30 marzo, 2023

Xeografía no Pontiñas

Se o martes o alumnado do Bacharelato de Ciencias gozou dunha clase práctica,  na súa visita a un centro de diálise, este mércores foi a quenda da rapazada do Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais. Acompañados da súa profesora, Marta Otero, o alumnado de Xeografía debía estudar a auga do Rego das Cabirtas, desde antes do lago do Pontiñas ata O Espiño.

O inicio da actividade implicaba o recoñecemento da flora e fauna de ribeira e, aínda que as árbores están comezado a abrir, o seu porte, a tona ou algunhas inflorescencias e amentos permitían recoñecer os salgueiros, ameneiros e bidueiros. A cor amarela poñíana as leitarugas e o bugallón. Ocas, patos, unha garza, ras e bolboretas foron acompañando os estudantes durante o seu traxecto río abaixo.

A primeira parte do estudo da auga consistía en comprobar se o lago artificial afectaba á velocidade e arrastre de sedimentos do regato, varias medicións, usando cortizas arrastradas pola auga permitiron ao alumnado analizar a velocidade; a recollida de auga servirá para comprobar os pousos que deixa cada zona e, xa no momento, observar a presenza dalgúns animaliños coma miñocas ou zapateiros. Pero a parte que lles resultou máis atractiva e sorprendente foi a comprobación da cantidade de residuos que forman parte do leito, xa desde a súa  parte inicial, especialmente nitratos, probablemente produto da actividade gandeira da zona. As tiras reactivas non deixan lugar a dúbida sobre a contaminación da auga.




As medicións e tomas de mostras fóronse repetindo en varias ocasións, mentres o vento que achegaba a borrasca propiciou outra explicación sobre o cambio de altas a baixas presións atmosféricas. 

No tramo final do regato, á altura do Espiño, nin é necesario recoller mostras: a canalización que verte augas residuais, directamente ao rego, xa o di todo. Aínda así, os rapaces recolleron as mostras entre restos de toalliñas hixiénicas procedentes das augas fecais, que abaneando nos ameneiros indicaban ata onde chegara o caudal do rego nos momentos de máis enchente.


















Ningún comentario: