16 decembro, 2021

Nadal químico e libros sorpresa

Chegou o Nadal! E o alumnado de 2º da ESO quere felicitarnos estas datas desde a Química. Mirade senón que árbore nos trouxeron ata o taboleiro da biblioteca, con felicitacións en diferentes linguas, usando os símbolos químicos como letras para a súa postal.


E desde o luns poderedes levar libros en préstamo para ler durante as vacacións. Sempre podedes pedir asesoramento, ou consello lector, ao profesorado que anda pola biblioteca, pero se sodes ousados e ousadas na lectura podedes arriscarvos a levar un libro sorpresa, do que só poderedes ver, antes de collelo prestado, a recomendación dalgunha outra lectora ou lector.














09 decembro, 2021

Concurso de carteis para a reciclaxe

As cousas non sempre saen como un espera, e esta vez a convocatoria para elaborar carteis que animasen á reciclaxe non tivo moito éxito. Ningunha das 14 propostas logrou convencer o xurado, que por unanimidade declarou deserta esta primeira convocatoria. Iso si, o profesorado de Debuxo vai traballar co seu alumnado algunhas das ideas que se viron no concurso, para elaborar eses carteis que nos animen a unha mellor selección do noso lixo, separando o plástico do papel e convencéndonos de botalo nos contedores que temos por todo o centro.

De momento, deixámosvos unha foto da exposición dos orixinais presentados.



07 decembro, 2021

Visita da empresa Aerocámaras

O pasado venres 3 de decembro tivo lugar, no noso centro, un encontro dos alumnos e das alumnas de ciclos formativos coa empresa de Lalín Aerocámaras. Visitáronos dous dos seus membros, Jose e Álex, para presentarnos os seus proxectos e o seu xeito de traballar.

Aerocámaras é a operadora de drons líder en España, que leva anos en expansión, ofrecendo unha gran variedade de servizos, dende gravación de publicidade, cine e tv ata levantamentos topográficos e cartografía en 3D, así como situacións de emerxencias e rescates, inspeccións técnicas de grandes estruturas, agricultura de precisión e eliminación de pragas ou formación de pilotos e fabricación de drons profesionais.

O obxectivo da visita era propiciar unha relación entre o IES e a empresa dado que, como nos explicou Álex, nela teñen cabida persoas formadas no desenvolvemento de aplicacións, na administración de sistemas informáticos ou na programación orientada a obxectos: tres ámbitos directamente relacionados cos ciclos formativos impartidos no noso centro.

Dita relación podería materializarse tanto a través da acollida de alumnado en prácticas como da posible incorporación de novos titulados, para o que os convidaron a poñerse en contacto coa empresa e compartirlles pequenos proxectos que teñan desenvolvido, apuntando que, para eles, tan importante son os coñecementos como unha boa predisposición, compromiso e proactividade.

O encontro deixou un bo pouso entre o noso alumnado, o que, de seguro, lles dará un pulo para o traballo que lles queda desta primeira avaliación e esperemos que das seguintes.

Luísa Areán Taboada, profesora de FOL




  

06 decembro, 2021

O señor das moscas

Cando falamos de "O señor das moscas" vénnos a cabeza a figura de William Golding, autor da novela inglesa Lord of the flies, pero este 4 de decembro a Universidade Nacional Autónoma de México, a través da súa conta de Twitter para a divulgación da ciencia, quixo recordarnos que hai outro "señor das moscas": Thomas Hunt Morgan, xenetista estadounidense, Nóbel en Medicina (1933) e que, entre outras cousas, estudou a macromutación na mosca da froita. Aquí vos deixamos a publicación da DGDC UNAM:



01 decembro, 2021

Unha recomendación: "Rapazas de Polar", de Eva Moreda


E
sta noveliña de Eva Moreda é unha seria extravagancia: unha subversión radical do subxénero das novelas de colexios femininos que se ramifica con decisión, mais con humildade, cara os ámbitos da novela política, social, histórica, familiar, íntima, feminista, realista, fantástica, alegórica, de aprendizaxe... e máis.

A novela é o relato dos seus anos en Polar (o internado) que lle fan esas rapazas do título a un vostede que seica preguntou por eles. Anos inquietantes e tebrosos que entran e saen do internado, coas rapazas, tecendo unha rede de alusións que perfilan con incisiva sutileza determinados aspectos dunha época: os anos trinta e corenta do pasado século, nunha Galicia inserida no contexto europeo que desaugou na guerra civil e na segunda guerra mundial.

En cada un dos catros capítulos en que se divide a historia, o foco da atención de quen narra (un nós que, irremediablemente, só pode ser un eu...) proxéctase sobre un personaxe diferente. Da relación entre cada un deles e as rapazas parten os axóns que vincularán o espazo e a realidade do internado cos do exterior.

Un mérito sobresaínte da novela é a prodixiosa mestura de perspectivas coa que se conta a historia: un man a man entre a voz reflexiva da muller adulta que quere narrar pasado un tempo e a súa voz da nenez, voz que reflicte a súa visión directa daquela época como voceira dunhas rapazas que viviron illadas, precisamente, dela. Así é como Moreda consegue facer natural a presencia de lobishomes e porcos falantes, respectando a tradución, diáfana e coherente, que unhas mentes en formación e desexosas de vida facían dunha realidade turba e arbitraria.

Rapazas de Polar é unha historia dunha orixinalidade hipnótica.