30 setembro, 2010

Remol de Annecy


Os intercambios sempre son unha lumieira de sensacións, estímulos e emocións do máis diverso. Nos poucos días que duran, todo arde con tal intensidade e fulgor que nada do fundamental se dá recollido nunha memoria.

O curso pasado fixémolo co Lycée Berthollet de Annecy. Ningún de nós coñecía a Alta Saboia, nin a vila de Annecy, tan linda (a Venecia dos Alpes!) que non hai foto que lle poida facer xustiza.

Hoxe recibimos unha postal audiovisual. Envióunola Luc, o profesor de castelán que co noso Moncho organizou o intercambio. Gustounos. Gústannos estas pequenas actividades que xeran os encontros entre xente que vive tan lonxe e que acaba por sentirse tan próxima. Imaxinamos a Luc durante o verán, alá no Perú cunha ONG, pensando en que tiña que rematar a montaxe do “vídeo-clip” e tamén o imaxinamos, atafegado, tratando de poñerlle o ramo canto antes para compartila neste inicio de curso.

Merci, Luc. 

28 setembro, 2010

A excursión-premio do curso pasado

Os que gañaron na nosa Olimpiada e os que formaron parte do Club de Lectura, o derradeiro día do curso pasado foron de excursión ao Courel. Alí camiñaron e disfrutaron da natureza, e seica tamén atoparon un home no medio dun camiño tomando alento mentres fumaba un cigarro. Novoneyra non era. Pero, con seguridade, era un personaxe dos seus soños...

17 setembro, 2010

Anirmau 11: Isto funciona!


Dentro do Equipo da Biblioteca, preocupábanos (e preocúpanos) a falta de espazos e tempos pedagóxicos para a formación audiovisual. O noso compañeiro Severiano Casalderrey propuxo organizar un festival de curtametraxes. 
Resultou moi interesante e decidimos darlle continuidade. Así celebráronse Anirmau09 e Anirmau10, especializado en curtas de animación. Ambos renovaron a nosa satisfacción coa iniciativa. Con todo, había algo que nos remexía o estómago: exhibiamos as curtas sen maior amparo legal e sen que os autores soubesen de nós. Simplemente, acollémonos á boa fe e ao carácter educativo da experiencia. Cumpría resolver iso e dar un paso adiante. Entón, Seve, director do festival, soltou a “arroutada”: fagamos unha convocatoria internacional.
Cousa coma ela! A maior parte de nós ficamos apaiolados: pero quen se vai presentar a un festivaliño dun Instituto localizado nunha vila remota dun país das quimbambas? Realmente non as tiñamos todos connosco.
Pois ben, falta mes e medio para que remate o prazo de presentación de curtametraxes e xa nos chegaron arredor de sesenta e cinco orixinais procedentes de tres continentes e de vinte nacionalidades. Seve, eficaz e optimista, conta que o número aumentará sensiblemente. Aos demais, case “espectadores da súa prestidixitación”, xa nos parece un milagriño.
A ver en que dá!