30 decembro, 2012

Curros (velaí vén avantando) a fume de carozo!


Na procura de material un pouco distinto para acompañar os textos de Curros, fun dar (de novo) no Centro Virtual Cervantes coa exposición Memoria de la seducción: carteles del siglo XIX en la Biblioteca Nacional. 

Un deses carteis estaba esperando por min. Era este, o das 34 horas.


Madrid-Galicia, trinta e catro horas! Un suspiro! Aínda bo é que grazas á política de recortes a cousa mellorou...


06 decembro, 2012

Óscar Niemeyer: in memorian


 "Não me sinto importante. Arquitetura é meu jeito de expressar meus ideais: ser simples, criar um mundo igualitário para todos, olhar as pessoas com otimismo. Eu não quero nada além da felicidade geral."

Óscar Niemeyer: entre o 15 de decembro de 1907 (ou antes) e o 5 de decembro de 2012 (e despois)

Homenaxes de Carlos Rúas a Niemeyer en Un sábado cualquer



Imprescidible visitar Niemeyer.org

05 decembro, 2012

Encontro con... Ricardo Gómez


Será o martes 11, ás 9 na Biblioteca

Gustonounos moito a súa web. Explorádea. Paga a pena.

Graciñas, Gracia Ronseis...



24 novembro, 2012

(Millet, Dalí, Morris) : El ángelus, de Giroud & Homs


Un excelente guión e un prodixioso desenvolvemento gráfico: non cumpriría engadir máis nada ao comentario sobre “El Ángelus” (Norma: 2012), unicamente xustificar os adxectivos empregados.

Clovis, o protagonista, é un visitador médico de 45 anos, engulido polo seu traballo e case un inmigrante inadaptado na súa familia: “¡Si ni siquiera sabes encender el lector de DVD!¡Eres un retrasado! ¡Un pitecántropo! /.../ ¡Mis amigos tienen padres como tú, incluso más viejos, y no hay ninguno que no tenga móvil, que no sepa usar el ordenador y que aún utilice la guía de teléfonos! ¡La guía! ¡Por suerte en el cole nadie lo sabe, o me moriría de vergüenza!” -bérralle o seu fillo adolescente, ao descubrir que Clovis, por impericia, lle bloqueou o computador, mentres trataba de imprimir L'Angélus de Millet.

L'Angélus de Millet. Fonte:  Wikimedia Commons
L'Angélus é a chave que lle permitirá a Clovis abrir os subterráneos por onde transitara e nos que foran quedando soterradas as outras posibles direccións da súa vida. Fascinado polo cadro de Millet, o noso protagonista descobre que Dalí comparte a súa fascinación e mesmo a eleva a auténtica obsesión, así que se decide a investigar. Investigará e descubrirá. Descubrirá as claves da relación Dalí / L'Ángélus e descubrirase a si mesmo debaixo da morea de rutinas que o esmagaban.

Dalí: Réminiscense archéologique de l'Angélus de Millet
Millet, Dalí, Morris (si, o de Lucky Luke)... impulsos irracionais, teimas incontroladas, segredos familiares, rumores fosilizados, rumores novos, xiros e reviravoltas suficientes para crear unha gran trama folletinesca..., a cantidade de recursos e referencias narrativas que Giroud dispón é tan grande como o risco de acabar tecendo unha selva inextricable, na que se puidese perder o lector. Non sucede iso: Giraud estende e dosifica o real, o realista, o sorprendente e o imprevisible de tal xeito e con tal elegancia que o lector queda rapidamente atrapado na rede e déixase guiar ata o (innecesario?) desenlace. Polo camiño, o lector pode atoparse con suxestións para a reflexión sobre a arte e a creatividade, sobre a enfermidade e a vida, sobre as relacións sociais e os conflitos familiares, sobre a renuncia ou a reivindicación...

Dalí: Les atavismes du crépuscule (phénoment obsessif)
Claro que a eficacia do guión é difícil de imaxinar sen o tratamento gráfico de Homs.

Desde grandes planos panorámicos ata ínfimos detalles ou obxectos debuxados pormenorizados ao extremo, desde os estados psicolóxicos ata as continuas rupturas temporais, o lapis e as cores de Homs reflicten, completan e reforzan o guión de Giraud.


No material adicional o debuxante explícanos algúnhas claves do uso e construción da liña e a cor. Paga a pena ler esas explicacións e regresar á obra para agradecelas e constatar a súa eficacia. Igualmente resulta agradecido comprobar como os cambios de luz e de brillo acompañan e reforzan cambios de situacións, de escenas, de espazos ou de tempos.
Dalí:  Angelus arquitectónico de Millet
Como Giraud co guión, Homs desprega un amplísimo repertorio de recursos, sen caer na exhibición gratuíta, nin na estridencia.

Polo demais, fixádevos na capa. Clovis e a profesora de arte do seu fillo contemplan un puzle. Fixádevos ben. Non só faltan pezas por colocar, senón que falta xente, polo menos a mirada dunha terceira persoa, alguén que ten algunha pista para colocar algunha das pezas, se cadra algúns de vós... 

Podes ver (e descargar) as primeiras páxinas en PDF 

Máis referencias en Marela Be! 

Nota: as imaxes das obras de Dalí proceden da Fundación Gala - Salvador Dalí 
 

14 novembro, 2012

Unha recomendación: "A boca chea de terra", de Branimir Sćepanović


Velaquí unha novela curta do ano 1974, alegórica e de tema existencial, e dun autor montenegrino que non ten entrada en ningunha Wikipedia, excepto na de lingua polaca. Pois ben: esta rara avis é un valioso descubrimento que acaba de aparecer na interesantísima colección Contemporánea da editorial Rinoceronte.

A recomendación fágoa dende o punto de vista do seu valor literario e dende a súa pertinencia como lectura para certos niveis educativos -penso en 4º da ESO e bacharelato.

Trata dun home que, fortuitamente, coñece que vai morrer nun prazo de poucos meses por mor dunha enfermidade. Perturbado,  foxe da súa cidade cara ás terras da súa Montenegro natal, coa idea de enfrontarse á morte nun estado de introspección total. Baixa aleatoriamente do tren nunha estación e, camiñando pola noite, atópase cunha parella de cazadores: é neste encontro co outro, cando el decide o seu destino inmediato; sen mediar palabra con eles, dá media volta e sae correndo. Esa decisión desencadea a persecución do home motivada por procesos mentais cheos de inferencias, prexuízos e presuposicións, na que terminan por participar varias persoas máis.

A novela, a diferenza por exemplo das de Kafka, non alegoriza tanto situacións como estados mentais. Neste sentido, a responsabilidade dos comportamentos dos personaxes está neles, non nunha estrutura social inintelixible; así, o que o relato de Sćepanović cuestiona é o correcto funcionamento do que, dende hai tempo, considérase específico do ser humano fronte aos animais:  a capacidade de facer presuposicións sobre o que pensan os outros. O inintelixible nesta novela non é algo alleo a nós, senón a nosa propia peculiaridade como especie.

A relevancia dos elementos introspectivos na historia xustifica a presenza de dúas voces narrativas que se alternan ao longo dela: a de un dos cazadores e a dun narrador omnisciente que, selectivamente, reflicte os pensamentos e movementos do protagonista. É destacábel esta dobre elección do autor: por un lado, evita darlle voz propia ao protagonista, e así simboliza a idea da inaccesibilidade do eu das persoas; por outro, evita un narrador completamente externo que iría contra a o seu intento de presentar aos personaxes illadamente no mundo.

A pericia do autor é tamén responsable de que a historia non se esfrague dende o absurdo inherente a unha trama alegórica, ata o que sería unha anécdota simplemente ridícula. En tanto que a acción é notablemente sinxela, todo é dunha teatralidade moi minimalista perfectamente controlada.

Toda esta habilidade narrativa está, quizais, un punto por enriba do contido existencial do relato: é probable que moitas das reflexións do protagonista soen un tanto coñecidas (o dato de 1974 non é accesorio); con todo, seguen sendo actuais, e a novela preséntaas de forma convincente e conmovedora. E dado que as motivacións últimas dos protagonistas son suficientemente complexas, a historia préstase moito a unha lectura atenta e proveitosa e á discusión, empezando pola metáfora exposta xa no seu título (e rematando co dito nesta mesma recensión).

Queda, pois, ben recomendada esta densa noveliña.

11 novembro, 2012

Novísima flor de romances

Novísima flor de romances de cego é froito da libertaria imaxinación da promoción de 4º de ESO do curso 2011-12.

Trátase dunha ollada desacomplexada sobre algúns dos prexuízos sociais que afectan á sociedade adulta, en combinación coas vellas teimas da adolescencia.
 

06 novembro, 2012

Día da Ciencia en galego, en francés

Geoffroy Monde:

Grazas á nosa irmá soubemos do Festiblog e do  Crayons X, editado por Libération, que ofrece entregas de BD dedicadas a diversos establecementos científicos franceses.

Miramos, gustounos, descargamólas e imprimímolas. Que mellor para celebrar o día da Ciencia en galego!

Para aqueles que non saben francés, Moncho traduciu e Antía rotulou, así que hai que erguer as pestanas e, por debaixo, alí no fondo, onde tantos xa non queren mirar, está...., está..., está... aquel outro idioma, si oh aquel, como é que se chamaba? Aquel que está nas columnas que sosteñen... cal era, oh?

Silver: Métaphysique d'un Tube


(Grazas a Paula Montoto e Daniel Currás por prestar corpos e intelixencia para as fotos)

30 outubro, 2012

Leonardo interactivo: Ben pola BNE!


A presentación xa a fai a propia BNE:

"El Leonardo interactivo es una herramienta que ofrece la versión digital de los Códices Madrid de Leonardo da Vinci, además de múltiples funcionalidades que nos acercan al mundo del genio toscano"

Deste xeito podemos atopar a(s) obra(s) dixitalizadas (s)....


... nas que se resaltan citas...


... ou desde as que se ligan gráficos en 3D ...



.... e moitas cousas máis ... 


... como a biblioteca do xenio...


... e mesmo xogos...



Vamos, que parabéns á Biblioteca Nacional! E animádevos a indagar neste marabilloso Leonardo interactivo.



18 outubro, 2012

Ramón Verea no Tres14


Cae de cantazo que á Marela lle gusta moito o Tres14 da RTVE. O 21 de setembro do 2009, baixo o título La primera calculadora que multiplicaba, dedícaballe un dos seus magníficos gráficos animados a Ramón Verea. Quitando a conversión (tan divuldada na escasas noticias que hai sobre Verea) da anécdota en categoría sobre as intencións que guiaron o inventor á calculadora, a animación está á grande altura de  todas as do programa.


Ramón Verea: vandalismos na wikipedia


Hai dous e anos e medio, Xosé Manuel Pereiro asinaba, en El País, o artigo Ciberirmandiños. Nel recollía unha opinión de Xabier Cid, daquela residente en Escocia, a propósito da calidade e a fiabilidade da Galipedia:

"Pode parecer fachendoso, pero a Galipedia ten máis calidade que as versións española ou portuguesa, pola sinxela razón de que é máis doado controlala. Retirar da Galipedia un artigo que aseguraba que en Curtis había tres lugares con nomes de Pokemon foi doado, abonda con ir ao nomenclátor. Retiralo da Wikipedia en inglés foi moito máis traballoso"

Abundan, polo visto, os vandalismos nas diferentes “wikipedias” e é posíbel que sexa moi complicadocorrixilos nas grandes.

Procurando información sobre Ramón Verea, o inventor da calculadora, demos coa es.wikipedia e batemos coas aberracións que s.v. Ramón Verea aparecen. Levan tempo e esperemos que non duren moito máis. Canto antes as corrixan, antes conseguirá “valor histórico” a captura de pantalla coa que ilustramos isto.

Polo demais, non está mal botarmos man destas cousas para mostrármoslle ao noso alumnado a necesidade de acudir a varias fontes de información.

Capturado o 9-outubro-2012


[O da deturpación da toponimia galega non é exclusiva desta entrada da es.wikipedia, é unha constante de toda ela. Fixádevos nesta "gloria" sobre os límites de Forcarey (sic): Al suroeste limita con Cerdedo e incide con la frontera natural de la Sierra de O Cando en los territorios de Cotobad y La Lama, encontrándose en el sur con las tierras orensanas de Beariz e Irijo.]

06 xuño, 2012

Memorizando Fahrenheit 451


“No caso da versión final de Fahrenheit 451 /.../, volvín sacar a escena todos os personaxes e fíxenos desfilar na miña máquina de escribir, deixando que os meus dedos contasen as historias e recuperasen as pantasmas doutros tempos, doutros contos.

Eu son o protagonista, Montag, e, en boa medida, tamén Clarisse McClellan. Unha parte máis escura é o xefe de bombeiros, Beatty, mentres que as miñas actitudes filosóficas están representadas polo filósofo Faber”

Ray Bradbury (xullo de 2009), da Introdución a Fahrenheit 451 en BD

30 maio, 2012

A Marela BD

Pouco e pouco, a Banda Deseñada vai gañando terreo nos nosos itinerarios lectores, nas recomendacións do profesorado, nos intercambios de opinións do alumnado, nos préstamos para a casa..., e -en definitiva- na nosa actividade bibliotecaria.

Preme na imaxe para velo en mosaico
Así é que nos decidimos a ensaiar un blogue (Marela BD) dedicado en exclusiva aos cadriños. Comezamos con algunhas das penúltimas adquisicións e, conforme nos vaiamos facendo unha idea máis precisa de como queremos estruturar a información, iremos engadindo títulos e referencias.

Podédelo ir vendo e enviándonos as vosas suxestións.

24 maio, 2012

Nova flor de romances

Por fin, xa está aquí a "Nova flor de romances de cego, parte 1 e 2" do alumnado que no curso 2010-11 estaba en 4º de ESO. Por problemas de tempo non puidemos montar a exposición no recibidor do instituto até agora. No entanto, o esforzo paga a pena. Literatura popular e libro dixital compartindo o irreverente pracer do sarcasmo adolescente.

16 abril, 2012

Encontro con Ignacio Vilar

Aínda cos pousos do Anirmau no padal, temos a oportunidade de seguir co tema do cine. Neste caso, grazas á posibilidade de encontrarnos con Ignacio Vilar, sen dúbida, unha das voces máis cualificadas para falar de cine en Galicia.

Ignacio Vilar (Petín de Valdeorras, 1951) é produtor e director cinematográfico.

Fundador de Vía Láctea Filmes (1991), ademais de diversos documentais rodou, en 2008, a exitosa Pradolongo, a súa primeira longametraxe.

Agora regresa ao mesmo formato con Vilamor.

Sobre como producir e elaborar unha película, falaranos este venres, ás 12.30, no Salón de Actos.

Con el estarán algúns dos actores que participaron en Vilamor. 

[ Adiviña: Que terá que ver a película Vilamor coa novela de Jaureguízar, A cova das vacas mortas]

Encontro con Xosé Neira Vilas

Será o próximo luns (23 de abril), ás 12 no salón de actos do instituto.

Non se sabe quen nos puxo o de "marelateca". Enténdese que nolo puxeron polo nome do Boletín, primeiro, e deste blogue, despois. Sábese (ou debería saberse) que ese nome, A Marela Tarabela, remite á noveliña de Neira Vilas. Ese foi o noso xeito de homenaxealo a el e a Anisia. Por iso nos soa tan ben o de Marelateca. Por iso nos resulta tan especial a visita do luns.

Por iso nos gustou elaborar un monográfico da Marela Tarabela (impresa) sobre Memorias dun neno labrego e por iso nos apetece compartilo convosco en PDF.

31 marzo, 2012

Feliz aniversario!

A Ponte Taboada cumpre os seus primeiros mil cen anos. Mil cen! Un milenio máis un século. Mil cen, e aí a está, de pé e con ganas de seguir. Non parece fácil atoparlle un agasallo. Se cadra "un lotiño e dentro, acomodadas nun niño de herba seca unha parella de pombas brancas coma as folerpas da neve, coas pernas enleadas cunhas cintas vermellas, coma unha rosa ben vermella" extraído de O niño de pombas, a novela coa que López Ferreiro homenaxeaba en 1905 a Ponte Taboada: 

"Que carreira levaría un cabaleiro que ás once da mañá do 20 de Xuño do ano 1134 atravesaba a todo escape a ponte Taboada —a vella, por sabido— cara a Prado, na parroquia de Bendoiro?"
/.../ 
O cabaleiro, como ía tan de présa (e xa o había de ter visto moitas veces), non reparou nun letreiro que estaba escrito nunha pena, a carón da ponte. Nós, que temos máis vagar, lerémolo e copiarémolo, que ben o merece, pois é un dos monumentos máis notables de Galicia, para canto máis que o moi sabido alemán Hübner, na colección de inscricións cristiás da nosa España, publicouno bastante mal copiado. Dicía, e di así:
LABORAVERVNT LA PONTE
ERA DCCCCL:
ET FUIT PERFECTA PRIDIE KALENDAS APRILIS
[Labraron a ponte no ano 912, e foi acabada o 31 de Marzo]"

Se cadra, tamén non sería mal agasallo facerlle unha visita á novela de Don Antonio. A UDC ben que nolo facilita na súa Biblioteca Virtual: podémola ver dixitalizada tal como foi publicada por El Correo de Galicia, ou se queremos, xa transcrita a texto.
E xa postos, María Vilariño Suárez ofrécenos unha interesante ficha para achegarnos a esta novela, a primeira ambientada en terras de Deza.

29 marzo, 2012

15 marzo, 2012

V Olimpíada do saber

Rematou a nosa quinta Olimpíada do Saber. Van alá cinco edicións nas que os obxectivos da propia proba foron mudando, conforme foron cambiando as ferramentas de busca. Esta quinta probablemente fose a derradeira no formato clásico. Taboleiros e urnas, preguntas e respostas en papel, días á espera da clasificación... irán quedando atrás. A sesta terá que ser a través da Rede (así de triste, que lle queredes?), pero, mentres tanto, que vaian os nosos parabéns aos equipos que conseguiron un dos catro premios desta edición:
1º. Con 84 puntos: Arcanos
2º. Con 74 puntos: Club del Herrete
3º. Con 72 puntos: Fernández
4º. Con 64 puntos: Lunallena.


Se queredes botar un ollada ás probas, aquí as están:

09 marzo, 2012

Marela para "Memorias dun neno labrego"

Xa temos unha nova Marela en papel. Esta é moi especial, pois ben vedes que o nome é toda unha homenaxe na Neira Vilas.

Velaquí está a guía de lectura (que podedes descargar en PDF) dedicada a “Memorias dun neno labrego”:

 


29 febreiro, 2012

Anirmau 12: Falta un case nadiña

Este ano foron 588 as curtas que se presentaron ao noso festival. O xurado esmelgou 156. Esas serán as proxectadas no Filmax Pontiñas entre o 9 e o 14 de abril.

Anirmau terá a honra de presentar unha estrea mundial e outra a nivel europeo. Así mesmo,  37 filmes serán proxectados, por primeira vez, en España. 41 farán a súa estrea en Galiza.

Se queredes coñecer as clasificadas, xa as podedes consultar na páxina oficial de Anirmau, nas súas tres modalidades de competición:

Curtrametraxes educativas
Multimedia

10 febreiro, 2012

Ha muerto Miguel García-Posada

Miguel García-Posada era el mejor crítico literario de la prensa española. Desde mediados de los años ochenta, cuando comenzó su colaboración en el ABC Cultural, había desarrollado una extraordinaria labor crítica que lo situaron como un referente en su ámbito.

En estos tiempos, en que es tan difícil orientarse entre la inmensa cantidad de títulos publicados, la lectura de las críticas de García-Posada sirven para hacerse una imagen de lo que debe tener y debe buscar un buen crítico: cultura literaria, independencia, y capacidad explicativa y valorativa. Unos rasgos que permiten al lector fiarse del crítico, dejarse orientar por él, y que, al tiempo, hacen posible que, de darse la disensión, esta pueda generar un debate intelectual sobre unos fundamentos mínimamente rigurosos. CM


01 febreiro, 2012

Encontro con Darío Xohán Cabana: martes, 7 de febreiro, ás 12


Estades todos convidados ao encontro  que, diga que o diga o cartel, será o martes... Polo demais, podedes botarlle unha visual á guía de suxestións que A Marela Tarabela (clásica) elaborou para Galván en Saor.