31 maio, 2024

De concerto con Green Day

 Este xoves 30, entre os grupos que actuaban no Son do Camiño estaban os Green Day: Billie Joe Armstrong, Mike Dirnt e Tré Cool. A música desta banda estivo presente nas aulas do Programa Cuale da EOI de Lalín da man da profesora MÓNICA FONDEVILA.  E dela foi a idea de gravar un vídeo harmonizando o punk rock e a muiñeira de Chantada, co alumnado pregando por unhas entradas para gozar en directo da música que acompañara as súas clases de inglés ao longo de curso.

E dito e feito! Invitacións de Green Day para ao concerto do xoves. Aquí vos deixamos unha imaxe dalgúns dos alumnos á súa chegada ao Monte do Gozo e a ligazón ao vídeo que lles fixo gañar esas entradas.

Máis información na prensa local:

Na Voz.

No Faro.



28 maio, 2024

Recomendacións de lectura: gandaría

Para poñerlle o ramo ás actividades do mes de maio, e arredor do proxecto "Lalín, o concello das mil vacas",  invitámosvos a pasar polo vestíbulo do IES e botarlle un vistazo á selección de libros feita polo noso alumnado do club de lectura Tarabelos I. Nela atoparedes libros para nenos e para non tan nenos; literatura; ensaio; obras sobre animais de granxa e sobre animais en liberdade; estudos sobre a idiosincrasia das xentes que viven do campo ou amenas lecturas para pasar unha tarde. 

Exposición no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa desde o luns 27 de maio ata o mércores 12 de xuño.

E se queredes ler as recomendacións non tedes máis que ir ás nosas MARELAS, as guías da Biblioteca Mario Pereira, e buscar a de gandaría. Ligazón á guía "Lalín, o concello das mil vacas".








27 maio, 2024

Cadernos de viaxe

Alba Fernández, Mirian Rodríguez, Mariña Nercellas, Carlos Coego, Xurxo Fernández e Alicia Viétez posan coa súa profesora Carmen Frade, e cos seus agasallos por teren feito os mellores cadernos de viaxe trala experiencia polo Norte de España. Tipoloxía textual acorde ao currículum de 4º de ESO, arte, moita arte, e recordos dunha viaxe inesquecible.













25 maio, 2024

Saúde mental

O SERGAS recórdanos "A saúde mental (é) un dereito universal", pero a realidade é que a atención que prestamos á nosa saúde mental non é tanta como cando se trata de problemas físicos. Nas nosas aulas, no día a día, estamos a ver como os adolescentes sofren multitude de trastornos que, por veces, nin tan siquera son diagnosticados. 

Para visibilizar este problema, e coa intención de animar a que toda aquela persoa que se sinta mal o poida contar, o alumnado de 3º do PDC, coordinado pola súa profesora Ana Penas Facorro, organizou unha exposición no vestíbulo do instituto, xusto diante do BUZÓN no que recollemos calquera petición, suxestión, queixa ou comentario que nos queirades deixar.

Desde a Biblioteca, como sempre que se nos presenta a oportunidade, sacamos os nosos libros fóra dos andeis e integrámolos na exposición. 















23 maio, 2024

Ao fío de... Mulleres de matrícula

Desde Radio Marela quixemos felicitar as cinco mozas que conseguiron as matrículas de honra. Antes de marcharen do centro contáronnos que sentiron ao sabérense "mulleres de honra", cales son as vantaxes e os inconvenientes de estudar a ESO e o Bacharelato en centros diferentes, que plans teñen a curto e longo prazo, e ata se aventuraron a aconsellar os máis novos no seu paso polo instituto.

Se queredes escoitalas premede na ligazón.

Fotografía e soporte técnico: María Jesús Barcala