16 xaneiro, 2010

LerENvenres (VII): "Cousas de nenos", de Castelao


Gosto de mirar e remirar un libriño que Castrelos publicou en Vigo alá polo 1976 (60 pesetas) co título de Cousas de nenos; nel recóllense algunhas das viñetas periodísticas nas que Castelao utilizou ós rapaces como protagonistas. Sendo en branco e negro, son especialmente cegadoras.

Recorda Claudio González Pérez, no seu Pórtico, unhas coñecidas palabras de Mark Twain que Castelao colocara ao comezo de Un ollo de vidro: "debaixo do humorismo hai sempre unha grande door (...)". Penso eu que a viaxe é de ida e volta: a dor expresada con humor recrúase por obra do contraste e, así, termina por ser moito mellor perfilada. E quen di dor, di tristeza, desacougo, incomprensión: calquera deses sentimentos que Castelao recollía con tanta perspicacia no tenso espazo de fronteira entre as persoas e a sociedade. 

O que sempre me gustou destas viñetas é, precisamente, que, lonxe de reflectir un estrito momento, contan unha historia. Son contos gráficos hiperbreves nos que a imaxe materializa en individuos concretos o sentido do texto que as acompaña. 

É a imaxe, sinxela que non simple, a que, coa precisa atención do autor pola roupa e os xestos das facianas, a que prolonga a frase do pé cara atrás e cara adiante no tempo. Hai, así, unha constante actitude de denuncia da cotiá e real experiencia do abuso de poder e autoridade dunha época que, na ausencia de referencias paisaxísticas e temporais precisas, en moitos casos parece aínda a nosa.

[Nenos de Castelao no museo de Pontevedra]




2 comentarios:

Xabier Carracido dixo...

Eu prefiro o Castelao serio ao Castelao chistoso. O primeiro perdura, o segundo é fugaz coma un sorriso.

A Marela Tarabela dixo...

Nota: por razones irracionales, cinco años después de publicarse esta entrada, al autor de la misma se le ocurrió, sin ser consciente de que ya lo había hecho, volver a publicarla cambiando algunas cosas. Se ha sustituido el contenido antiguo por el nuevo, muy similar, pero se ha mantenido su lugar en la cronología.

El comentario de Xabier Carracido venía, seguramente, al caso de este párrafo ahora eliminado: "Teño por ben seguro que, de Castelao, algúns deberían ler máis as súas cousas que o seu couso de Sempre. Cecáis, o sentido de tantas pretensións inconcibibles nestes tempos quedarían alumeadas baixo outra luz, ó mellor menos realista, pero dende logo bastante máis real."