Onte debían reiniciarse as clases con toda normalidade. A hostilidade do tempo e dos tempos non o permitiron.
Na adversidade, resultou especialmente reconfortante o agasallo que nos remitiu o profesor Docobo.
Trátase da reprodución facsímile dos Ensaios en galego do Dr. Ramón Aller Ulloa, reunidos e prologados por Filgueira Valverde en 1989 e que foran publicados entre 1931 e 1934 na revista Logos de Pontevedra.
Dúas liñas mestras guían a pluma de Don Ramón neles. Unha, a solución ao posible conflito entre Ciencia e Fe, que Don Ramón, sacerdote e astrónomo, resolve sen dificultades. Outra, a divulgación científica, na que o autor mostra a súa gran capacidade pedagóxica para expoñer conceptos complicados en palabras simples.
Alén diso, os ensaios representan un dos primeiros (se non o primeiro) intentos de elaboración dunha prosa científica en galego. Se iso resulta admirable en por si, máis o é a precisión, limpeza e elegancia con que se desenvolve.
Sobre a base dun galego popular (a súa lingua familiar e habitual) e o coñecemento da variedade culta que, neses anos, se estaba a construír sobre todo a través da literatura e as ciencias sociais, Don Ramón tece un discurso para as ciencias experimentais que non perdeu vitalidade.
O noso agradecemento ao profesor Docobo, ao Observatorio da USC e ao CSIC-Galicia polo agasallo: na hostilidade destes tempos, a reedición preséntase dobremente necesaria e oportuna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario