11 decembro, 2015

BD: E logo ninguén pensa nas nenas e os nenos?

Desde que a Marela ordenou de poñer algo de concerto na nosa colección de banda deseñada, investimos boa parte dos nosos recursos en equilibrala, ampliala e mantela actualizada. Os recursos son os que son e ben se sabe que é complicado chegar a onde se quere. A cousa vai pouco e pouco, pero o caso é que vai.  E conforme a colección se vai perfilando, tamén as reflexións da Marela anchean.


Neste sentido, a Marela cavila moito en se non estará equivocada cando nota a falta de banda deseñada dirixida ao público infantil e xuvenil. Ninguén que se aproxime ao tema deixará de apreciar o notable pulo vivido, nos últimos anos, pola BD para lectores maduros ou a novela gráfica, ou como lle queirades chamar. Fronte a iso, semella que o público de menor idade vai quedando nun lugar secundario. É algo que chama dobremente a atención: por unha banda, ese público era ata non hai moito o destinatario predilecto do medio, por outra o camiño parece o contrario do seguido pola LIX.

Nalgo diso debeu pensar Moisés Oneyros, cando, coa colaboración de Whakoom.com e a Asociación Española de Amigos del Cómic (A.E.A.C.), decidiu botar a andar o proxecto En busca de una nueva generación de lectores de cómic. ¿Es que nadie piensa en los niños?

Aí, nese sitio, formula dúas preguntas a case cento vinte persoas estreitamente relacionadas coa BD:
  • ¿Qué crees que debería hacer el mundo del cómic para acercarse al público infantil?
  •  ¿Qué cómic recomendarías a un niño y por qué?
 O  conxunto das respostas dános un bo panorama da situación (e o despiste) e, ademais, resulta agradábel de ler. Así que se tedes un vagariño...

Ningún comentario: