07 decembro, 2009

Comentario sobre "Made in Galiza"


Made in Galiza é un libro de relatos breves no cal o autor, Séchu Sende, trata os problemas da lingua galega con moita retranca e humor, como, por exemplo, no conto "Estudo sociolingüístico sobre a mocidade baixo os efectos da droga", onde clasifica cun toque de humor os adolescentes segundo o seu grao de compromiso coa lingua galega, reflectindo á vez os problemas entre galego e castelán nestas idades.

O autor fainos cavilar e formularnos preguntas, situacións, etc. das que non nos decatamos na vida cotiá; así, no relato "Madrith" sitúanos no suposto de que en España se deixase de falar o castelán, que fose substituído por outro idioma e que estivese mal visto falar a lingua castelán. Con isto trata de presentarnos a situación actual de Galiza facendo que nos choque, cousa que na vida real non nos formulamos.

Tamén nos amosa como o galego é símbolo de identidade de todos os que vivimos nesta terra; así, no conto "Unha imaxe vale máis" ensínanos como a lingua galega, simbolizada no conto co álbum de fotos, vale máis que calquera ben material, xa que a lingua é un vínculo co noso pasado.

Por todo isto, o libro gustoume, xa que se fai ameno de ler debido a súa estrutura en breves relatos e pola súa retranca.

Pablo Zobra

Podedes ver aquí o encontro que mantivemos con Séchu Sende a propósito deste libro.

1 comentario:

ramonallerulloa dixo...

Das vosas breves recensións dedúcese que o que de primeiras semellaba unha certa complexidade á hora de ler o libro, resultou ao cabo un lúdico e entretido achegamento á realidade social da lingua galega.
Paio