Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua. Amosar todas as publicacións

29 abril, 2025

Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2024)

BERSANI, Andrea: Cela. [Aquí]

No primeiro trimestre do curso 2024-2025 realizamos entre o alumnado  (ESO, bacharelato e da FPB) unha enquisa sobre a situación sociolingüística do centro canto a lingua inicial e habitual e usos lingüísticos, a través de enquisas de método cuantitativo con preguntas pechadas ou estandarizas.

O traballo de campo concretouse no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2024), elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o Equipo de Traballo da Biblioteca, coa colaboración da Dirección e do profesorado titor.

Da análise dos resultados salientamos a perda de identidade da lingua galega, se comparamos as porcentaxes de só galego ou máis galego como lingua habitual (55,3%) con só galego ou máis galego como lingua inicial (59,2%), é dicir, un descenso de case 4 puntos canto á lingua inicial; o que reproduce a situación “macrodiglósica” ou de “dobre diglosia superposta” que estamos a vivir.

A seguir o informe do MSC-2024:


01 maio, 2023

Encontro con Orgullo Galego

En maio do 2022 esperabamos a Borxa González, membro de Orgullo Galego, para un encontro co alumnado do segundo ciclo da ESO, arredor da temática "O galego e as redes sociais", mais a Covid-19 aínda nos quixo xogar outra mala pasada e Iago non puido reunirse co noso alumnado.

Neste 2023 convidámolo de novo, e mañá, 2 de maio, estará con nós, entre as 11:00 h e as 14:00 h, para que o noso alumnado poida aprender algo máis e resolver dúbidas e curiosidades. Con esta actividade inauguramos o "Mes das Letras" no Aller Ulloa.



05 marzo, 2023

5 de marzo e Otero Pedrayo

"Tal día coma hoxe, en 1888, nacía Ramón Otero Pedrayo, día no que se celebra a festividade de santo Adrián. O dato é relevante pois este será o nome elixido polo escritor para nomear a moitos dos seus personaxes" así nolo recordan desde o perfil que a Fundación Otero Pedrayo ten na rede social Facebook.

Tamén un 5 de marzo foi o día no que Otero Pedrayo deixou as aulas universitarias coa que sería a PRIMEIRA CLASE NA NOSA LINGUA despois da guerra civil, cun discurso que levaba por título "Unha visión xeral de Galicia". 65 anos máis tarde aínda seguimos a loitar pola normalización do noso idioma.

Canto fixeron estes homes da Xeración Nós! E canto nos queda por facer!

Imaxe: https://www.facebook.com/photo/?fbid=581308600708850&set=pcb.581308660708844

27 xaneiro, 2023

Coa nosa xente... María Pol López

Ao fío da publicación en 2022 do traballo de fin de grao no volume 7 da revista Cumieira.Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, publicación de carácter anual, editada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a María Pol López. Con anterioridade, o traballo xa fora editado en liña en xuño de 2021 pola USC

María en primeiro plano con Tania na presentación da Asociación Cultural Chorima

A investigación de María Pol leva por título Descrición e percepción do cambio en tempo aparente do uso da gheada en Lalín.

Á esquerda portada do Vol.7 de Cumieira, a dereita a edición da USC

Un traballo feito con moito rigor metodolóxico e científico que María resume da seguinte maneira: 
“A investigación realizada permitiu abordar o uso da gheada botando man dos marcos metodolóxicos da análise do cambio lingüístico en tempo aparente e da lingüística popular. O obxecto de estudo foi o uso da gheada e a opinión que teñen as persoas do concello de Lalín sobre o dito fenómeno. Na análise dos datos cuantitativos, observouse con claridade que a tendencia de uso da variante con gheada redúcese conforme a idade dos entrevistados tamén diminúe, pois as persoas máis novas case non a empregan (só presentan no discurso analizado un 1,2% de ocorrencias con gheada). Polo tanto, na diminución do uso deste trazo a variable da idade xoga un papel moi determinante. O cambio máis abrupto atópase entre a xeración máis vella e a intermedia, cunha diferenza do 52% no uso da gheada. Entre a xeración intermedia e a máis nova a diferenza é do 25%. Con todo, é preciso ter presente que os datos da xeración máis nova están condicionados pola consciencia de estar nun contexto formal, malia que esa sensación tentou ser evitada”.

Moitos parabéns polo progreso persoal, María.

A seguir a nosa María de cando o 2º do Bacharelato:

María no curso 2016-17. Copyright IES Aller Ulloa