Amosando publicacións coa etiqueta toc_tocAciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta toc_tocAciencia. Amosar todas as publicacións

25 febreiro, 2022

Vai de células

Un ano máis o recanto Toc-Toc énchese de maquetas de células eucariotas,  animais e vexetais,  realizadas polo alumnado de 1º da ESO, baixo a coordinación da súa profesora Charo Fernández.

O obxectivo da actividade é que os rapaces e as rapazas do primeiro curso vaian aprendendo as diferentes partes das que consta esta célula, así como a súa forma, e para iso nada mellor que elaborar unha reprodución usando como base esferas de poliestileno ou  láminas de cortiza. Despois toca ir reproducindo o núcleo, a membrana, o aparato de Golgi, as mitocondrias... E aquí a imaxinación de cada quen permitiulle botar man de plastilina, goma eva, gominolas, lacasitos e todo o que tivesen a man.

Aquí vos deixamos unha mostra das moitas maquetas que elaboraron:









23 xuño, 2021

Despedida científica

Co título de Despedida científica (toda unha declaración de intencións), a profesora de Bioloxía, Raquel Honrubia desenvolveu unha actividade de achegamento do alumnado ao mundo da ciencia. 

Raquel explícanos dun xeito claro o proceso: O último día de clase, o alumnado de 4º da ESO tivo unha "Despedida científica" na que a temática xirou arredor da molécula de ADN. Tras comentar algúns datos curiosos desta molécula, así como as principais aplicacións do seu estudo no eido da xenética, os tres grupos realizaron unha extracción de ADN caseira, con materiais presentes en calquera cociña que se prece (xabón, sal...).  Con esta pequena práctica, o alumnado puido ver que se pode facer ciencia e comprender procesos moi relevantes a nivel biolóxico sen grandes medios materiais. 

Desde a Marela aproveitamos a nova desta actividade para render unha pequena pero sentida homenaxe de despedida a Raquel pola súa total entrega e profesionalidade. Foi todo un pracer. Moita sorte, a porta sempre estará aberta para ti.

 












 

15 xuño, 2021

Fitoherbario : mostra gráfica

Éxito é a palabra que mellor cualifica a Mostra Fitoherbario do alumnado de 1º da ESO, ao abeiro da coordinación do profesor Luis Guitián.
A seguir unha breve reportaxe gráfica da mesma. As fotos como non, son de Carlos Míguez:
 







 


14 xuño, 2021

Fitoherbario

A partir do martes 15, poderemos ver na Biblioteca Fitoherbario, proxecto desenvolvido polo alumnado de 1º da ESO e coordinado polo profesor Luis Guitián. 
Unha mostra de herbario dezao coa finalidade de potenciar o labor investigador do alumnado.

 

O nome común e o nome científico da planta... son algúns dos datos recollidos para a conformación do herbario por parte do alumnado.

E ao fío do proxecto non está de máis lembrar as Marelas editadas ata hoxe sobre botánica:

Guía das árbores do instituto

O bosque de ribeira

Un porraliño medicinal

Ademais da guía Como faceres o teu herbario. Preme nela:

 


 

30 maio, 2021

Pandemias : a exposición


Xa podemos ver a exposición Pandemias no vestíbulo do instituto, que nos achega información escrita e visual sobre a pandemia actual e as medidas de prevención xerais, así como das trolas que hai arredor das vacinas e do que redes sociais como Instagram reflicten ao respecto; ademais dunha recreación dos virus en maquetas, de murais informativos, dun percorrido polas máis sobranceiras pandemias da historia, do reflexo na literatura da problemática das doenzas en xeral e, por último, unha recreación artística das pandemias ou enfermidades en xeral.

Parabéns ao alumnado participante e ao profesorado coordinador do proxecto: María Armada, Mar Espinosa, Luís Guitián, Raquel Honrubia, Uxía Nogueira, Marta Otero e Alba Payo.
A seguir unha reportaxe gráfica da exposición do noso fotógrafo oficial Carlos:
 










E o vídeo Lavado de mans correcto, realizado por alumnado de 2º FPB.

 


09 febreiro, 2021

11 F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

O 11 de febreiro celebrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e malia as restricións derivadas da pandemia da COVID-19, sumámonos á conmemoración con diversas actividades coordinadas polo Departamento de Bioloxía:

 1.  Mesa redonda organizada polos centros singulares da USC: CiQUS, CIMUS, CiTIUS e IGFAE, coa participación de científicas de distintos ámbitos, que lles falarán ao alumnado do 1º do Bacharelato A de Ciencias das súas experiencias e dos seus traballos de investigación, así como das oportunidades de futuro. Coordina a profesora Natalia Fernández.

 2. As ciencias escríbense en feminino”, unha xornada divulgativa en liña para conmemorar o Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia, organizada polo Concello de Santiago, a través do CEXTEC e Talentia Summit, destinada ao alumnado do STEMBach (1º e 2º). Coordina a profesora Raquel Honrubia.

 

A maiores, propoñemos a toda a comunidade escolar ver as películas:

Figuras ocultas, que narra a historia de tres brillantes mulleres científicas afroamericanas que traballaron na NASA a principios dos anos sesenta no proxecto de poñer en órbita o astronauta John Glen, en plena carreira espacial, tendo como pano de fondo a loita polos dereitos civís dos negros estadounidenses.

Preme no cartel publicitario da película para ver o tráiler oficial da mesma:

Próxima, que narra a historia de Sarah, unha astronauta francesa que se adestra na Axencia Espacial Europea en Colonia, sendo a única muller dentro do esixente programa. Sarah vive soa coa súa filla de sete anos Stella, sentíndose culpábel por no poder pasar máis tempo coa rapaza. E cando Sarah é elixida para formar parte da tripulación dunha misión espacial de un ano de duración chamada Próxima, daquela prodúcese un afastamento na relación entre nai e filla.

Preme no cartel publicitario da película para ver o tráiler oficial da mesma:


 

05 novembro, 2020

Bombas sobre Lalín (o que faltaba!)

A exposición do Proxecto Física Nuclear. 75 aniversario de Hiroshima e Nagasaki ofrece a curiosidade dunha parella de carteis que mostran un que pasaría se Lalín sufrise o ataque nuclear polo que pasaron as dúas cidades nipoas. 

Para os interesados, a ferramenta empregada para elaborar a simulación chámase NUKEMAP e está explicada en The Nuclear Secrecy Blog,  do historiador da ciencia Alex Wellerstein