26 novembro, 2022

Ao fío de... 25 N

Pasou o día... e esperamos que as actividades levadas a cabo polo alumnado de 4º da ESO A e C e 1º do Bacharelato servisen para concienciar da necesidade de acabar coa lacra do maltrato contra as mulleres.

O primeiro en mostrar o seu traballo foi o grupo de 1ºC, coordinado pola profesora de Lingua e Literatura galegas, Uxía Nogueira. Unhas cartolinas recollían o nome das mulleres asasinadas neste 2023 e un dato sobre a súa morte que, a cada un deles e cada unha delas, lles pareceu estarrecedor. Lían en voz alta o nome da muller e colocaban a cartolina sobre unha cadeira baleira, simbolizando deste xeito esas 40 vidas arrebatadas no que levamos de ano.

A continuación, o grupo de 4º da ESO C, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia, Alba Payo, leu unha selección de textos narrativos e poéticos nos que se denuncia a violencia machista exercida contra as mulleres. Podedes ver a escolma neste enlace.

Finalmente, as rapazas de 4º da ESO A, guiadas pola profesora de Inglés, Saleta Fragueiro, leron as cartas que elas mesmas escribiran, dirixidas a persoas, ficticias ou non, do seu contorno: nais, irmás, amigas... posibles vítimas desta lacra social. Algunha das misivas fixo que os ollos do público se embazasen de emoción, dor e rabia.

Aos que nos ledes, aínda que non puiderades estar alí, só vos queremos dicir o mesmo que Saleta lle pediu ao noso alumnado: "Rapazas: querédevos moito, respectádevos e facédevos querer e respectar. Rapaces: confiamos en vós"

Deixámosvos aquí algunhas das fotografías que a profesora do Dpto. de Artes, Mari Ruzo, nos fixo chegar. Os lazos son traballo do voluntariado da Biblioteca e da profesora de Bioloxía Ana Penas, e do son encargouse o profesor de Inglés Manuel Conde.
















Ningún comentario: