05 abril, 2021

23A : Día do Libro. "A portada son eu / somos nós"

De cara ao 23 de abril, Día do Libro, propoñemos como actividade " A portada son eu / somos nós", coordinada por Luísa Areán e Uxía Nogueira, que tenta unir lectura e creación artística. 

O concurso, tal e como se recolle no cartel, consiste en:

1. Montaxe fotográfica complementar da portada dun libro.
2. O/A protagonista da portada do libro podes ser ti ou a túa familia.
3. Aberto á participación de toda a comunidade educativa: alumnado, familias...
4. As portadas débense de enviar a: marela@iesallerulloa.es
5. O prazo de presentación remata o 21 de abril.
6. Haberá dous premios de 30 €, un para a fotografía máis orixinal e outro para a que mellor complete a portada.
7. O fallo do xurado, integrado por profesorado do centro, será inapelábel.
7. Farase unha exposición coas montaxes fotográficas seleccionadas, que quedarán a dispor do IES Aller Ulloa. Tamén se realizará un vídeo.



27 marzo, 2021

27M. Día Mundial do Teatro

 

Hoxe, 27, Día Mundial do Teatro, celebrámolo ao abeiro da publicación da banda deseñada “As pombas de Carboeiro” de Inacio e Iván Suárez, con BSO de Benxa Otero e interpretada pola Banda de Lalín, e que reproduce en viñetas a obra que no seu día Fantoches Baj puxo en escena, protagonizada por Inacio e Benxamín Otero. Xa na Marela demos conta da posta en escena da que gozou o noso alumnado.

Así mesmo, achegamos unha serie de reflexións sobre o papel social do teatro:

 


26 marzo, 2021

8M. Encontro con María González Flores : o acto

O ramo á celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, puxémolo hoxe co programado Encontro coa socióloga e feminista María González Flores, que amosou as súas dotes de comunicadora achegando o alumnado ao coñecemento dos feminismos dun xeito moi ameno.

O acto, coordinado pola profesora Alba Payo, celebrouse en dúas sesións coa presencia do alumnado de 1º do Bacharelato B e C e de 4º da ESO B que amosou moito interese, participando activamente na charla-obradoiro.

Esta foi a benvida de María González Flores:


 A seguir máis fotos do Encontro:



 

24 marzo, 2021

Biblioteca inclusiva

20.000 leguas de viaxe baixo dos mares é un sentido agasallo da Asociación Juan XXIII, que fixo doazón á nosa biblioteca de seis exemplares da novela, adaptada para a  colección Lectura fácil, no marco do proxecto de Plena inclusión Galicia.


É por iso, que quixemos pór en valor a iniciativa da adaptación da novela de Jules Verne e pedímoslle a Misha Bies Golas que nos achegase unha breve recensión. Este foi o resultado:

"Trátase dunha adaptación da novela de Jules Verne, realizada pola Asociación Juan XXIII con debuxos de Miguel Rocha.
Nun exercicio de síntese no que se manteñen perfectamente moitos dos trazos psicolóxicos das personaxes do libro e centrándose tamén en varias das pasaxes de maior interese da historia do Capitán Nemo e compañía, esta versión reducida mantén un ritmo fluído que fai a súa lectura pracenteira e consegue levar o lector por recunchos dos mares que ata a data na que saíu a novela orixinal, 1869-1970, eran case que inimaxinables.
Parte fundamental da obra son as imaxes que Miguel Rocha debuxou para completala: unha serie duns trinta debuxos en branco e negro que acompañan o texto, dándolle forma física a algúns dos sucesos e paisaxes polos que discorre a historia do Nautilus. Cun trazo moi expresivo estas imaxes resultan do máis suxestivo tanto na súa relación co texto coma na súa mesma natureza plástica.
No que semella un exercicio de revisión dos xeitos de editar a finais do XIX, as imaxes exercen sobre o conxunto unha forza renovadora que a aproxima ás novas adaptacións de clásicos á B.D."
 Misha Bies Golas

 Ánimo, e moitas grazas á Asociación Juan XXIII e a Misha.