26 marzo, 2013

Os días do cometa



En Demo editorial
Uns tempos confusos, un sórdido microcosmos, un guión turbio e un debuxo sucio... velaí as catro columnas sobre as que Manolo López Poy e Miguel Fernández constrúen unha obra excepcional, un relato terrible e denso no que non sobra nin falta nada.


Na páxina sete, evócasenos o cometa Halley cunha cita de Luis I de Aquitania: “... un fenómeno sempre funesto e de tristes presaxios.


Antes presentáransenos os catro personaxes centrais da obra arredor dunha partida de tute e unha foto da infancia. Primeiro brinde polos autores: pouco máis dos catro primeiros cadriños e xa case nos queda perfilado o substancial dos seus caracteres e das relacións entre eles.


Entre a páxina oito e vinte, asistimos a un dos grandes momentos da nosa BD: Ramiro, o miñaxoia do grupo, inicia –encetado pola morte en forma de dúas balas na cabeza- unha carreira a ningures na procura do desquite polo asoballamento e pola frustración que fora acumulando durante toda a vida. Case sen palabras, temperando o debuxo dunha acción frenética e da caracterización psicolóxica do personaxe, o relato introdúcenos (practicamente arrastrándonos), por un lado, á espiral de sangue e morte que aí se abre e, por outro, aos flashback que nos van enredando na arañeira letal que os personaxes foron tecendo desde a infancia ata uns momentos antes do desenlace.


Despois dese prodixio técnico e argumental, só quedaría esperar que a obra mantivese o mesmo nivel. Non sei se o supera, pero seguro que o mantén. É máis, esa ducia de páxinas excepcionais cobran un novo valor ao comprobarmos que toda a rica trama de artificios narrativos  e gráficos están aí enunciados.
O ritmo cambaleante de Ramiro, ferido de morte, trázanos o propio ritmo da novela: un ritmo convulso e atafegado, tanto temporal (as analepses e prolepses son frecuentes), como espacialmente (os constantes cambios de espazo acompáñense adoito de pequenas chiscadelas  gráficas ou lingüísticas, a modo de transición). Tiña que facerse así e así se fai: o ritmo da novela é o ritmo vital dos seus personaxes, das súas biografías torturadas, das súas tortuosas relacións, das súas psiques atravesadas. Ese é o núcleo da novela. A corrupción, o narcotráfico, a constante agresividade verbal ou a violencia sexual, son o pano de fondo, o atrezzo, que se limita a acompañar as tensións interiores dos individuos e do pequeno grupo protagonista.





A acción non dá tregua, o tratamento non fai concesións. É posible que os únicos momentos de relax nolos proporcionen (aos que no 1986 andabamos por aí) as abundantes referencias ao tempo da historia: Luís Mariñas informa da sonda espacial Giotto (p.21), a TVG das recepcións de Albor ou do referendo sobre a OTAN (p. 49), múltiples detalles gráficos (obxectos, planos, paisaxes rurais ou vilegas) que cómpre observar en pormenor tamén nos van informando e ambientando ...



Os retallos de historia reforzan o relato e apuntalan a súa verosimilitude. A simbiose entre historia e ficción logra un dos seus mellores momentos nas páxinas 76-77: a plana enteira, un cadáver boca abaixo e, ao lado, a manifestación en defensa do sector lácteo e o non á “cuota” empresarial. Mandámoslle outro brinde? (Acabariamos bébedos-Sue-Ellen) Estes autores si que saben desasosegar!
Ao final, a imaxe do Halley e outra cita: “sabres, espadas, cabezas, cortadas con cabelos e barbas erizadas, brillando entre un resplandor de sangue, amarelo ou lívido...” Flavio Xosefo.



Os brillos e o sangue do relato de López Poy e Miguel Fernández son en branco e negro, pero son igual de rutilantes e igual de destrutivos: a súa é unha historia prodixiosa para proclamar a imposibilidade da inocencia.

Máis referencias na Marela B.D.
 

14 marzo, 2013

Os 7 de Anirmau'13


Sete serán os filmes proxectados neste noso Anirmau'13, a primeira edición deste festival dedicada á longametraxe.

O xurado  que os seleccionou estivo composto por:


Emilio de la Rosa, director, produtor e profesor de animación na prestixiosa escola madrileña ESDIP, ademais de destacado historiador do cinema de animación.
Manuel Pena, director, guionista e produtor galego de curtametraxes. A súa cinta “A canción de Fémerlin” (2005) tivo un grande éxito en festivais de todo o mundo. Dirixe o festival de curtametraxes FIC-Bueu que chegou á súa 6ª edición.
Inmaculada Castaño, delegada de Filmax en Galicia, tamén desempeña labores de produción nos filmes galegos da compañía, entre eles “The Way” (2010), ou a animada “Copito de nieve” (2012).

Unha selección plural, con estreas absolutas.

As sete películas configuran un selecto programa caracterizado, en palabras do director do festival,  "pola súa diversidade xeográfica e cultural, ademais de tratarse de novidades case todas elas en España". 
De feito, catro delas son estrea absoluta en España e todas as sete serán proxectadas por primeira vez en Galiza. Trátese de cintas que ata o de agora só se puideron ver nos festivais máis prestixiosos do mundo, entre eles Cannes, Annecy, Ottawa, Sitges, Karlovy Vary, Bruselas, Stuttgart, Taipei, Espinho ou Lisboa.

As películas:


Ánima Buenos Aires (María Verónica Ramírez, 2012) -imdb-

 


 

Az ember Tragédiája (Marcell Jankovics, 2011) -imdb-

 
 


Dwae-Ji-Ui Wang (Yeun Sang-Ho, 2011) -imdb-

 
 

It’s Such a beautiful day (Don Herzfeld, 2012) -imdb-


 
 

Jez Jerzy (Wojtek Wawaszczyk - Jakub Tarkowski - Tomasz Lesniak, 2011) -imdb-

 
 

Midori-Ko (Keita Kurosaka, 2010) -imdb-

 
 

Taevalaul (Mati Kütt, 2010) -imdb-
 

 
  

06 marzo, 2013

Carl Sagan e Gavin Aung Tan: Australia, Brasil, Lalín


Gavin Aung Than é un mozo australiano que publica os seus cómics en zenpencils. Despois de botar uns anos traballando como deseñador gráfico, Gavin decidiu dedicarse ao que realmente lle gusta: debuxar. Deste xeito, en febreiro de 2012, comezou a publicar o seu blog. Inspírase nas citas que lle envían e, cada martes, publica súa tira.

Soubemos del grazas á nosa colega da BD que o atopou na de Carlos Rúas. Fascinounos e entramos en contacto con Gavin. 

Que gran rapaz! Pedímoslle permiso para traducilas ao galego e todo foron facilidades. Irémolo (irano, pois pensamos fundamentalmente no alumnado) facendo pouco e pouco, pero xa temos unha mostra: xustamente a dedicada a Carl Sagan.

Neste caso, a tradución foi cousa de Manolo Conde, con revisión de Minia, Mario e Paio. Escolleu Manolo a que máis lle gustou (creo), pero tamén unha das máis aqueladas para nós (polo da Astronomía, xa se entende)

A ver que vos parece:

25 febreiro, 2013

Frato casualmente, Frato felizmente


 
Non adoito recibir con agrado sobres de libros non solicitados. Raramente traen algo de interese para nós (mesmo sospeito que, na maior parte dos casos, nin para o remitente!). Claro que hai excepcións. Unha delas, unha excepcional excepción -diría eu- é Fratografías: 35 anos de humor dentro da educación, remitida pola Universidade de Vigo, alá polo 2004.

Grazas a ela, souben de Francesco Tonucci, Frato, e comecei a atopar referencias ao seu traballo e ao seu pensamento onde antes non as vía. O que é saber das cousas! Algunhas delas, seleccioneinas para a Marela BD.

Por exemplo, podedes ler dúas entrevistas: unha con Pablo Montero Souto ("Pedagoxía urbana e dereito á cidade") e outra con P. Piñeiro, ou render (obrigada)visita á súa cidade dos nenos

Pois ben, esta fin de semana dei casualmente con dúas novas: por unha banda, a información de Javier Ramajo ("La calle es peligrosa porque no hay niños") en El diario.es, por outra, a colaboración de Frato e Gomaespuma, para yoestudieenlapublica:



Ben vedes, non me resistín a compartilas convosco. 
 

23 febreiro, 2013

As pombas de Carboeiro


O venres tivemos (4º da ESO e 1º BAC) a Fantoches Baj e As pombas de Carboeiro.

Sensacional!

Trátase dun breve e ameno percorrido por algunhas músicas e textos medievais (as cantigas de Pero Meogo ou o romance del Conde Niño, por exemplo).

A aparente sobriedade da escenografía vai desvelando, pouco e pouco, un marabilloso e variado repertorio de trucos tan discretos, como eficaces e divertidos.

Inacio, como actor, como director, como autor...,  xa se converteu nun imprescindíbel do "teatro miúdo".
 
Benxamín é ben coñecido como músico de mil músicas e "trilero", pero aquí revélasenos -ademais- como un actor de sete estalos.

O espectacúlo, na presentación que lle fai Urdime, é:

"Un espectáculo de narrativa e música en directo coa técnica xaponesa do kamishibai.
Coa axuda das cartas do tarot de Marsella, un frade e un novicio revélanlle a un batallón das tropas napoleónicas acampadas en Carboeiro a fantástica orixe das pombas do mosteiro
."


Despois de todo iso, foi unha alegría ver que hoxe, sábado, GZvídeos abría cuns fragmentos da presentación da obra no propio Carboeiro:



E que xa levaban un tempo na rede estoutros anacos co acompañamento da banda de Silleda: