31 decembro, 2021

Biblioteca Lucho e Hugo

Por Mario Pereira


PRIMEIRA BIBLIOTECA

Cando hai fronteiras, naturais ou políticas, sempre hai viaxeiros e mensaxeiros que as desafían. No Lalín en que me eu criei (ou me criou), había fronteiras porque os nenos de cada barrio formabamos un país independente que mantiña frecuentes hostilidades cos demais. Había “guerras” e as guerras (á parte da neutral e allea “Suíza” que viña sendo a escola) eran os puntos de encontro máis habituais entre uns e outros. Fóra diso, o noso coñecemento do que sucedía nos outros territorios limitábase ao que os mensaxeiros traían. Un dos máis significados que recordo era Juan Caragüete. Juan chegaba e dábanos as novidades e, como estabamos nun mundo en guerra, case sempre era bélicas: “Os do Tirabaque están facendo espadas e planean atacarvos o sábado” “Os de Lalín de Arriba prenderon a Darío Foucellas e tivérono preso dous días. De comer só lle deron unha bolsa de pipas”.


Aquel día, na Estatua, só estabamos Toño do Gato e mais eu. Eu degorábame por un bocadillo de touciño que el engulía a grandes mordidas e a piques estaba de propoñerlle un cambio polo meu Tulicao ou Tulicrén, ou algo así que viña sendo unha pasta de cacao, amarga e áspera, precursora da Nocilla, cando chegou Juan todo alporizado. As novidades proíanlle na lingua. “Abriron un comercio novo! Todo de libros! Onda o Grupo! E chámanlle Biblioteca!”. Eu algo oíra falar dos tales establecementos, grazas a que Don Pantuflo, catedrático en Filatelia e Numismática, ía algunha vez a eles. Ía obsequiar con esa erudita observación a Juan, pero el deixara o mellor para o final: “E déixanche os que queiras! De balde!”


Cruzar a Principal era delito maior. A Toño coñecinlle que non ía vulnerar a lei, pero eu non o pensei dúas veces, chimpei co Tulicrén ou Tulicao ou como lle chamasen e enfiei detrás de Juan a uña de cabalo.


A Biblioteca era un avespeiro, os libros zoaban de man en man, a cada pouco chegaba un coñecido para mostrarche un título que logo apertaba contra o peito e axiña deixaba sobre calquera mesa para coller outro. Tanta abundancia provocaba indecisión e eu guindeime ao ir e vir, coller e pousar, escoller e dubidar frenéticos que tomaran posesión de todos nós.


Non sei cantos libros pasaron polas miñas mans naquel día. Dubido, mesmo, se desde aquela a agora pasarían tantos. Recordo, si, o antepenúltimo. Era unha lectura adaptada e ilustrada de Simbad, descartada por escuálida. Tamén lembro os dous “finalistas” (pois só se podía levar un). Foran un groso volume de Pinocho Chapete e o “Poema de Mío Cid”. Este non traía debuxos, pero os ecos da Enciclopedia Álvarez e o exemplo indeleble daquel heroico e valente español decidíronme por el. Estaba absolutamente certo de que ese ía ser o meu primeiro libro da Biblioteca, nada ía facer abalar a miña elección e, coa certeza, chegou Lucho Nistal. El estaba alí, detrás de min e debeu coñecer a miña decisión porque, sen lle eu dicir nada, aprobou coa cabeza e sinaloume unha mesa na que, sepultado por unha ruidosa masa infantil, suaba seco Hugo Facal. “Apúntate con aquel señor” –indicoume.


Durante un longo momento, sentín que toda a miseria do mundo caía sobre min. Eu non era da OJE e aquilo seguro que só era para os da OJE. Con todo, obedecín. Achegueime á morea impaciente que rodeaba a Hugo, sen moverme das marxes. Alí quieto, sen acercarme, deixaba que a marea de xente se renovase, sen eu me incorporar a ela, tratando de delongar a máis que posible decepción dunha negativa. De cando en vez viña Lucho e pedíanos que nos puxésemos en ringleira. Poñiámonos (eu sempre de último), pero a cousa duraba pouco. Discusións, empurróns, insultos, invocacións a algún privilexio tipo “mi papá es...” ou “mi madre conoce...” acababan por esfarelar calquera posibilidade de orde. Desfeita a ringleira, eu quedaba como un pasmón, alá no fondo, ante un espazo baleiro que me afastaba da mesa asaltada por ducias de nenos e nenas. Case non me daba tempo a, fura que fura, acercarme e xa volvía Lucho a colocarnos.


Non sei canto tempo botei naufragando entre a impaciencia dos demais e os meus temores, pero nunha desas, sentín unha man grande, con toda a palma estendida sobre o meu lombo, que me conducía, cortés, tenramente, cara adiante. Sen necesidade de virar a cabeza, sabía que era Lucho. A man situoume diante de todo, colleume con delicadeza o meu Cid e mostroullo a Hugo. Os dous intercambiaron unha mirada de compracencia. Hugo, adusto e meticuloso, abriu o libro e retiroulle unha ficha verde. Despois colleu un carné e pediume os meus datos persoais. Deillos estremecido, e el, en acabando de cubrir o meu primeiro carné!, díxome que o meu número era o cento tres e que nos próximos días debería levar un peso (esa era a cota anual). Eu respondinlle que si con campás de prata na voz e marchei, dono do universo, para a casa.


Desde aquela fun visitante case diario, como tanta e tanta xente miúda de Lalín, da Biblioteca. Non había campañas de lectura. A ausencia da televisión -aquel obxecto de luxo que se vendía nas xoiarías!-, as tardes interminables de inverno ou unha escola que, daquela, non era asfixiante facíanas innecesarias. Así e todo, non era difícil que os sábados, día en que abría ás tres, estendesen a ringleira de lectores ata a fábrica de Tinito ou, mesmo, ao cruce da Rúa A. A competencia por lograr os títulos máis apetecibles era encarnizada. Os de banda deseñada andaban á pillota, a tal punto que a xente os escondía para podelos levar máis adiante ou intercambiar o segredo do agocho con outros que traficaban co mesmo xénero.


E cada día alí estaban, ou Hugo, ou Lucho, pacientes, discretos. Lucho celebrando como un triunfo seu cada libro que levabamos. Hugo calmando con mirada severa as nosas présas. Non se me borrara nunca o xesto obsequioso, case agradecido, de Lucho cando me entregaba o libro, coma se o favor o estivese facendo eu. Nunca me abandonará a complicidade de Hugo cando me reservaba, a min, torpe e preguiceiro para chegar á ringleira, algúns daqueles títulos máis cobizados (Asterix, Mortadelo...!).


Canto non terei lido desde aquela! Cantos libros non devorarían os meus esfameados ollos! E entre eles, os que teñen un bibliotecario como personaxe...


Sempre fun incapaz de poñerlles rostro aos personaxes dos libros. A todos, excepto aos bibliotecarios. Estes sempre mo tiveron, sempre tiveron e teñen o rostro de Lucho ou de Hugo. Así, poño por caso, a face do bibliotecario Borges, contemplando o Aleph que o outro bibliotecario Borges, o cego, lle permite ver nun relato, sempre é a face de Lucho, a dexergar a ferocidade entusiasta dos lectores infantís. Ou, é outro exemplo, Jorge de Burgos, o cancerbeiro da biblioteca do Nome da Rosa, aparéceme coa cara de Hugo (mala chispa coma os do casting da película!), e por virtude de Hugo, o obstinado e sinistro frade que secuestra a Comedia deixa de selo e é quen, cómplice e amable, nola garda para os lectores caníbales e pacíficos coma min.

1 comentario:

Marela Tarabela dixo...

Hai un moito do Hugo bibliotecario en ti, Mario.