04 setembro, 2026

Xubilouse Ánxeles Francis

The flighty purpose never is o'ertok
Unless the deed go with it.


Foto de Alba Payo

A corte desta Marela sempre estivo moi ben atendida.

Ánxeles Francis ten un longo percorrido nesta biblioteca; tanto que é  difícil escoller ao chou un libro sen que a súa pegada non estea sobre el. Ánxeles é a John Wayne dos cuños, baliñas de tinta dunha cobizosa de libros para unha biblioteca (de todas, de todos...) que nunca deixa de crecer.

 Agora que está cerca o día en que a pantasma do seu retiro apareza como un baleiro en aulas e corredores, esta Marela espreguízase logo dun verán abrasante e sente a inquietude desa ausencia por vir: xa non haberá máis recreos con orais, nin revistas por fichar, nin exemplares catalogacións, nin andeis ordenados nunha ruta sen fin...

Pero o certo é que, sobre todo, a que non estará é a Ánxeles profesora: a profesora e compañeira comprometida con denodo con este tarabelo de ensino público que temos. A nai tamén de Mario e Gabriel, tan nosos e queridos xa dende hai tempo, como xa sempre para nós o será ela.

Brúa, Marela, brúa, que Ánxeles nunca deixe de escoitar o moito que a queremos.

17 xullo, 2026

Coa nosa xente : Sara Piñeiro Fernández


Foto: Sara Piñeiro, in nosdiario.gal

Ao fío da exposición Truer na Galería Néboa de Lugo traemos hoxe á sección Coa nosa xente á artista visual Sara Piñeiro.

Xa no instituto Sara apuntaba maneiras como artista e como mostra a súa achega en 4º de ESO das viñetas do cantar de cego O Bicho da Sacha, coa colaboración nos textos de Daniel Currás González, Mónica Otero Iglesias e Eva Vázquez Vila, e no cal xa salienta a vea artística de Sara.

Verbo da exposición na Galería Néboa, que aínda podedes visitar ata o 24 de xullo, Sara en declaracións a Nós Diario afirma: Para min o exercicio expositivo é parte do proceso de creación. Moitas pezas collen a súa forma definitiva no propio espazo.

Cartel da exposición Truer

Por parte, Sara foi unha das artistas beneficiarias da residencia Novos Valores 2026, que conta coa colaboración do Centro de Residencias Artísticas, o Museo de Pontevedra, a Bienal de Pontevedra e a Walter Leblanc Fundación; co seu proxecto Esas estupendas materias duras.

Moitos parabéns Sara polos éxitos acadados ata agora e que a vea creativa perdure en ti ao longo da túa vida artística.

A seguir a nosa Sara cando o 2º do Bacharelato: 

Sara no curso 2º de Bacharelato, 2013-14. © IES Aller Ulloa



29 xuño, 2026

Algunhas prácticas de creatividade promovidas dende a biblioteca

 Velaquí unha panorámica das experiencias e prácticas vencelladas á nosa participación neste curso no programa Biblioteca creativa (algunhas engadidas froito dunha comprensión ampla do mesmo), que non deixa de ser unha nova volta de porca á expansión das funcións da biblioteca escolar no ámbito dos centros educativos. Aínda inseguros no tocante a unha correcta comprensión do programa, especialmente no que se refire ao papel do espazo físico propio da biblioteca neste tipo de prácticas, confiamos en que o alumnado tivo a oportunidade de aproveitarse destas experiencias nas que a aprendizaxe botou man da súa creatividade.










25 xuño, 2026

Premio Galicons-net 2026


O proxecto “Sumando valores, restando riscos”, desenvolvido polo alumnado e profesorado do IES Ramón Mª Aller Ulloa, foi distinguido co Primeiro Premio Galicons-net 2026 na Categoría C, destinada ao alumnado de Bacharelato, Formación Profesional e Educación de Persoas Adultas.

Este recoñecemento supón un importante aval ao traballo realizado ao longo do curso arredor da educación financeira, os dereitos das persoas consumidoras e o consumo responsable, a través dunha metodoloxía interdisciplinar que permitiu integrar estes contidos en diferentes materias e ciclos formativos.

O proxecto contribuíu a fomentar no alumnado o pensamento crítico, a toma de decisións responsables, o coñecemento dos seus dereitos como persoas consumidoras e o desenvolvemento de competencias fundamentais para a súa vida persoal, académica e profesional.

Queremos agradecer o esforzo, a implicación e o compromiso de todo o alumnado participante, así como a colaboración do profesorado que fixo posible este proxecto. Este premio é o resultado dun traballo compartido, baseado na innovación educativa, na cooperación e na aprendizaxe significativa.

Seguiremos apostando por iniciativas que contribúan a formar unha cidadanía máis consciente, crítica e responsable.

💙 Grazas a todas as persoas que formastes parte desta experiencia.


#GaliconsNet #IESRamónMªAllerUlloa #SumandoValoresRestandoRiscos #ConsumoResponsable #EducaciónFinanceira InnovaciónEducativa FormaciónProfesional AprendizaxePorProxectos PremioGaliconsNet EducaciónParaACidadaníaResponsable 

17 xuño, 2026

Xeografía e onomástica urbanas de Lalín. De onte a hoxe : o libro

 


 A actividade Xeografía e onomástica urbanas de Lalín. De onte a hoxe foi promovida pola profesora Marta Otero, coa colaboración do profesor Miguel Pereira, do alumnado das materias de Xeografía e Historia de 3º de ESO, Xeografía de España de 2º de Bacharelato e Lingua e Literatura Galega  de 1º de ESO que traballou nesta actividade, á parte da profesora Alba Payo como Coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua galega.

A mesma desenvolveuse ao longo do curso 2024-25, coa recollida de material fotográfico e a pescuda nas orixes toponímicas de rúas ou barrios, pero non foi ata este curso 2025-26 que lle puxemos o ramo coa publicación do libro dixital e en papel.

Nesta viaxe á Xeografía e onomástica toponímica urbanas de Lalín tentamos espertar no alumnado a memoria do devir de Lalín a través do nomenclátor das súas rúas e a necesidade de preservar a riqueza microtoponímica local, como un ben inmaterial que nos reconcilia coas raíces.

A seguir o libro dixital:

 

08 abril, 2026

Coa nosa xente: Benxamín Otero


A Academia de música de España reparou no que nós xa sabiamos de vello e propón Outras trece cancións bonitas do noso Benxa e Germán Díaz, para o Premio ao mellor álbum folclórico 2026.





26 marzo, 2026

Coa nosa xente: Luís e Nuria


Grande é a ledicia cando recibimos novas de recoñecementos á nosa xente, a que compartiu as nosas aulas. Se a presenza é dobre, dobre é a alegría. Se os méritos se sitúan na órbita do ben común -neste caso, a medicina pública- o gozo multiplícase.

Esta semana, a SEPAR  distinguiu o Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) co Diamante con Excelencia, a súa máxima certificación, a que significa o cumprimento dos requisitos máis esixentes en asistencia, docencia e investigación, por parte do CHUS.

E velaí que a foto non moi difundida que atopamos en El correo gallego ábrenos un sorriso dos certos. Luís e Nuria, aí os están: o segundo dos varóns pola esquerda e a primeira pola dereita.

Luís González Taboada é o Director de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Nuria Rodríguez Núñez é relevante neumóloga no CHUS. El encádrase na primeira promoción do BUP (1975-79), ela na penúltima (1995-99): vinte anos de historias mil e de alegrías, como esta, para compartir.

Hoxe non publicamos as fotos da ficha de COU, senón as de 1º de BUP:


Como a Fernando de Quián non lle gustou a resolución destes, coteneou en "melloralas":




Parabéns, Nuria. Parabéns, Luís.

07 xaneiro, 2026

Catro meses, algunhas pegadas



En primeiro lugar, as sempre necesarias conmemoracións, que permiten facer presentes figuras e feitos que a présa diaria tende a sepultar no esquecemento. Libros e textos para recordar e aprender: Mes da ciencia en galego, Día das escritoras (daquelas que empezaron arredor de 1975), Día internacional da eliminación da violencia contra a muller (una exposición multidisciplinar coa colaboración de varios departamentos e do alumnado).




En segundo lugar, a visualización de dous feitos históricos en proceso: un, o conflito por Palestina que estourou criminalmente os dous últimos anos logo de moitos, moitísimos, non menos criminais) e, outro, o proceso histórico da formación da España democrática que arrancou en 1975 coa morte de Franco (moi agradecidos pola achega de material periodístico do profesor Paio). Ambas exposicións serviron de espazos para explicacións axeitadas e necesarias por parte do profesorado de historia.






Resolveuse tamén o último Premio Vitoria Taboada, en camiño de profundas reformas pola intrusiva IA...


O alumnado de 1º de bacharelato de Anatomía mostrou os seus traballos no curruncho de Toc-Toc a Ciencia:

E, por último, imos dando os primeiros pasos nos proxectos de Bibliotecas solidarias e creativas, que non sabemos moi ben aínda onde nos poden levar: o voluntariado levou o contacto interxeracional ao Colexio Xesús Golmar e fixo as súas primeiras colaboracións na xestión da biblioteca e o alumnado de artes interveu creativamente no mobiliario; puxemos tamén a probas algún que outro xogo manipulativo, para ver até onde se pode chegar con eles na biblioteca.

















17 novembro, 2025

Coa nosa xente : Miguel Gulín Castro

Ao fío do logro de ser o número un na oposición ao Corpo Executivo do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) da Axencia Tributaria na modalidade de Navegación, traemos hoxe á sección Coa nosa xente ao graduado en Náutica e Transporte Marítimo Miguel Gulín Castro.

Miguel Gulín, Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia

Durante a travesía de tres meses de prácticas nun petroleiro, foi cando Miguel tomou a decisión de se presentar ás oposicións. Verbo disto confesa en declaracións a La Voz de Galicia: Xa o vin claro, pensei que estar embarcado era unha aventura, pero con vistas ao futuro a oposición é un traballo que me daría estabilidade. Aclarando ademais o porqué da elección: A miña especialidade ten como obxectivo combater unha lacra como o narcotráfico, é algo que me enche.

E meu dito, meu feito. Ao tempo que remataba o traballo de fin de grao, comezou xa a preparar as oposicións, estudando como un tolo (tal e como Miguel lle confesa a Rocío Ramos para La Voz de Galicia) e compaxinándoo con prácticas no Centro de Comunicacións Radiomarítimas da Coruña, prácticas a media xornada. Así que, saía a mediodía e estudaba ata as once da noite. Foi un atracón.

Á parte, Miguel, desde terceiro de carreira, traballou como camareiro para dispor de autonomía económica: Estaba na Coruña, vivindo fóra da casa e quería gañar para min (sic La Voz de Galicia). Un exemplo claro de que o esforzo adoita ter recompensa.

Moitos parabéns e moito ánimo, Miguel.

A seguir o noso Miguel cando o 2º do Bacharelato: 


Miguel no curso de 2º Bac. 2019-20. Copyright IES Aller Ulloa



28 outubro, 2025

XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : Veredicto e textos premiados

 O xurado do XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

 

1º premio na categoría de relato curto a XABIER SALGUEIRO LÓPEZ de 4º de ESO B polo relato "Cando o ceo fala", unha historia chea de misterio, emoción e esperanza, na que Xoán, o protagonista, descobre que os segredos tamén poden pesar no ceo… e que dicir a verdade pode cambiar o tempo.

Accésit na categoría de relato curto para ANA MARÍA LÓPEZ FERNÁNDEZ  polo relato que comeza “Din que cando alguén marcha de entre nós”, un relato cheo de emoción, lembranza e sentimento, que nos fala do poder do recordo e do amor que permanece máis alá da ausencia e que nos fai entender que a quen queremos nunca marcha de todo, mentres siga a florecer na nosa memoria. 

 O xurado considerou deixar desertos so premios de poesía e sketch teatral.

 


 A entrega de premios terá lugar na no segundo trimestre.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Elba Couso Patiño).


23 outubro, 2025

Unha recomendación: "Un poema que lembrar", de Raquel Montoto Gómez

Di Raquel no prólogo que espera que os seus poemas acompañen ao lector, recoñecendo este "as súas propias emocións ou descubrindo outras novas". Engade a evidencia da función comunicativa da súa escritura: comunicar é compartir. Non coñezo teoría literaria máis certa ca esta, falando da poesía.

Hai un veo de tristura tenra e amarga en todos estos poemas, poemas que contan a historia dunha mente aterecida de anguria polo paso do tempo, dunha mente sensible que confronta o prodixio da existencia co seu baleiro incomprensible. Pero tamén mostran estes versos algunha das agarradoiras que nos ofrece a vida: a arte e a propia experiencia reflexiva. Veño de usar un nós, e penso de novo no prólogo...

Un poema que lembrar é o conxuro de Raquel, a forma de respostar ao seu primeiro poema: de certo que o tempo voa, pero de certo tamén que moitas evolucións son boas. Este libro é un radical testemuño diso. Agora, Raquel, no día do teu aniversario, saudamos dende a Marela a túa poesía, un exemplo de que sempre se pode facer algo distinto antes de sentir que é demasiado tarde.

Entre notas e silencios

A música escapa do papel e vira tempo vivido.

O silencio deixa espazo para o son que non se escoita.

O corazón escoita o que o oído non alcanza.

Cada nota é un recordo que se repite.

O silencio entre notas é a melodía verdadeira.



08 setembro, 2025

Profesor Cañoto


Fixo o ingreso en 1954. En 1971, incorporouse como profesor de educación física.

Comezou no oficio alá nos tempos en que os alcumes dos profes obedecían aos afiados criterios de elaboración e selección que a cultura agraria esixía (o instituto era o centro da comarca de Deza, ampla e rural).

Irreverente, librepensador e nadador contra corrente, Cañoto deixaba asexar -ocasionalmente- a Brandido (Ese canta ben, ten unha voz rouca como a miña -eloxiaba Leonard Cohen) ou a Javier: Mario, se me recordan por algo neste instituto, é por esas árbores que plantei -confioulle a fozabibliotecas, ao pouco de plantar con Benito, o seu compatriota galadhrim, as árbores que hoxe flanquean, orgullo de noso, os campos de deporte do instituto.

Non hai adeallo con solidez abondo como para protexernos todo o tempo e a Javier Brandido Taboada non lle quedou outra que descubrirse como home de firme formación académica e de extraordinaria sensibilidade persoal e social.

Ao abeiro da norma que permitía ao profesorado con titulación adecuada exercer como Orientador, el, durante décadas profesor de educación física e licenciado en psicoloxía, converteuse no primeiro orientador do instituto.

Ás vinchas coas máscaras protectoras! Desde a súa nova función, atendeu os problemas individuais que o requerían, organizou actividades de formación para o profesorado e entendeu, coma ninguén, que os problemas aos que se enfrontaba tiñan unha raíz psicosocial e que só se podían atender desde a creación dunha ampla rede que se estendese moito máis alá das protectoras, pero limitantes paredes do centro. Nacía ASPADEZA.

ASPADEZA, exemplar e emblemática, está a piques de cumprir vinte e cinco anos. ASPADEZA garda, mellor ca nós, a memoria do seu impulsor e primeiro presidente. As árbores que plantei, Mario, as árbores que plantei -escribo e non seco as bágoas.

Grazas, ASPADEZA, vós sabédelo facer mellor.

FOTO: Ramón Leiro. La voz de Galicia.

Amigo, compañeiro Brandido, noso de nós!

09 xuño, 2025

Mulleres na diáspora. Todas e todos somos migrantes



Estes dous vídeos conforman o Proxecto Interdisciplinar "Mulleres na diáspora" no que traballou este curso 24/25 o alumnado de 3º e 4ª da ESO, e do 2º curso de FP Básica, coordinado polos seus profesores de Debuxo, Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Música. 

O seu obxectivo é amosar o actual fenómeno inmigrante como unha realidade compartida por toda a comunidade educativa lembrando, con orgullo, o noso pasado recente como emigrantes galeg@s.

Entender a migración coma un feito universal. Facelo desde a empatía, o respecto e a solidariedade e valoralo tamén coma unha oportunidade enriquecedora.

Hai  nada nós, os galeg@s, eramos tamén migrantes.

Debemos lembrar para non esquecer pero tamén para comprender.  

29 maio, 2025

XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o libro

 



Un ano máis comprácenos anunciar a edición do libro cos textos premiados e os finalistas no XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións achegadas por alumnado de 1º do Bacharelato de Artes.

Agardamos que vos preste a lectura así como as ilustracións complementares.

A seguir o libro dixital: