15 febreiro, 2024

Matemático Rodríguez: Científico Galego do ano 2024

 A BIBLIOTECA DO MATEMÁTICO RODRÍGUEZ

A Real Academia Galega de Ciencias designou o Matemático Rodríguez como Científico Galego do ano 2024, ano no que se cumpre o 200º aniversario do seu falecemento,
Nós, traendo a auga ao noso rego (é dicir á cousa bibliotecaria) lembramos a publicación máis visitada do noso blog, que xustamente se refire á descrición que o matemático fai da Biblioteca da Universidade de Gotinga. Redactámola no 2008 e xurdiu como consecuencia dos preparativos que estabamos a facer para a celebración en 2009 do Ano Internacional da Astronomía que nós iamos centrar en Don Ramón M. Aller. Eran tempos dos inicios plambeiros e agradeciamos moito calquera noticia sobre organización bibliotecaria. Reunir, pois, ese tema con Rodríguez e Aller fíxonos reloucar de entusiasmo.
En 1929, Don Ramón Aller redacta, a petición do Seminario de Estudos Galegos, a biografía de Joseph Rodríguez y González (Bermés-Lalín, 1770 – Santiago, 1824).
Cento e pico anos antes, en 1817, o matemático de Bermés está en Alemaña coa encomenda “de examinar los Establecimientos científicos de aquella Nación”. Especial atención lle mereceu a Biblioteca da Universidade de Gotinga, se cadra por contraste co que estaba afeito a ver, e así o deixou reflectido na carta que remite ao Claustro da Universidade de Santiago, o 1 de febreiro.
Na biografía, Don Ramón transcribe a descrición seguramente como mostra da súa propia idea do que debería ser a organización e a dotación bibliotecaria. A conclusión do biógrafo, despois de ler a resposta do claustro, indúcenos a pensar que, no século XX, as cousas non deberan cambiar moito:
"Por mucho que a los de Compostela interesaran las noticias anteriores, seguramente no las considerarían de mucha utilidad para perfeccionar sus lecciones
y no se les pasaría por mientes imitar en Santiago la Biblioteca de Gotinga." [que xa se sabe que en país de sabidos...]









Ningún comentario: