08 setembro, 2025

Profesor Cañoto

Fixo o ingreso en 1954. En 1971, incorporouse como profesor de educación física.

Comezou no oficio alá nos tempos en que os alcumes dos profes obedecían aos afiados criterios de elaboración e selección que a cultura agraria esixía (o instituto era o centro da comarca de Deza, ampla e rural).

Irreverente, librepensador e nadador contra corrente, Cañoto deixaba asexar -ocasionalmente- a Brandido (Ese canta ben, ten unha voz rouca como a miña -eloxiaba Leonard Cohen) ou a Javier: Mario, se me recordan por algo neste instituto, é por esas árbores que plantei -confioulle a fozabibliotecas, ao pouco de plantar con Benito, o seu compatriota galadhrim, as árbores que hoxe flanquean, orgullo de noso, os campos de deporte do instituto.

Non hai adeallo con solidez abondo como para protexernos todo o tempo e a Javier Brandido Taboada non lle quedou outra que descubrirse como home de firme formación académica e de extraordinaria sensibilidade persoal e social.

Ao abeiro da norma que permitía ao profesorado con titulación adecuada exercer como Orientador, el, durante décadas profesor de educación física e licenciado en psicoloxía, converteuse no primeiro orientador do instituto.

Ás vinchas coas máscaras protectoras! Desde a súa nova función, atendeu os problemas individuais que o requerían, organizou actividades de formación para o profesorado e entendeu, coma ninguén, que os problemas aos que se enfrontaba tiñan unha raíz psicosocial e que só se podían atender desde a creación dunha ampla rede que se estendese moito máis alá das protectoras, pero limitantes paredes do centro. Nacía ASPADEZA.

ASPADEZA, exemplar e emblemática, está a piques de cumprir vinte e cinco anos. ASPADEZA garda, mellor ca nós, a memoria do seu impulsor e primeiro presidente. As árbores que plantei, Mario, as árbores que plantei -escribo e non seco as bágoas.

Grazas, ASPADEZA, vós sabédelo facer mellor.

FOTO: Ramón Leiro. La voz de Galicia.

Amigo, compañeiro Brandido, noso de nós!