07 maio, 2021

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o veredicto

O xurado do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

1º premio na categoría de poesía para ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Alma ambulante”, “Soños” e “Aparencias”; por conseguir expresar, coa precisión dunha eficaz linguaxe poética próxima ao sentencioso, sensacións universais coma o desconcerto ante o paso do tempo, e os medos e renuncias que nos xera a procura da felicidade.

1º premio na categoría de relato curto a ANA NOVO CUÑARRO polo relato "Natureza", porque consegue, en poucas liñas, construír un personaxe fascinante e abordar cunha brillante metáfora toda unha forma de entender a arte, ou a mesma vida.

Accésit na categoría de relato curto para VICENTE JOSÉ MOSQUERA VALERO polo relato titulado "A primeira visita do Camiñante do Abismo ao seu fogar", por articular en poucas páxinas (que prometen ulteriores desenvolvementos) un mundo fantástico orixinal, grazas ao manexo dunha rica linguaxe que crea unha atmosfera de intriga e que atende con detalle as percepcións e reaccións dos personaxes

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto, o 28 de maio, ás 11:20, nun breve acto, condicionado polas medidas anti-COVID-19.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Sara Capiscol Pérez):

 

 

Moitos parabéns!

05 maio, 2021

Coa nosa xente

"Facer música vai moito máis alá de interpretar o que vén na partitura", afirma María José Rielo Blanco nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia.

Foto: Forum Musikae

Son continuos os parabéns coa nosa xente. Neste caso, como xa vimos antes, trátase de María José Rielo Blanco, unha das máis recoñecidas fagotistas do mundo, e que estes días anda por Santiago de Compostela para impartir clases de fagot na Escola de Altos Estudos Musicais.

A nosa Mª José Rielo. A foto é a dos Cadernos do profesorado de 2º Bacharelato. Curso 2005-2006


 


02 maio, 2021

Coa nosa xente

Estamos de parabéns, de novo xente de noso acada éxito no seu quefacer profesional, neste caso trátase da neurocirurxiá María Dolores Varela Costa de quen La Voz de Galicia informa sobre a técnica pioneira en España de operar a columna desde o abdome, sendo para a persoa paciente menos invasiva e dolorosa.



Coa nosa xente

Moito nos comprace o éxito persoal da xente de noso, como Carlos García Meixide  de quen La Voz de Galicia vén de informar da concesión dunha bolsa da Fundación Barrié para estudos de posgrao no estranxeiro, concretamente na Escola Politécnica Federal de Zúric, en Suíza, durante o próximo curso. 
E entre tanto estudo e tanta investigación non se esquece das súas afeccións: o piano, o saxofón e a gaita.
 
Foto do seu perfil de Facebook

E para saber máis de Carlos aquí deixamos o enlace á entrevista que lle concedeu a La Voz de Galicia.