27 abril, 2011

Allur Dantza en C@nt@s C@nt@s

Dentro do noso programa de coñecemento e divulgación das literaturas e as músicas tradicionais, contaremos esta vez con Allur Dantza.

Trátase dun grupo de Ibarra (Gipuzkua) que nos traerá cantos en euskera e bailes tradicionais das súas terras.
Estarán connosco este venres, á 1 da tarde, no Salón Teatro.

Vaia o noso agradecemento ao Concello por cedernos o Salón e darlles hospedaxe a estes amigos vascos no albergue "Vicente Agulló" de Mouriscade.

25 abril, 2011

ANIRMAU: Hoxe, ás 8.30 no Filmax Pontiñas.

Por fin! Hoxe, 25 de abil, temos a sesión apertura do Anirmau'11. Será na sala 5 dos cines Filmax Pontiñas, á 8, 30 da tarde.

O programa deste primeiro día está cargado de suxestións:

URS de Moritz Mayerhofer (Alemaña / 2009 / 10’ / 2/3D CGI). Durante moitos anos, Urs tivo que coidar da súa nai anciá. Agora quere emprender unha viaxe perigosa: levala ata unha montaña para atopar un lugar mellor para ambos.

SOMETHING LEFT, SOMETHING TAKEN de Max Porter e Ru Kuwahata (USA / 2010 / 10’ / Monicreques, Pixilación, Cut-outs, 2D CGI) Toda persoa que entra na escena dun crime deixa e leva algo. Unha comedia negra sobre o encontro dunha parella de veraneantes co que cren que é o Asasino do Zodíaco.

HOMELAND Juan de Dios Marfil Atienza (España-República Checa / 2009 / 6’ / Tradicional) Onde hai vontade, hai un camiño.

THE INCREDIBLE STORY OF MY GREAT GRANDMOTHER OLIVE de Alberto Rodríguez (Reino Unido-España / 2009 / 13’ / 3D CGI) Olivia é unha octoxenaria que leva unha vida tranquila retirada na súa casa de campo. Todo cambiará cando unha avaría obriga a un alien a aterrar no seu xardín.

RINKY DINK de John R. Dilworth (USA-España / 2009 / 5’ / Plastilina, Fotos, 2D CGI) Un conto de fadas posmoderno sobre unha princesa que procura o seu “amor verdadeiro”.

PIGEON: IMPOSSIBLE de Lucas Martell (USA / 2009 / 6’ / 3D CGI) Walter, un axente novato enfróntase a un problema para o que non foi adestrado: que facer se unha pomba queda atrapada dentro do teu multimillonario maletín que controla un mísil nuclear?

LE PETIT DRAGON de Bruno Collet (Francia-Suíza / 2009 / 8’ / Monicreques, 2/3D CGI) O espírito do dragón reencárnase no corpo dun boneco atrapado nunha caixa durante 35 anos. Sen dúbida, o boneco de goma escapa para descubrir o descomunal mundo exterior.

THE WEREPIG de Sam (Galiza / 2008 / 17’ / Plastilina) Dous turistas americanos que desexan ir a Benidorm acaban por erro en dirección a Galicia. A súa falta de modais e hixiene fará que sexan expulsados á súa sorte nos “desertos” de Castela.


E se queres ver o programa da semana, podes descargalo (ou consultalo) desde o sitio oficial do Festival: http://anirmau.jimdo.com/

19 abril, 2011

Presentación da novela "O que Darwin non previu" de Alba Payo

O pasado 8 de marzo, presentouse na nosa biblioteca a primeira novela dunha ex-alumna do Instituto: Alba Payo. Publicada por Urco Editora, nova editorial adicada á publicación de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror, O que Darwin non previu inaugura, ademais, a colección Alcaián da editorial.

Alba Payo estréase cunha novela de ciencia ficción que rende homenaxe tanto a algúns clásicos do xénero, como ao cómic Marvel. Misterio científico, apocalipse e un clímax gradual que desemboca en sorprendentes esteiros converten a novela nunha aposta decidida no marco das nosas letras.

Urco Editora leva tempo agasallándonos con magníficas traducións de novelas góticas, de terror e de ciencia ficción. Este acerto no panorama editorial galego complétase agora coa colección Alcaián: os mesmos subxéneros, pero escritas no noso idioma.

Longa vida á colección e a autora que a abre!

Aquí tedes, case íntegra, a presentación da obra. 

En primeiro lugar, falou o profesor e escritor Mario Pereria.
Aquí tedes as palabras de Tomás González Ahola,  un dos editores e tradutor de diversos libros publicados por Urco.

Finalmente, a intervención de Alba Payo. 

16 marzo, 2011

Patrimonio: Nen@s en Bendoiro


Xa o temos comentado. Se nos corresponde a nós (ás Bibliotecas escolares, aos institutos...), non temos medios. Se non nos corresponde, ímolo aceptando, pero sabemos que o habería que facer mellor. Falamos de patrimonio. Neste caso, de patrimonio fotográfico.
O conto é como segue:
Comentando un relato de Manolo Rivas ("o leikista"), o profesor propúxolle ao alumnado que buscase fotos de defuntos no vellos álbums familiares. Noelia creu lembrar que vira algunha e, ao día seguinte, apareceu con tres (dúas de defuntos e unha cun moribundo). O profesor preguntoulle se non tiña máis e ela respondeulle afirmativamente e faloulle dunhas fotos do  Pazo de Bendoiro que ían ir ao lixo. A historia aclarouse co paso dos días.
Charo, a nai de Noelia, comprara uns mobles do pazo , cando este estaba en venda. Ao ilos buscar, deu cunhas sacas de penso cheas de "lixo" que estaban destinadas ao lume. Sabedora de que, ás veces, o lixo contén cousas interesantes, pediullas á propietaria. Entre elas, había "papeis" que a propietaria xa rexeitara.
A maior parte dos “papeis” son fotos. Non sabemos se todas as que había no pazo ou só unhas poucas. Algunhas son de xente do pazo, outras de coñecidos ou amizades. Da maior parte, descoñecemos quen alí está retratado, nin en que data se fixeron. As máis antigas son de finais do XIX, as máis recentes andarán na década dos 70 do XX. Sexa como sexa, conteñen moita e moi boa información sobre os transcurso da vida fidalga durante case un século.
Noelia tróuxonolas  e nós escaneámolas. Forman parte da nosa “biblioteca dixital” e  seguro que algunha vez han ser utilizadas nas nosas aulas.
Non vos imos mostrar todas, pero aquí tedes vinte e cinco, sen máis unidade que a súa procedencia e o seu tema: nen@s.
Graciñas Charo, de non ser por ti, estariamos ante outro cachiño de patrimonio que se tería ido polo río abaixo.



07 marzo, 2011

Anirmau 11: Todo a punto.


Hai ben tempo que non damos conta do Anirmau (nin doutra cousa). Ben, ao final foron 237 curtas de  todo o mundo. Case ninguén imaxinaba ese número, nin case ninguén calculaba todo o traballo que supón a organización de tal evento. O certo é que, conforme a cousa vai collendo forma, todo parece máis realizábel e os nervios polos fallos que se han producir comezan a provocar molestas cóxegas no estómago.

Seleccionados arredor de oitenta filmes, todo está “a punto de”: os subtítulos están a puntos de rematarse, os xurados (os profesionais e o alumnado dos institutos colaboradores) están a punto de recibir as súas copias, o catálogo está a punto de saír, a Seve está a punto de darlle un ataque de algo...
E mentres todo está así podedes ir consultado a  selección de curtas que competirán polos premios na  páxina do festival:


Curtas temáticas:

Multimedia:


02 marzo, 2011

Santo Torrisco nos valla!

Seguimos dándolle voltas á literatura de cordel e, nela, podemos encadrar os romances e coplas de Entroido. Tratándose de textos locais, o xogo que nos proporciona para traballarmos nas aulas é maior que se fosen alleas.

Así que decidimos acudir á A.C. O Naranxo para vermos se conservaban os textos que, entroido tras entroido, fan crónica satírica do noso concello e arredores (New York, incluído). KG, presidente ata hai pouco, conservaba case todos (desde 1988) e Currás, taberneiro de longa estirpe, achegounos algún. Non os conseguimos todos, pero poucos nos faltan.

Aquí os tedes... ordenadiños: