07 decembro, 2021

Visita da empresa Aerocámaras

O pasado venres 3 de decembro tivo lugar, no noso centro, un encontro dos alumnos e das alumnas de ciclos formativos coa empresa de Lalín Aerocámaras. Visitáronos dous dos seus membros, Jose e Álex, para presentarnos os seus proxectos e o seu xeito de traballar.

Aerocámaras é a operadora de drons líder en España, que leva anos en expansión, ofrecendo unha gran variedade de servizos, dende gravación de publicidade, cine e tv ata levantamentos topográficos e cartografía en 3D, así como situacións de emerxencias e rescates, inspeccións técnicas de grandes estruturas, agricultura de precisión e eliminación de pragas ou formación de pilotos e fabricación de drons profesionais.

O obxectivo da visita era propiciar unha relación entre o IES e a empresa dado que, como nos explicou Álex, nela teñen cabida persoas formadas no desenvolvemento de aplicacións, na administración de sistemas informáticos ou na programación orientada a obxectos: tres ámbitos directamente relacionados cos ciclos formativos impartidos no noso centro.

Dita relación podería materializarse tanto a través da acollida de alumnado en prácticas como da posible incorporación de novos titulados, para o que os convidaron a poñerse en contacto coa empresa e compartirlles pequenos proxectos que teñan desenvolvido, apuntando que, para eles, tan importante son os coñecementos como unha boa predisposición, compromiso e proactividade.

O encontro deixou un bo pouso entre o noso alumnado, o que, de seguro, lles dará un pulo para o traballo que lles queda desta primeira avaliación e esperemos que das seguintes.

Luísa Areán Taboada, profesora de FOL




  

06 decembro, 2021

O señor das moscas

Cando falamos de "O señor das moscas" vénnos a cabeza a figura de William Golding, autor da novela inglesa Lord of the flies, pero este 4 de decembro a Universidade Nacional Autónoma de México, a través da súa conta de Twitter para a divulgación da ciencia, quixo recordarnos que hai outro "señor das moscas": Thomas Hunt Morgan, xenetista estadounidense, Nóbel en Medicina (1933) e que, entre outras cousas, estudou a macromutación na mosca da froita. Aquí vos deixamos a publicación da DGDC UNAM:



01 decembro, 2021

Unha recomendación: "Rapazas de Polar", de Eva Moreda


E
sta noveliña de Eva Moreda é unha seria extravagancia: unha subversión radical do subxénero das novelas de colexios femininos que se ramifica con decisión, mais con humildade, cara os ámbitos da novela política, social, histórica, familiar, íntima, feminista, realista, fantástica, alegórica, de aprendizaxe... e máis.

A novela é o relato dos seus anos en Polar (o internado) que lle fan esas rapazas do título a un vostede que seica preguntou por eles. Anos inquietantes e tebrosos que entran e saen do internado, coas rapazas, tecendo unha rede de alusións que perfilan con incisiva sutileza determinados aspectos dunha época: os anos trinta e corenta do pasado século, nunha Galicia inserida no contexto europeo que desaugou na guerra civil e na segunda guerra mundial.

En cada un dos catros capítulos en que se divide a historia, o foco da atención de quen narra (un nós que, irremediablemente, só pode ser un eu...) proxéctase sobre un personaxe diferente. Da relación entre cada un deles e as rapazas parten os axóns que vincularán o espazo e a realidade do internado cos do exterior.

Un mérito sobresaínte da novela é a prodixiosa mestura de perspectivas coa que se conta a historia: un man a man entre a voz reflexiva da muller adulta que quere narrar pasado un tempo e a súa voz da nenez, voz que reflicte a súa visión directa daquela época como voceira dunhas rapazas que viviron illadas, precisamente, dela. Así é como Moreda consegue facer natural a presencia de lobishomes e porcos falantes, respectando a tradución, diáfana e coherente, que unhas mentes en formación e desexosas de vida facían dunha realidade turba e arbitraria.

Rapazas de Polar é unha historia dunha orixinalidade hipnótica.


 

 

30 novembro, 2021

Claudia Alonso : o reencontro

Do reencontro con Claudia Alonso sobre O percorrido dunha estudante de arquitectura achegamos as seguintes reflexións:

Sempre encontro interesante a visita de ex-alumnos ao centro, especialmente se os seus estudos teñen certa vinculación coas materias que imparte o Departamento de Debuxo. Nesta ocasión, Claudia fixo un resumo en primeira persoa da súa formación como arquitecta e das expectativas laborais futuras.

María Armada

A charla sobre arquitectura resultoume moi interesante e entretida aínda que as miñas decisións no ámbito académico non me vaian levar por esa carreira. Considéroa unha boa forma de orientación para quen queira estudar arquitectura, xa que os consellos dados pola relatora son, na miña opinión, moi útiles.

Ana Novo  

Pareceume unha charla interesante, pois explicou e aclarou determinados temas con relación á universidade que teñen relevancia para a nosa futura formación, e que nos axudarán na elección do camiño profesional da arquitectura.

Miguel Cudeiro




25 novembro, 2021

25-N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 50/134 o 17 de novembro de 1999, celébrase anualmente cada 25 de novembro, en memoria das irmás Mirabal... seguir lendo

Dúas suxestións, a curta de animación Un conte de Gobelins

  

e o vídeo realizado por alumnado de 4º ESO B o pasado curso: A violencia é un virus, vacínate


 Este curso, a nosa achega para dicir NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO consistiu na lectura de fragmentos de Invisibles, de Montse Fajardo, e El encaje roto, de Emilia Pardo Bazán. O alumnado dos diferentes clubs de lectura visitou as aulas dos seus compañeiros e das súas compañeiras. Deixámosvos unhas fotos como mostra. E nuns días teremos tamén o vídeo.