08 novembro, 2023

Tarabelos I, masculino singular

 Como seica unha imaxe vale máis ca mil palabras, aquí vola deixamos:

De esquerda a dereita, nos micros, Pablo, David V., Íker, Mateo e Samuel. Ao ordenador e mesa de misturas, David F. Fabio e Martín.

Desde Bibliotecas escolares de Galicia levan uns aniños incidindo en que debemos publicitar a lectura entre os homes, porque parece que ler é cousa de mulleres. E tamén nos animan a experimentar coa Radio na Biblio, e como na Mario Pereira somos guiadiños fixémoslle caso. E o resultado é este club de lectura de 3º ESO, os nosos Tarabelos I, 9 rapaces (na imaxe falta José Antonio) que neste curso non só lerán e comentarán, senón que xa están investigando, posto que forman parte do Proxecto Interdisciplinar do grupo de traballo da Biblioteca. 

As portas dos nosos clubs están abertas todo o ano, así que se vos animades, achegádevos á Biblioteca e apuntádevos, hai sitio para todos: alumnado, familias, persoal docente e non docente... Os mércores reunímonos ABCD, Tarabelos I e II. As familias e os traballadores do centro farémolo cada dous meses. 

E as lecturas? ABCD comezou cunha selección de relatos curtos; Tarabelos I anda a voltas coas vacas; Tarabelos II escolleu teatro; Liches este? optou por Verde en el tejado, de Silvia Santiago; e LeA Casa, levou A culpa, de María Solar, para o verán e agora xa está con Ceniza en la boca, de Brenda Navarro.

31 outubro, 2023

A química do Samaín

Xa no ano 2013, desde o CEIP Antonio Insua Bermúdez (Vilalba) nos explicaban que os nosos devanceiros celtas (ou castrexos) honraban a deidade SAMAÍN o día 1 de novembro. E unha das crenzas que parece que tiña este pobo era o poder máxico das cabezas dos seus inimigos: eran defensivas, podían emitir cánticos celestiais e mesmo berros arrepiantes.

Se misturamos estas crenzas coa festa america do Halloween, na que os mortos volven ao mundo dos vivos o Día de todos os santos, xa temos as cabazas convertidas en aterradoras cabezas humanas.

Pero non imos falar só de cabazas, que hai das castañas dos nosos soutos? Este ano a climatoloxía non lles prestou e os bechos estragáronas bastante. Aínda así, na Mario Pereira quixemos deixar unha pequena mostra da boa colleita dezá, e explicarvos por que hai que amosegalas para que non estoupen ao asalas. 

Grazas á Sociedade Xuvenil Galega de Química por prestarnos os seus carteis e permitirnos entender "A química do outono". Se queredes saber máis, pasade pola nosa Biblioteca e levade en préstamo algún dos nosos libros sobre Química.





















29 outubro, 2023

Coa nosa xente... Sunny Saco Buceta

 Convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, este 7º Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023, subiu ao seu podio a unha das nosas alumnas do Ciclo de Administración de Sistemas Informáticos, Sunny Saco Buceta.

Entre as 27 competicións diferentes nas que podía participar o alumnado de Formación Profesional, Sunny, principiante neste concurso, acadou a medalla de prata polo seu traballo no desenvolvemento dunha aplicación web. A recompensa material a este segundo posto consistía nunha tableta e equipamento vario para o seu ordenador. A moral, o orgullo de ter acadado ese posto con tan só 19 anos e os parabéns de todos os que estamos cerca dela.

Na fotografía, Sunny, no centro da imaxe, xa coa medalla de prata, acompañada polos seus profesores Julio e Amador (á súa dereita).

Imaxe: N H Diario


28 outubro, 2023

Día Mundial da Animación 2023

De cara a conmemorar o Día Mundial da Animación, seguimos coa tradición de lle pedir ao noso compañeiro académico Severiano Casalderrey que seleccionase unhas curtas para o noso alumnado. Mais desta vez o visionado das mesmas farase nas aulas. Outrosí, Seve achéganos unha guía para o debate posterior.

A seguir as propostas de Severiano orientadas por curso.

1º da ESO

The Goose (2020), de Jan Mika (República Checa- Francia). Animación, monicreques (stop motion); 12 min. Trailer en Youtube.

 

 

Apocalypse Dog (2022), de Aziliz Le Clainche, Camille Nasarre, Jing Qian, Juliette Barraux, Emma Plumey, Lucile Arnaud e Solène Cauchie  (Francia). Animación, 3D CGI; 7 min. Trailer en Youtube.


2º da ESO

 Ice Merchants (2022), de Joâo Gonzalez (Portugal, RU e Francia). Animación, debuxo tradicional 2D CGI; 14 min. Ver en Youtube.

 

  Pete (2022), de Bret Parker (USA). Animación, 3D CGI; 7 min. Trailer en Youtube.


3º da ESO

  

Sandwich Cat (2022), de David Fidalgo (Galicia-España). Animación, 2D CGI; 10 min. Trailer en Youtube.

Aaaah! (2023), de Osman Cerfon (Francia). Animación, 2D CGI; 5 min. Trailer en Youtube.


Deniska umrela (Dede is Dead) (2023), de Philippe Kastner  (República Checa). Animación, debuxo tradicional, 2D CGI; 8 min. Trailer en Youtube.


4º da ESO

  

Amok (2022), de Heta Jäälinoja (Hungría-Rumanía). Animación, 2D CGI; 15 min. Trailer en Youtube.


Nun or Never! (2023), de Balázs Turai (Finlandia). Animación, 2D CGI; 11 min. Trailer en Youtube.

Bacharelato de Artes

 

Koerkorter (Dog Apartment) (2022), de Priit Tender (Estonia). Animación, monicreques (stop-motion); 14 min. Trailer en Youtube.


Algodreams (2023), de Vladimir Todorovic (Australia). Animación, IA (Intelixencia Artificial); 11 min. Trailer en Youtube.


The Lovers (2023), de Carolina Sandvik (Suecia). Animación, plastilina (stop motion); 13 min. Trailer en Youtube.

26 outubro, 2023

Ao fío de... Día das Bibliotecas

 Grazas á nosa radio e ao traballo de coordinación de María Barcala, xa están aquí as opinións dos nosos usuarios. 

"A biblioteca é...."


Marabillosa

        Un mundo moi divertido

                                                O lugar onde podes atoparme

Un lugar perfecto para pasar o tempo lendo ou estudando


                                        Un lugar máxico onde me transporto a outro mundo


            Un lugar tranquilo e sosegado para vir nos recreos e estudar a Bioloxía de Guitián

Tranquila

                                    Un sitio cheo de vida

Acubillo e compañía para os que se senten sós e soas


Se queredes coñecer o resto de opinións só tedes que picar na ligazón