07 xaneiro, 2026

Catro meses, algunhas pegadas



En primeiro lugar, as sempre necesarias conmemoracións, que permiten facer presentes figuras e feitos que a présa diaria tende a sepultar no esquecemento. Libros e textos para recordar e aprender: Mes da ciencia en galego, Día das escritoras (daquelas que empezaron arredor de 1975), Día internacional da eliminación da violencia contra a muller (una exposición multidisciplinar coa colaboración de varios departamentos e do alumnado).




En segundo lugar, a visualización de dous feitos históricos en proceso: un, o conflito por Palestina que estourou criminalmente os dous últimos anos logo de moitos, moitísimos, non menos criminais) e, outro, o proceso histórico da formación da España democrática que arrancou en 1975 coa morte de Franco (moi agradecidos pola achega de material periodístico do profesor Paio). Ambas exposicións serviron de espazos para explicacións axeitadas e necesarias por parte do profesorado de historia.






Resolveuse tamén o último Premio Vitoria Taboada, en camiño de profundas reformas pola intrusiva IA...


O alumnado de 1º de bacharelato de Anatomía mostrou os seus traballos no curruncho de Toc-Toc a Ciencia:

E, por último, imos dando os primeiros pasos nos proxectos de Bibliotecas solidarias e creativas, que non sabemos moi ben aínda onde nos poden levar: o voluntariado levou o contacto interxeracional ao Colexio Xesús Golmar e fixo as súas primeiras colaboracións na xestión da biblioteca e o alumnado de artes interveu creativamente no mobiliario; puxemos tamén a probas algún que outro xogo manipulativo, para ver até onde se pode chegar con eles na biblioteca.

















17 novembro, 2025

Coa nosa xente : Miguel Gulín Castro

Ao fío do logro de ser o número un na oposición ao Corpo Executivo do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) da Axencia Tributaria na modalidade de Navegación, traemos hoxe á sección Coa nosa xente ao graduado en Náutica e Transporte Marítimo Miguel Gulín Castro.

Miguel Gulín, Foto: Marcos Míguez / La Voz de Galicia

Durante a travesía de tres meses de prácticas nun petroleiro, foi cando Miguel tomou a decisión de se presentar ás oposicións. Verbo disto confesa en declaracións a La Voz de Galicia: Xa o vin claro, pensei que estar embarcado era unha aventura, pero con vistas ao futuro a oposición é un traballo que me daría estabilidade. Aclarando ademais o porqué da elección: A miña especialidade ten como obxectivo combater unha lacra como o narcotráfico, é algo que me enche.

E meu dito, meu feito. Ao tempo que remataba o traballo de fin de grao, comezou xa a preparar as oposicións, estudando como un tolo (tal e como Miguel lle confesa a Rocío Ramos para La Voz de Galicia) e compaxinándoo con prácticas no Centro de Comunicacións Radiomarítimas da Coruña, prácticas a media xornada. Así que, saía a mediodía e estudaba ata as once da noite. Foi un atracón.

Á parte, Miguel, desde terceiro de carreira, traballou como camareiro para dispor de autonomía económica: Estaba na Coruña, vivindo fóra da casa e quería gañar para min (sic La Voz de Galicia). Un exemplo claro de que o esforzo adoita ter recompensa.

Moitos parabéns e moito ánimo, Miguel.

A seguir o noso Miguel cando o 2º do Bacharelato: 


Miguel no curso de 2º Bac. 2019-20. Copyright IES Aller Ulloa



28 outubro, 2025

XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : Veredicto e textos premiados

 O xurado do XII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

 

1º premio na categoría de relato curto a XABIER SALGUEIRO LÓPEZ de 4º de ESO B polo relato "Cando o ceo fala", unha historia chea de misterio, emoción e esperanza, na que Xoán, o protagonista, descobre que os segredos tamén poden pesar no ceo… e que dicir a verdade pode cambiar o tempo.

Accésit na categoría de relato curto para ANA MARÍA LÓPEZ FERNÁNDEZ  polo relato que comeza “Din que cando alguén marcha de entre nós”, un relato cheo de emoción, lembranza e sentimento, que nos fala do poder do recordo e do amor que permanece máis alá da ausencia e que nos fai entender que a quen queremos nunca marcha de todo, mentres siga a florecer na nosa memoria. 

 O xurado considerou deixar desertos so premios de poesía e sketch teatral.

 


 A entrega de premios terá lugar na no segundo trimestre.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Elba Couso Patiño).


23 outubro, 2025

Unha recomendación: "Un poema que lembrar", de Raquel Montoto Gómez

Di Raquel no prólogo que espera que os seus poemas acompañen ao lector, recoñecendo este "as súas propias emocións ou descubrindo outras novas". Engade a evidencia da función comunicativa da súa escritura: comunicar é compartir. Non coñezo teoría literaria máis certa ca esta, falando da poesía.

Hai un veo de tristura tenra e amarga en todos estos poemas, poemas que contan a historia dunha mente aterecida de anguria polo paso do tempo, dunha mente sensible que confronta o prodixio da existencia co seu baleiro incomprensible. Pero tamén mostran estes versos algunha das agarradoiras que nos ofrece a vida: a arte e a propia experiencia reflexiva. Veño de usar un nós, e penso de novo no prólogo...

Un poema que lembrar é o conxuro de Raquel, a forma de respostar ao seu primeiro poema: de certo que o tempo voa, pero de certo tamén que moitas evolucións son boas. Este libro é un radical testemuño diso. Agora, Raquel, no día do teu aniversario, saudamos dende a Marela a túa poesía, un exemplo de que sempre se pode facer algo distinto antes de sentir que é demasiado tarde.

Entre notas e silencios

A música escapa do papel e vira tempo vivido.

O silencio deixa espazo para o son que non se escoita.

O corazón escoita o que o oído non alcanza.

Cada nota é un recordo que se repite.

O silencio entre notas é a melodía verdadeira.