21 xuño, 2024

Xuntanza dos clubs de lectura

Como actividade final dos clubs de lectura, o CEIP Xesús Golmar invitounos ás súas instalacións, ben coñecidas para a maior parte do noso alumnado.

A primeiras horas da mañá, o club de 6º de EP recibiu os estudantes do 1º ciclo do IES, que tiveron que adiviñar que contiña a "Caixa do Misterio de Portomarín". Na súa Biblioteca Neira Vilas, explicáronnos que cada vez que len unha obra meten un obxecto dentro desa caixa, algo que garde relación coa obra lida. Aos poucos, os lectores do Aller Ulloa foron adiviñando que dentro da caixa estaban desde o coche no que viaxaran os nenos a Portomarín ata o sol que asociaban ás vacacións de verán. Logo compartiron experiencias dos clubs de lectura e acordaron que o curso vindeiro seguirán a ler.

Máis tarde foi a quenda dos lectores de 4º de ESO, que grazas ao préstamo da Biblioteca municipal Varela Jácome, puideron ler e dramatizar 16 historias diferentes ao alumnado de Educación Infantil do colexio. Pero os lectores non estaban sós: entraron á aula de psicomotricidade comandados por unha tamborileira á que seguían, tal ratiños de Hamelin, os alumnos do Bacharelato de Artes, para amenizar a lectura con globoflexia, papiroflexia e debuxos sobre globos.

Dámoslles as grazas ás profesoras do CEIP Xesús Golmar, que nos invitaron e fixeron posible a actividade. E collémolas da palabra e repetiremos a principios do curso 24-25.  A ver se daquela o tempo nos deixa baixar ao parque do Pontiñas e ler ao aire libre.

A seguir algunhas imaxes da actividade.

































06 xuño, 2024

Xogos de mesa tradicionais

Vacaloura e Galiza no tempo chegaron á nosa Biblioteca pensando nos invernos de Lalín, neses recreos de choiva que tan longos se fan. Pero a calor tamén lles presta, e xa nestes días vemos como o alumnado os está a pedir. Polo momento, a vacaloura gusta máis.

Agradecemos á profesora María Basanta que nos trouxese os xogos despois de pasar pola XIII Festa de xogos tradicionais de Muimenta, Xotramu.





31 maio, 2024

De concerto con Green Day

 Este xoves 30, entre os grupos que actuaban no Son do Camiño estaban os Green Day: Billie Joe Armstrong, Mike Dirnt e Tré Cool. A música desta banda estivo presente nas aulas do Programa Cuale da EOI de Lalín da man da profesora MÓNICA FONDEVILA.  E dela foi a idea de gravar un vídeo harmonizando o punk rock e a muiñeira de Chantada, co alumnado pregando por unhas entradas para gozar en directo da música que acompañara as súas clases de inglés ao longo de curso.

E dito e feito! Invitacións de Green Day para ao concerto do xoves. Aquí vos deixamos unha imaxe dalgúns dos alumnos á súa chegada ao Monte do Gozo e a ligazón ao vídeo que lles fixo gañar esas entradas.

Máis información na prensa local:

Na Voz.

No Faro.



28 maio, 2024

Recomendacións de lectura: gandaría

Para poñerlle o ramo ás actividades do mes de maio, e arredor do proxecto "Lalín, o concello das mil vacas",  invitámosvos a pasar polo vestíbulo do IES e botarlle un vistazo á selección de libros feita polo noso alumnado do club de lectura Tarabelos I. Nela atoparedes libros para nenos e para non tan nenos; literatura; ensaio; obras sobre animais de granxa e sobre animais en liberdade; estudos sobre a idiosincrasia das xentes que viven do campo ou amenas lecturas para pasar unha tarde. 

Exposición no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa desde o luns 27 de maio ata o mércores 12 de xuño.

E se queredes ler as recomendacións non tedes máis que ir ás nosas MARELAS, as guías da Biblioteca Mario Pereira, e buscar a de gandaría. Ligazón á guía "Lalín, o concello das mil vacas".