28 maio, 2008

Ferrín. Premio Nacional da Cultura Galega de Literatura

O xurado dos Premios Nacionais dediciu outorgarlle a Xosé Luís Méndez Ferrín o galardón na categoría de Literatura, pola calidade da súa obra, mantida ao longo de varias décadas, que o fai un escritor recoñecido a nivel internacional.

Méndez Ferrín é unha figura fundamental da literatura galega na segunda metade do século XX.

Protagonizou o cambio de rumbo da literatura galega nas décadas dos sesenta e os setenta, con obras como o poemario Con pólvora e magnolias, o libro de relatos O crepúsculo e as formigas e a novela Retorno a Tagen Ata.

A súa voz, inconfundible, mistura realismo, fantasía e simbolismo, e amosa un forte compromiso político e coa lingua galega.

A Marela Tarabela recuperou hai pouco unha curiosidade bibliográfica de Ferrín e co gallo deste galardón invita de novo aos seus lectores a botarlle unha ollada.

26 maio, 2008

[Rescate III] Non máis partos na “carretera”

Aínda que xa houbera algunha manifestación estudantil (realizada polo alumnado do Instituto), a primeira gran manifestación que se celebrou no Lalín da transición foi a que reivindicaba un Hospital Comarcal.
Hospital comarcal en Lalín: Non máis partos na “carretera”, ese era o seu lema.
Na que vai, recuperamos os diversos panfletos que a convocaban:
a) AN-PG : Ao pobo de Lalín
b) MCG / ORT : Hospital comarcal pra Lalín
c) ING / CCLL-SLG : ¡Veciños de Lalín!
d) A convocatoria conxunta Hospital comarcal en Lalín, asinado por partidos políticos (ANPG, MCG, PGSD, PSG, PSOE e UPG), sindicatos (ING, SAGA, SSAA e UGT) e as asociacións de veciños Rodeiro, Larazo e Loño.
Podes acceder a todos eles pulsando AQUÍ

22 maio, 2008

A HISTORIA COAS TÚAS MANS (III)

A nosa colega Elia está decidida a reconstruír o mundo nas mans do alumnado de 1º da ESO.

Este ano, chegamos a terceira edición da actividade a “Historia coas túas mans” e tocoulle á Grecia clásica. Deste golpe, a novidade foi a elaboración dunha presentación dixital; nela a voz d@s de Primeiro vai expoñendo a quen nos visite os elementos esenciais da cultura grega.

Por outra banda, con cada edición, @s que enreda
mos cos documentos da Biblioteca imos aprendendo. O alumnado ten que buscar o material videoblibliográfico e seleccionar aquel que acompañará a exposición. O habitual é que cacheen a biblioteca de arriba a abaixo e repañen con todo. A partir de aí témonos atopado cos máis diversos criterios de selección, pero é a primeira vez que nos propoñen este: canto menos debuxos máis importante é o libro, polo tanto xa sabedes, meus indocumentados documentalistas, “libros de todo letra” eses son os que “molan”.



20 maio, 2008

[Rescate II] Lalín, 1979

Primeiras eleccións municipais. En Lalín preséntanse cinco listas: CD, UCD, UG, PSOE e Candidatura Independiente.
O resultado, outórgalle a maioría a esta última, encabezada por un tal Pepe Cuíña, daquela un completo descoñecido na política galega.
Daquelas eleccións recuperamos tres documentos.

a) Un libelo anónimo titulado LALÍN ¿Que pecado cometiste, folio de tronante retórica que se distribuíu polo concello en vésperas das eleccións. Os “expertos” en política municipal non teñen moitas dúbidas sobre a “fábrica” que o elaborou.
b) Unha reportaxe da revista Interviu (maio do 79) con suxestivo titular: La UCD quiso ganar a latigazos

c) Un estudo realizado polo alumnado de 3º BUP do 79 (educación documental!), elaborado con idea de “informar... ya que algún periódico publicó los resultados equivocados” e co loable propósito de recadar cartos para a excursión de fin de curso. Tratase dun caderno en tamaño folio, feito a multicopista, con clixés mecanografados, e que se vendía a 25 ptas.

CURTAS, CURTAS

Manda chover na Habana! Resulta que andamos un fato de profes a aprender a fedellar nos audiovisuais, e chegan os de Míster Misto co de Audiovisual nas Aulas 2008 e collen o noso alumnado e, sen máis recursos técnicos que os móbiles de cada quen, van e póñenos a producir curtas por un tubo... Vaia, estas seis dunha tacada (e nós a velas vir)!

Pulsa sobre cada título...



Chove na Habana


A vinganza
de Laura López, Laura García, Alba Rodríguez, Cristina Castro, Verónica Riádigos e Fernando Souto

Alokadas 08
de Verónica ledo , Ana Isabel Gil , Natalia González , Mª Teresa Lorenzo , Sonia Castro e Edita Gómez

Amor ou drogas
de Alejandro Paz , Txema Otero , Marta Martínez , Silvia Castro e Daniel Cepeda

Cansancio

de Saúl Pozo , Manuel Enríquez , Sergio García , Diogo Rodríguez , María González e Óscar Mariño

Distanciados
de Javiera Cortés , Marta González , Daniel Reboredo , Gabriel Baca , Rubén Nogueira e Luis Manuel García

SCT
de Ana Jácome , Andrea Cacheda , Antía Cacheda , Concepción Iglesias , Sara González , Mª Isabel Paz , Isabel Crespo

08 maio, 2008

Maio: 2.000 préstamos recuperados

O número de documentos prestados para as casas e recuperados é un índice de avaliación. Nunca sabemos se son moitos ou son poucos. Conformámonos con incrementar as cifras do curso anterior, porque iso pode indicar un maior hábito no uso dos recursos da biblioteca e unha mellor adecuación da mesma ás demandas da comunidade educativa.

Históricamente, andabamos arredor dos 1.500 por curso. No pasado produciuse un salto e chegamos aos 2.150. Este ano, na primeira semana de maio xa superamos os 2.000. No mesmo tramo do curso pasado eran 1.735 e no anterior, 1194.

A sorpresa vén dada nos préstamos por sexo. Desde que levamos esta estatística, eran as mozas as que mallaban nos mozos coma quen malla en centeo verde. Este ano a cousa anda ao 50%, unha semana gañan uns e outra semana outras. O nosos temores de que a metade masculina da poboaciócamiñaba cara ao analfabetismo vanse disipando, vaia alivio!