03 setembro, 2023

Paula Carballeira Premio Nacional de Literatura Dramática

Desde o ano 1992 o Ministerio de Cultura outorga os PREMIOS NACIONAIS DE LITERATURA á que considera a mellor obra publicada en España, en calquera das linguas oficiais do Estado. E nestes días acabamos de coñecer que As alumnas, de PAULA CARBALLEIRA, foi seleccionada como a mellor publicación do xénero dramático.

A de Fene pasa, así, a converterse na sexta muller (en 34 convocatorias) en acadar o galardón, e a súa obra a segunda en galego, despois de terllo concedido a Manuel Lourenzo, con Veladas indecentes, no ano 1997. 

Pero nesta obra o feminino vai moito máis alá da autoría, pois a historia céntrase na figura de MARÍA BARBEITO, mestra coruñesa nada canda a publicación de Follas Novas, e convencida da necesidade dunha renovación pedagóxica no modelo educativo galego, así como da urxencia de que a escola fose obrigatoria e de balde. E o que opinaba sobre o ensino da nosa lingua e sobre a lectura resúmese perfectamente na súa proposta nun artigo publicado no Boletín da Academia Galega aló polo ano 1931: "Dedicar un día á semana para a lectura, escritura e conversa na lingua vernácula para todos os alumnos, sen distinción. Lecturas e recitacións ese mesmo día, dos nosos poetas e prosistas máis destacados".

Chegado o 36, todas estas ideas xogaron na súa contra e foi obrigada a apartarse do ensino. Finaría na súa cidade natal no ano 1970.

E precisamente nese ano 70 é onde arranca a ficción histórica creada por Paula Carballeira, cando dúas das súas alumnas se atopan e recordan a súa etapa escolar.

Na entrevista que Paula Carballeira concedeu a La Voz de Galicia podemos coñecer máis sobre a orixe da obra e o que para ela significa este premio.

Imaxe en "Axenda cultural de Galicia"



Ningún comentario: