09 maio, 2024

Gandaría: muíños e pensos

O alumnado de 2º e 3º de ESO  que está a traballar no proxecto interdisciplinar "Lalín, o concello das mil vacas" gozou onte dunha actividade lúdico-didáctica que cambiou as aulas do Aller Ulloa pola natureza de ribeira e a nova planta de NUDESA.

O percorrido á beira do Río Santa Lucía permitiu ao alumnado seguir ampliando os seus coñecementos sobre a gandaría e agricultura da época dos seus avós: muíños de río para moer os cereais, como o Muíño de Cuíña, en funcionamento desde 1917; lameiros ou herbeiras, desde onde se carrexa a herba verde e que hoxe teñen outros usos; ameneiros para solar os zocos. Xa nas marxe do Deza aprécianse os restos dunha antiga central hidroeléctrica que desde os anos 50 levaba electricidade ás explotacións. 

O percorrido gandeiro rematou no Pazo de Trasfontao, para coñecer as condicións de vida dos propietarios da terra ata a rendición dos foros: casa grande, capela, pombal, carballeiras.

E xa no polígono industrial de Silleda, deu un chouto no tempo para trasladarse ata este 2024 no que NUDESA inaugurou a súa nova planta: pensos elaborados á carta, segundo as necesidades de cada explotación gandeira; tecnoloxía punteira e deseños de premio; postos de traballo para as xentes da zona e emisións 0.

O noso agradecemento á empresa en xeral por permitirnos a visita, e máis especificamente a todos os traballadores e as traballadoras que nos atenderon, explicaron e resolveron dúbidas.

A seguir, unhas imaxes do alumnado cos seus profesores Carmen Frade (ideóloga do proxecto), Borja Costoya e Uxía Nogueira.















 




























Ningún comentario: