O xurado do VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:
1º premio na categoría de poesía para ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Alma ambulante”, “Soños” e “Aparencias”; por conseguir expresar, coa precisión dunha eficaz linguaxe poética próxima ao sentencioso, sensacións universais coma o desconcerto ante o paso do tempo, e os medos e renuncias que nos xera a procura da felicidade.
1º premio na categoría de relato curto a ANA NOVO CUÑARRO polo relato "Natureza", porque consegue, en poucas liñas, construír un personaxe fascinante e abordar cunha brillante metáfora toda unha forma de entender a arte, ou a mesma vida.
Accésit na categoría de relato curto para VICENTE JOSÉ MOSQUERA VALERO polo relato titulado "A primeira visita do Camiñante do Abismo ao seu fogar", por articular en poucas páxinas (que prometen ulteriores desenvolvementos) un mundo fantástico orixinal, grazas ao manexo dunha rica linguaxe que crea unha atmosfera de intriga e que atende con detalle as percepcións e reaccións dos personaxes
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.
A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto, o 28 de maio, ás 11:20, nun breve acto, condicionado polas medidas anti-COVID-19.
A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.
A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Sara Capiscol Pérez):
Moitos parabéns!
Ningún comentario:
Publicar un comentario