27 febreiro, 2009

Don Ramón, “a simple vista”

-->Conforme nos imos introducindo na figura de Don Ramón Aller, imos descubrindo o moito que descoñecemos do pai da astronomía galega. O venres pasado, Victorino Gutiérrez Aller, debullando lembranzas propias e alleas, foinos desvelando algunhas das súas claves familiares e persoais. Foi unha charla que perfilou o retrato de Don Ramón con trazo preciso, sen deixar de adobialo con saborosas anécdotas. Vai ser complicado sintetizala.

-->

A familia.

O encontro de Camila Ulloa e Enrique Aller foi o de dúas persoas que “procedían de mundos moi diferentes” e que formaron unha perfecta “simbiose”, baseada nun “respecto mutuo total”. Ela, fidalga campesiña no sentido máis tradicional; el, xurista, intelectual e mesmo violinista. Para casaren, Camila impúxolle dúas condición ao seu pretendente: Aprobar notarías (fíxoo co nº 1 da promoción) e exercer como notario en Lalín (foino ata a súa morte).
En fin e en palabras de Victorino: a súa era “unha familia fidalga, non ilustre, pero ilustrada; conservadora, pero non reaccionaria; católica e liberal”.
Excepto Ramón, todos os varóns foron “xuristas, miopes e afeccionados ao naipe

-->A biblioteca.

A casa de Filgueiroa albergaba “unha gran biblioteca”, na que ademais dos grandes da literatura, había mesmo “libros prohibidos” e, por suposto, a Gran enciclopedia hispano-americana.
Unha gran biblioteca que nutriu os apetitos intelectuais de Ramón e o habería converter nun grande humanista.

Don Ramón, a simple vista.

-->

Falou logo Victorino do seu tío dende unha perspectiva humana: a súa vivencia do sacerdocio, a súa cultura, a súa predilección e habelencia ás artes manuais, as súas dotes pedagóxicas, a súa aproximación ao galeguismo na compaña de Noriega Varela, Otero Pedrayo ou Vicente Risco...

Pero, escoitemos mellor a Victorino...


-->

Colofón: o máis fermoso agasallo.

Mal puidemos recoller nestas liñas a conferencia e peor podemos facelo para explicar o impacto final que nos tiña reservado o conferenciante. Quen segue as entradas que imos redactando sobre a exposición que temos sobre Ramón Aller sabe que gozamos do luxo de poder exhibir varios inéditos e manuscritos do sabio. Foi Victorino Gutiérrez quen nolo prestou e que, o venres, ao final da charla, anunciou que ...

Pensabamos que tiñamos algúns libros valiosos, pero agora temos... que temos? Como lle chamamos? Un tesouro? Como o imos administrar? Só somos unha Biblioteca Escolar! Estaremos á altura? A reflexión ten que ser máis longa e así o faremos. Mentres tanto, moitas graciñas, graciñas de corazón, Victorino!


20 febreiro, 2009

É obrigatorio comer na Biblioteca

Claro, estamos en vésperas de Entroido e a norma é subverter as normas. Pero a razón non foi esa. Tratábase de celebrar que remataba o obradoiro de Cont@s Cont@s con Celsiño e que mellor que xantarmos tod@s na Biblioteca.

Ademais, así matabamos dous pombos dun tiro: tras catro sesións con Celso en horario lectivo, o profesorado comezaba a inquietarse co cerello das programacións e iso. E se as dúas últimas as faciamos pola tarde? As tardes non existen: clases, pasantías, adestramentos, confirmacións, ensaios no conservatorio e que sei eu cantas cousas máis. Ninguén ten tempo para nada. Pois ben, xantamos na Biblio e, conforme rematamos, dámoslle á tarabela con Celsiño.

E meu dito, meu feito. Como a quen máis, quen menos, o cocido xa lle sae polas orellas, acordouse mandarlle unha italianada a por de pizzas, que os contos son de todos os lados e, da parte de Italia, tamén nos chegou algún.

Polo demais, todo moi ben, isto de lle irmos descubrindo novas funcións á Biblio sempre ten o seu aquel.

Aquí vai, xa que logo, a testemuña fílmica (imposible meter un contacontos nunha foto...), desa tarde na que, pola vontade duns rapaces que quixeron saber da materialidade do inmaterial, houbo pizzas e contos nunha biblioteca...

1. Agardando por Celsiño... (ou non?...)...



2. Chega o que tiña que chegar... (tómese nota do descenso decibélico respecto do video anterior...)...



3. Os contacontos tradicionais tamén beben cocacola... (MP dixit)
4. O elefante que non parece elefante pero qué é un elefante...

5. O que é a memoria inmaterial...

6. Celsiño le...

7
. Os ánimos do canteiro...


[Próxima parada de Cont@s Cont@s: O 6 de marzo, ás 12.30 con Pinto de Herbón e Luís Caruncho]

18 febreiro, 2009

Charla de Victorino Gutiérrez Aller sobre "Os perfís humanos de Don Ramón Aller"


-->Este venres, 20 de febreiro, Victorino Gutiérrez Aller impartirá unha charla sobre Os perfís humanos de Don Ramón Aller. Será na Biblioteca do Instituto, ás oito da tarde.

O acto enmárcase, dentro deste Ano Internacional da Astronomía, na serie de actividades orientadas á promoción da figura do sabio lalinense. Neste sentido, a disertación de Victorino Gutiérrez complementa a impartida, o xoves pasado, polo profesor Docobo, director do Observatorio Astronómica “Ramón Mª Aller Ulloa” sobre a dimensión científica do noso astrónomo.


Victorino Gutiérrez aproximaranos aos aspectos máis cotiáns da vida do pai da astronomía galega: o seu contorno familiar, as súas relacións coa veciñanza de Lalín ou coas grandes figuras do galeguismo, a súa habilidade para fabricar manualmente todo tipo de artefactos ou o seu empeño por lograr unha estrutura escolar na súa vila...


16 febreiro, 2009

A Biblioteca Nacional responde..., e é verdade.


Supoño que, coma nós, coñecedes o servizo A BIBLIOTECA NACIONAL RESPONDE. Se cadra ata o tedes utilizado. No noso caso nunca o utilizaramos ata agora, e isto foi o que pasou:

O día 10 deste mes, observamos que no Ficheiro de Autoridades da Biblioteca Nacional había unha duplicidade relacionada coa autoría de Ramón María Aller Ulloa, de tal forma que a maior parte das súas publicacións aparecían baixo o nome de Ramón Martínez Aller. Por volta das nove da noite, comunicámoslle á BN esta circunstancias e non tardou nin medio día en nos contestar.
Esta foi a súa resposta:

Día 11, ás 9:42
Estimado Sr. Pereira:
En referencia su correo electrónico enviado al buzón Opine de la Biblioteca Nacional, le agradecemos la información que nos ha proporcionado y remitimos su correo al área de la Biblioteca encargada de la elaboración de autoridades, desde donde realizarán los cambios oportunos tras el estudio de esta autoridad, enviándole después una respuesta.

Pareceunos un exemplo de axilidade e dilixencia, pero houbo algún de nós que maliciou dese “envío á área da elaboración de autoridades”. E el non sería unha cortesía de dilación? Pois, velaí que non, apenas dous días despois, ás 13:32, xa recibimos a seguinte resposta:

Día 13, ás 13:32
En respuesta a su solicitud de rectificación sobre el autor Ramón María Aller Ulloa, le informamos de que ha sido corregido el error del que nos advertía, pasando todas las obras de “Martínez Aller, Ramón” a su autor verdadero. Se ha modificado el autor “Aller Ulloa, Ramón Mª” a “Aller, Ramón M.”, nombre por el que firmó la mayoría de sus trabajos.
Gracias por su colaboración

Estamos tan content@s que case nos sentimos importantes, pero –sobre todo- porque vemos que a BN funciona e que mesmo unha pequena biblioteca como a nosa pode achegarlle cousas.

13 febreiro, 2009

Charla de Docobo sobre don Ramón Mª Aller Ulloa e a astronomía

Como anunciabamos o outro día, onte estivo no noso Instituto Don José Ángel Docobo Durántez, director do observatorio "Ramón María Aller", dando unha interesantísima charla para os rapaces de bacharelato.

O Sr. Docobo falou da historia da astronomía e, por iso mesmo, da posición que nela ocupa don Ramón Mª Aller Ulloa, para o cal nos mostrou tamén un estupendo documental sobre a súa vida e obra.

Ofrecémosvos aquí unha imaxe da súa visita á pequena exposición sobre don Ramón e a astronomía que temos montada no vestíbulo do Centro, e un fragmento desa conferencia, xusto os minutos onde, a preguntas dun dos asistentes, resumiu a relevancia de don Ramón no ámbito científico.

 

10 febreiro, 2009

Encontro co astrónomo J. A. Docobo

 
O próximo xoves comezaremos coas actividades dedicadas á figura de Don Ramón Aller.

Ás 12 da mañá asistiremos á charla de Don José Ángel Docobo Durántez, director do observatorio "Ramón María Aller", que nos falará sobre a importancia da figura e a dimensión científica de Don Ramón.

O mesmo día tamén comezará a exposición de materiais manuscritos (algúns deles inéditos) correspondentes á primeiras observacións do noso sabio. Trátase de material, en gran parte descoñecido, que poderemos ver grazas á xenerosidade de Don Victorino Gutiérrez Aller, propietario do mesmo.

01 febreiro, 2009

C@nt@s c@nt@s: Guti de Sanabria


Dentro das actividades de activación de modelos tradicionais, o próximo venres visítanos José Luís Gutiérrez. "Guti de Sanabria" é un dos grandes narradores orais (e algo máis) da Península (e algo máis). Natural de Aliste fai honor ao privilexiado espazo onde se criou e vive; ese espazo entre Galiza, Zamora e Portugal no que as "fronteiras" non conseguen esnaquizar a continuidade e a profundidade cultural e no que, en poucos quilómetros, nos podemos atopar con catro idiomas: portugués trasmontao, castelán zamorano, galego oriental e mirandés. Que a neve non nolo impida...

preme na imaxe para saber de que vai a cousa...