Pasadomañá , xoves, ás oito na libraría Vagalume, Carlos Negro presentará Penúltimas tendencias.
Sempre esperamos con inquietude a presentación dun novo libro de Carlos e máis se é en Lalín.
Buscando na memoria da biblioteca, lembramos aquel primeiro número d'A Marela Tarabela. Daquela idearamos unha sección titulada O libro que me atopou, na que lle propuñamos a un lector/escritor que nos comentase o libro (ou un dos libros) que o atrapara.
Carlos realizara a primeira colaboración e este é aquel texto:
- - -
Poe ese veleno xuvenil sen antídoto posíbel
Hai moitos moitos anos, nun
reino moi afastado chamado Laliniput, cando aínda ninguén soñaba con
ordenadores nin con teléfonos móbiles, un mozo tímido e apoucado descubría que
as sensacións máis intensas do universo residían nun fermoso exemplar da colección
Tus
Libros, titulado El
escarabajo de oro y otros cuentos, de
Edgar Allan Poe (1809- 1849). Era aquel un reino algo cativo, onde, por desgraza,
as traducións de clásicos da literatura universal á lingua galega resultaban
aínda moi escasas.
Aquel mozo , por trescentas
cincuenta pesetas, descubriu, de súpeto, unha maxia peculiar, un modo de narrar
historias que envolvía a percepción do lector nunha rede de araña, nun calidoscopio
de sensacións que xiraban en torno ao enigma máis recóndito entre todos os
enigmas posíbeis: a mente humana , coa súa carga de obsesións e misterios, de
razón e loucura, de intelixencia e delirio.
Logo de ler a Poe, de
mergullarse a fondo nos relatos breves de Poe, nunca nada volveu ser igual; Poe
foi para el (e coido que segue a selo) o primeiro mestre do conto literario, un
hábil narrador formalista que modernizou a tradición gótica e romántica dos
relatos de terror, detallando a vivencia do Medo desde a perspectiva psicolóxica
do personaxe que a padece, desde a escuridade das covas máis profundas da súa conciencia,
construíndo atmosferas opresivas co detallismo máis minucioso e terríbel. E só
co poder imaxinativo que garda a Palabra: esa chave invisíbel que abre
infinitos mundos virtuais. Coa axuda de Poe, aquel mozo foi madurecendo, volvéndose
adulto; a través de Poe, descubriu facetas ocultas da complexa personalidade humana:
non só os abismos do terror, senón, ante todo, os mecanismos da obsesión e da
enfermidade, da perversión e da morte, da crueldade e da paixón; ademais, a
través de Poe, aquel adolescente comezou a camiñar pola apaixonante senda do
relato detectivesco, baseado na lóxica racional e na intelixencia analítica dos
seus personaxes protagonistas, sobre todo de Auguste Dupin, ilustre predecesor
literario de detectives tan famosos como Sherlock Holmes.
Pasaron xa moitos anos
desde o fulgor da primeira e intensa lectura do libro ; logo de Poe, irían
aparecendo, co pracer de moitas horas de lectura, outros mestres do relato
breve: : Jack London, Horacio Quiroga, Julio Cortázar, Rafael Dieste... Mais
sempre, e xa de por vida, o mozo de Laliniput garda no corazón aquela intensidade
Poética dun autor que se fixo universal, a pesar dos tráxicos acontecementos
que definen a súa biografía (outro relato capaz de impresionar a calquera persoa que estea posuída
polo verme da curiosidade).
Nada máis: só dicirvos que
probedes a ler a Poe, ese veleno sen antídoto posíbel.
- - -
A que entendedes que o recuperemos e non queiramos que se perda?
Ningún comentario:
Publicar un comentario