12 xuño, 2019

Charo Sánchez-Gabriel. In memoriam


Foi a nosa primeira convidada ao grupo de traballo que argallaramos nos inicios de PLAMBE. Seduciunos a por de compromiso e coñecemento. O seu pouso permanece connosco.

A nosa voz e o noso estremecemento súmanse á carta que reproducimos.

Querida compañeira, querida amiga. 
Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza. 
Hai tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuíches a fundar. E xa daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos. 
A túa forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para os que tivemos a honra de tratarte. 
Xa daquela, cando a enfermidade se cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas escolares de Galicia, un baleiro irreemprazable.Pero o de hoxe é difinitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti! 
As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante.Os que te coñecemos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia. 
Os que non tivestes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: mesturas.
Ata sempre, Charo!
 
Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE

Ningún comentario: