07 setembro, 2021

Retirouse Xosé Paio


Paio
colgou a pucha.

Aí quedan, con ela, a rosa e o látego. Canda el, durante un tempo, marchará un doce extravío que o fará buscar aulas nas rúas. Onde atopará agora este home o seu proscenio, dende onde soprará as palabras xustas e precisas que fagan boa sementeira, e a quen...? Pero de certo que só será coma unha brétema mañanceira o que o faga descarreirar un chisco, só iso, un espellismo de corredores que xa non levan a rapaz ningún.

Porque o tempo que foi está tan cheo de verdades e certezas que non precisa da nostalxia para alongarse fantasiosamente. O tempo que está por vir demanda a mesma paixón destes anos, a mesma mestría que compasou a severidade coa xenerosa e incondicional dedicación a unha profesión. Hai na vida que vén, cerca, moi cerca, quen sen dúbida demandará a transmisión desas leccións. Non é posible deixar de ser o que un quixo ser.

Retirouse Xosé Paio: quede aquí resoando para sempre un longo bruído de recoñecemento desta Marela.



1 comentario:

Unknown dixo...

Dende hoxe, o Aller Ulloa, é un lugar máis pobre