Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións

06 marzo, 2024

Coa nosa xente : Diego Portas González

Ao fío de recibir o Premio á Excelencia Académica en Historia, dámoslle a benvida á sección Coa nosa xente ao historiador Diego Portas González.

Foto: Xoán Álvarez / Faro de Vigo

Non contaba con este premio; de feito, non sabía que existía, e moito menos que mo ían dar. saquei boas notas pero non intentei ser o mellor nin nada. Intentaba levar os exames o mellor preparados posible dentro das miñas posibilidades. A modestia que reflicten estas palabras pronunciadas por Diego en entrevista concedida a Faro de Vigo amosan a súa excelencia como persoa.

É máis, desde a atalaia de fin de carreira aconsella ao novo alumnado universitario que non pasa nada por cometer erros e que os resultados académicos non nos definen como persoas.

Moitos parabéns Diego.

A seguir o noso Diego cando o 2º do Bacharelato: 

Diego no curso de 2º Bac. 2018-19. Copyright IES Aller Ulloa

 

 

 

30 maio, 2023

Roteiro polo Lalín da República e o Franquismo

Os rapaces e as rapazas de 4º da ESO están a piques de rematar os seus estudos obrigatorios, e algún e algunha deixarán o mundo académico para integrarse, de teren sorte, no laboral. As súas profesoras de Historia, Marta Otero e Alba Payo, pensaron que non debían acabar a súa formación obrigatoria sen coñeceren a historia das rúas polas que transitan, e tiveron a ben guialos pola zona urbana de Lalín para impartirlles unha clase de Historia diferente, fóra das aulas, mais na súa contorna, nos espazos que percorren día a día. 

A seguir, a crónica de Alba Payo e unhas imaxes de Marta Otero:

"O alumnado de 4º da ESO fixo unha saída pola nosa vila para coñecer os lugares da memoria histórica do Lalín da República e do Franquismo. Deste modo, descubriu o antigo rueiro da ditadura, comezando pola rúa que leva o nome do alcalde republicano executado, Manuel Ferreiro Panadeiro, ou o porqué do nome do CEIP Xesús Golmar, mestre inhabilitado para o ensino. 
Tamén puido comprobar os vestixios da ditadura, cos símbolos de Falanxe, que aínda se poden ver na fonte de Lalín de Arriba e na varanda de pedra do Parque de Loriga.  
Desde alí, continuou polo Hospitalillo que funcionou como cárcere co golpe de estado, e o lugar onde estaba a Brigadilla que perseguía o maquis e torturaba prisioneiros políticos. 
Finalmente, chegou ata o edificio que foi a Casa da República e visitou as Casas Baratas, vivendas de promoción oficial do réxime."

 Na Praza de Calvo Sotelo, hoxe Praza da Torre (popularmente Praza das Pipas)


Na estatua de Joaquín Loriga


No IES Laxeiro, antes Hospitalillo (habilitado como cárcere no Golpe de Estado e Guerra civil), logo Colexio Sagrado Corazón, Instituto Laboral e de Bacharelato Aller Ulloa

No Museo Ramón Mª Aller Ulloa





































 







Nas casas baratas Leopoldo Sanmartín en Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán


Detrás do Pontillón e da casa que ocupa o lugar no que estaba o Cuartelillo da Brigadilla da garda civil
Na contorna do CEIP Xesús Golmar, último alcalde republicano de Lalín e mestre represaliado

 



25 abril, 2023

A Gran Guerra. As cartas da esperanza II : O libro

O pasado mes de marzo, o vestíbulo do instituto foi testemuña da exposición Cartas desde as trincheiras, continuación da actividade iniciada o curso anterior co título: A Gran Guerra: As cartas da esperanza. Dita actividade foi desenvolvida polo alumnado de 4º da ESO coordinado pola profesora Alba Payo. E é agora que vos presentamos o libro froito da exposición.

Agardamos que sintades as mesmas sensacións que o alumnado, que, en palabras da profesora Alba Payo, nun xogo de empatía puxo a súa voz nas cartas que os soldados enviaban á casa dende aquelas trincheiras da Gran Guerra infestas de ratas e piollos, cubertas de lama e con cheiro a gangrena, dor e morte.E que a alumna Elba Couso Patiño soubo complementar con mestría na ilustración da portada do libro.

A seguir o libro dixital: