27 novembro, 2009

LerENvenres (I): Alfanhuí.


Ando coa idea de que o venres é un bo día para visitar as miñas lecturas permanentes. Se a idea vai por riba, Alfanhuí é a adecuada para esta semana “inaugural”.

A primeira razón compartímola todos aqueles que nos alegramos do premio a Don Rafael. A segunda ten que ver coa miña biografía lectora:

Non podo precisar cando naceu a miña fascinación polas palabras, nin cando empecei a coleccionar nelas dun xeito consciente. Pola contra, podo revivir o momento preciso en que me decatei de que non abondaba con coleccionalas, senón que había que ordenalas e poñelas en relación.

Viaxo ata aquel momento: ao tedio dos interminábeis estudos no internado ao que me desterraran, ao tedio que só podía soportar grazas a aquel Senda ao que me eu agarraba como un galo de cataventos se abrazou a un tizón da fragua para non se extinguir definitivamente.

Alí estaban o galo de cataventos máis cruel e o máis vingativo dos nenos. Tratábase do primeiro capítulo de Alfanhuí que lin e relín ata case sabelo de memoria. E que lin e relín mil veces na memoria mentres observaba aos lagartos tecer, na parede da palleira de meus avós, alfabetos raros só compresibles para min. Eran os lagartos, aos que eu non me atrevín a matar, pero nos que adiviñaba as catro colores que me deberían servir para dourar os picaportes, para facer un reloxiño de area, para que miña nai tinguira os “visillos” que non tiñamos, nin eu sabía que podían ser, e, sobre todo, para eu fabricar A TINTA..., unha tinta dun ton sepia como nunca se vira, coa que eu había escribir as aventuras de Alfanhuí esquecidas polo señor Sánchez Ferlosio e que non compartiría con ninguén...

[Sígolle insistindo (levo un cuarto de século niso) aos meus colegas de Lingua Castelá que fagan do Alfanhuí a materia dun trimestre cando menos, porque sigo pensando que ante Alfanhuí non hai nin vampiros, nin nenos magos, nin nenas bruxas, nin zarapalladas mil que se poidan facer valer. Digo]

M. P.

1 comentario:

jfbmurcia dixo...

Navegando,navegando, llegué a su blog. Me ha sorprendido gratamente en todos los sentidos. Muchos animos y les felicito por su trabajo educativo.
Enhorabuena.

jfbmurcia