A novela é o relato dos seus anos en Polar (o internado) que lle fan esas rapazas do título a un vostede que seica preguntou por eles. Anos inquietantes e tebrosos que entran e saen do internado, coas rapazas, tecendo unha rede de alusións que perfilan con incisiva sutileza determinados aspectos dunha época: os anos trinta e corenta do pasado século, nunha Galicia inserida no contexto europeo que desaugou na guerra civil e na segunda guerra mundial.
En cada un dos catros capítulos en que se divide a historia, o foco da atención de quen narra (un nós que, irremediablemente, só pode ser un eu...) proxéctase sobre un personaxe diferente. Da relación entre cada un deles e as rapazas parten os axóns que vincularán o espazo e a realidade do internado cos do exterior.Un mérito sobresaínte da novela é a prodixiosa mestura de perspectivas coa que se conta a historia: un man a man entre a voz reflexiva da muller adulta que quere narrar pasado un tempo e a súa voz da nenez, voz que reflicte a súa visión directa daquela época como voceira dunhas rapazas que viviron illadas, precisamente, dela. Así é como Moreda consegue facer natural a presencia de lobishomes e porcos falantes, respectando a tradución, diáfana e coherente, que unhas mentes en formación e desexosas de vida facían dunha realidade turba e arbitraria.
Rapazas de Polar é unha historia dunha orixinalidade hipnótica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario