15 abril, 2024

Monumento a Aller: Tempo de instalación

 


O monumento a Aller foi inaugurado o 4 de setembro de 1960. Francisco Asorey finaría o 2 de xullo de 1961. Trátase pois da última grande obra do escultor.

Esta foto que descubrimos hai pouco correspóndese, como vedes, co tempo da instalación. Tres homes que non podemos identificar (podería ser un o escultor, con 71 anos?) subidos aos rústicos andamios semellan darlle os últimos retoques. Faltan aínda os elementos metálicos: a esfera armilar, o nome ALLER e as lendas (CIENCIA, VIRTUD).

Os tres canteiros subidos na estada lémbrannos, neste día Mundial da Arte, a importancia dos oficios e a artesanía á beira das excelencias artísticas e científicas.

A devoción que o astrónomo lles profesaba, lembrabánola Vitorino Gutierrez Aller en 2009:

"Na senda do pai (que chegou a construír un harmonio), Don Ramón cultivaba, con especial predilección e habelencia, as artes manuais. Xa catedrático en Santiago, as súas compañías referentes en Lalín eran os artesáns: O ferreiro Lamego, o latoeiro de Venancio, o reloxeiro Vilariño e o carpinteiro de Lalín de Arriba.
Nomes e oficios que nos evocan un pequeno mundo de artesanía, no que tan comodamente se sentía o noso sabio e no que atopaba
aliados para mellorar o instrumental científico da época. Don Ramón “sentía devoción especial polos artesáns” e el mesmo era “un artesán de categoría”."

[Da foto soubemos grazas a Celso Fernández Sanmartín e proporcionóunola José Antonio González, Currás]

Ningún comentario: