27 novembro, 2018

Astronomía na aula. XXXI Congreso ENCIGA [1]

O XXXI congreso de ENCIGA animounos a compartir algunhas das actividades e exposicións que fomos confeccionando desde que puxemos a andar o Toc-toc. Irémolas lembrando estes días, acompañadas do texto publicado no programa do Congreso.
Polo demais, o noso agradecemento a todos os participantes, relatores e conferenciantes, á dirección de ENCIGA e a Paulino, o seu presidente. Para as compañeiras que toman o relevo: moitos ánimos.







" A Axencia Espacial Europea, a través de ESA Education, ofrece numerosos recursos e diversas actividades de formación para profesorado de primaria e de secundaria, cos que pretende achegar a astronomía e a investigación espacial ás aulas. 

Tras participar no ESA Summer Teachers Workshop de 2015 xurdiu a idea – xa compartida no XXVIII congreso ENCIGA celebrado en Sarria -  de realizar este proxecto co alumnado da materia de Cultura Científica de 1º de bacharelato no curso 2015/2016  no marco das actividades do 50 cabodano de don Ramón Aller.
Nesta exposición resúmense os dous traballos realizados: modelo dun sistema binario e  demostración experimental da segunda lei de Kepler. Ambos os proxectos consistiron nunha pequena demostración experimental que serviu de pretexto para realizar unha indagación na Internet e en bibliografía especializada, así como para elaborar vídeos con Camtasia Studio e pósters en formato dixital co software Open Office Draw. Incidiuse na importancia de citar as fontes empregadas así como a autoría das imaxes.
Empregáronse aproximadamente dez sesións de clase, dúas para o traballo experimental e oito para a busca de información e elaboración de materiais. Dado que as sesións se impartiron no laboratorio e na aula de informática, a avaliación do proxecto, que resultou moi satisfactoria, puido realizarse ao longo de todo proceso".
Boletín das Ciencias,86, 23. Reboiro López, Ana

21 novembro, 2018

Stan Lee, in memoriam

Enredados como estivemos co congreso de ENCIGA, nin un momento atopamos para subir unha foto en memoria do noso Stan Lee.

Non nos esquecemos, iso si, de poñérmoslle un altariño a xeito de exposición antolóxica de cómics e personaxes creados por el, un dos máis grandes da BD e que nos acaba de deixar.

Esta foi a nosa modesta homenaxe.


Podedes consultar na Marela BD os cómics de superheroes da Marvel que figuran no catálogo da Biblioteca.

Tamén temos algún filme de pixameiros Marvel á vosa disposición nos caixóns azuis.

07 novembro, 2018

Segunda Marela para D. Ramón Mª Aller (50 aniversario)

Con motivo da celebración no noso centro do XXXI Congreso Enciga, volvemos imprimir o número 20 d’A Marela Tarabela. Nel, recollemos as actividades realizadas co gallo do 50 aniversario do falecemento de don Ramón Mª Aller Ulloa, como ramo da efeméride. 
Aproveitamos a ocasión para paliar o despiste cometido no seu día e subímola en PDF.



Lembramos tamén o primeiro que elaboramos sobre D. Ramón.

04 novembro, 2018

VI Concurso literario Mª Vitoria Taboada

O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o VI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e  skecht teatral, dirixido ao alumnado de secundaria dos centros dezaos.

https://issuu.com/marelatarabela/docs/vi_concurso_literario_m_vitoria_tab

Preme no cartel, obra da alumna Sofía Gil Madriñán, para ler as bases da convocatoria.