09 febreiro, 2015

Ao fío do encontro con Bernardo Adeva


Por Claudia Alonso
  
O home sempre buscou a orixe do universo e as súas partículas fundamentais. Antigamente, cos presocráticos, había quen buscaba archés dos que se formaría todo (aire, lume, auga, ect). Con todo, o mundo cambiou dende aqueles tempos e aínda que se seguen a buscar os compoñentes fundamentais da materia (e como interaccionan), hoxe facémolo dende a prespectiva da física de partículas. O pasado xoves tivemos a honra de recibir a Bernardo Adeva Andany, catedrático de física atómica e molecular da USC. Puidemos escoitar información relativa aos quarks e á antimateria de alguén que a coñece de primeira man, pois ademáis de traballar no sincrotrón DESY de Hamburgo xunto co premio Nobel Samuel Ting, o seu grupo de investigación da USC participou no experimento LHCb do CERN.

 A charla, tremendamente produtiva, seguramente deixou sorprendido a máis de un. Por unha parte, falouse do complexo asunto da antimateria e a materia. Cada partícula posúe a súa antipartícula (un electrón ten a súa antipartícula no positrón, un electrón positivo), e se as partículas forman a materia, as antipartículas formarán a antimateria loxicamente. Porén, a materia e a antimateria deberían terse aniquilado mutuamente, pero non foi así xa que predomina a materia. O profesor Adeva mencionou a posibilidade de que houbera galaxias formadas por antimateria, aínda que nunca se observou ningunha.

Por outra parte,  sorprendeunos cos científicos mencionados, pois todos esperábamos oír nomes como o de Stephen Hawking, pero non foi así. Foron nomes importantes neste ámbito, segundo o catedrático, Paul Dirac e Georges Lemaître.  O primeiro predixo a mesma existencia de antimateria (tema principal da charla) e o segundo propuso o Big Bang. Isto último é especialmente sorprendente pois tratábase dun cura, o cal é pouco habitual cando falamos de temas de física. Ademais, esta teoría hoxe aceptada foi desacreditada por Einstein, que tiña moito prestixio na comunidade científica xa daquelas. Finalmente, cabe mencionar a desilusión xeral ou decepción de Adeva no seu traballo no LHC, pois el tiña a esperanza de poder romper o modelo actual. Isto non significa que as súas observacións non foran importantes, senón todo o contrario, pois axudaron a negar certas teorías que se estaban a plantexar.

 As ideas e a información exposta por Bernardo Adeva foi moita e difícil de resumir e, aínda que nos resolveu moitas dúbidas sobre esta materia, deixou novas dúbidas sobre a física actual. Preguntas difíciles de responder pero, ás veces, as preguntas son máis importantes que as respostas.

Ningún comentario: