Na que vai, xa non estou tan seguro de que isto de recuperarmos lecturas “permanentes” sexa unha boa idea. Véñanme á cabeza ou póñame a buscalas nos andeis, o certo é que, moi a miúdo, recuperalas arréame un subelazo de saudades no peito que me deixa abaneando.
De todas as miñas relecturas esta é a máis estraña. Cando a collín o verán pasado por unha casualidade, non gardaba a idea de que a mallara con tanta intensidade como evidenciaban os abundantes subliñados e anotacións na marxes. Uns e outras delatan que, no seu momento, lle dediquei moitas horas laboriosas polas dificultades de comprensión e as obrigas de memorización.
Retomada, como digo, o verán pasado, sorprendinme léndoa con toda fluidez e deleite. Lina (aquí non se pode dicir que a volvín ler) coma se dunha novela de protagonista colectivo se tratase. As idas e voltas dos fonemas (que simpáticas me resultan agora as súas transcricións!), as voltas e reviravoltas dos pronomes (que chistoso me parece agora iso de acusativo por aquí e dativo por acolá), as reviravoltas e pinchacarneiros dos tempos e modos verbais (que familiares me andan subxuntivos e antepretéritos!) aparécenseme como personaxes dunha colosal e ensarillada trama argumental que se desvela no final apoteótico que dá lugar ao nacemento dos romances.
Sen a obriga de examinarme, simple lectura de pracer, mesmo me parei a saborear a letra minúscula con que eu anotara naqueles tempos de fatiga universitaria. E de todas as anotacións e subliñados hai un fragmento que esquecera totalmente e que me chamou a atención.
Que raio me impulsaría a marcalo con tanta intensidade?
Sería que (lédeo sen mirar a tradución das tradutoras ao portugués do señor Lausberg) eran tempos en que andaba fascinado coa caravana de Hugo Ball e demais tropa dadá?
Ou sería que daquela eu xa intuía que as vacas son boa xente?
Trátase dun texto en franco-provenzal [INSISTO: lédeo varias veces en voz alta antes de mirardes a tradución, que podedes consultar pasando o rato por riba da mancha negra]
(Vaca, vaca, ao mugimento! / Vinde todas, / Pequenas, grandes, / Brancas, pretas / Vermelhas, manchadas, / Vaca, vaca, ao mugimento!)
Que cousas se aprenden!
Ningún comentario:
Publicar un comentario