pola nosa profesora Saleta Fragueiro, fixemos diversos traballos para falar das enfermidades tanto mentais (depresión, ansiedade, alzheimer, problemas de alimentación e esquizofrenia), como físicas (cancro de pulmón e cancro de colon).

O noso traballo consta dunha serie de pósters elaborados usando as novas tecnoloxías así como material escolar, por exemplo cartolinas. Todos eles inclúen os síntomas dunha das enfermidades mencionadas, consellos para o doente así como unha dieta óptima a seguir.

O noso obxectivo é informar a todo o alumnado e profesorado do instituto sobre estas enfermidades e darlles visibilidade no contexto educativo.


Todo o alumnado de FPB1 obtivo un resultado positivo á hora de traballar nun tema que nos gusta e nos afecta directamente, a pesar de estar feito nunha lingua estranxeira. Aquí deixamos algunhas das nosas opinións:

“Gustoume moito facer este traballo porque aprendín sobre a enfermidade. Ademais axudoume a practicar o inglés. Sentinme moi a gusto traballando neste proxecto.” (Ángela)

“Facendo este traballo, sentinme moi ben, estaba a gusto eu soa. Aprendín cousas novas sobre as enfermidades. Axudoume moito para mellorar o inglés. Sobre a miña enfermidade aprendín cousas das que non tiña nin idea, pero rematei cun moi bo resultado.” (Anabel)

“Con este traballo sentinme moi ben cos meus compañeiros. Á parte diso, aprendín palabras novas que me poden servir para o futuro. Obtiven información a través da miña compañeira, que ten experiencias persoais, e algunha outra da internet.” (Andrea)

“Para nós foi unha experiencia única xa que puidemos saber máis sobre unha enfermidade que é moi coñecida e da que tiñamos moi pouca constancia sobre o que leva consigo vivir,  ou tratar cunha persoa que a padece.” (Uxía e Vanesa)

“Ao elaborar este traballo sentinme ben e aprendín a separar o persoal do laboral. Aprendín máis inglés do que sabía. Para a elaboración dos pósters, saquei a información, en gran parte, das miñas experiencias persoais e algunha da internet.” (Paula)








Ningún comentario:

Publicar un comentario