Moi de cando en vez, catalogar un libro prodúceme un estremecemento. Este é o caso.
Homenaxe a Anisia Miranda distribuíuse o sábado pasado no auditorio de Vila de Cruces, despois do acto celebrado na súa memoria.
Co libro nas mans, renovo as palabras de amor feroz con que Mini e Mero introduciron as tres pezas que lle serviron á Quenlla para abrir o acto e vólvome erguer en compañía dun auditorio ateigado para ovacionar longamente, como eu nunca vira, a Neira Vilas tras pronunciar os agradecementos que o clausuraron. “Xuntos” foi a palabra que -anáfora nunca gastada- estruturou o seu discurso, xuntos Xosé Neira e Anisia.
O libro, coordinado por Valentín García, é un agasallo póstumo da propia Anisia: un percorrido pola súa biografía e unha selección de textos seus.
Ao longo da xeografía central da nación errante (Bos Aires – A Habana – A Terra), Anisia empeñouse en activar a lectura, dirixíndose especialmente á xente máis nova. Fundadora da distribuidora Follas Novas na Arxentina, man dereita de Alejo Carpentier na Editorial Nacional cubana, directora e redactora (ás veces única) de revistas infantís..., autora en castelán e galego, Anisia segue, aquí, necesaria.
Ninguén, entre os nosos, dedicou tanto tempo e talento á animación á lectura. Ninguén entre os nosos (e aínda somos ben deles con ben empeño, meus fozabibliotecas!), poderá construír unha biblioteca como a de Gres:
“A casa do Romano comezou a reconstruírse co propósito de que nela se instalase unha biblioteca pública /.../
A nova da futura biblioteca espallouse na prensa e pola comarca do Ulla, e os comentarios eran: Unha biblioteca en Gres! Coido que sen malicia ningunha, ninguén o cría posible.
Tiñamos decidido que o que fora sobrado –dormitorio común da familia- destinaríase a sala de lectura para adultos, a dos nenos e adolescentes radicaría na que tiña sido corte da única vaca” (de Biblioteca na aldea in A Nosa Terra, Vigo, 1997)
Pois si, aí a está, na corte da única vaca, desa única vaca que nós, os da Marela Tarabela, escollemos para que nos tutelase e nos chuzase co fin de seguirmos buscando nas pegadas da sempre necesaria Anisia.
1 comentario:
Ke lindo escribes, Mario!!!
Publicar un comentario